O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

NOVA DE ACTUALIDADE 18/09/2013

Xunta de Galicia: Seminario de Formación: “Os menores e o uso seguro das redes sociais”

O Centro Demostrador TIC acollerá o vindeiro 26 de setembro un taller formativo sobre “Os menores e o uso seguro das redes sociais” organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
 
O taller, que será impartido en horario de 16:00 a 20:00 horas, ten como obxectivo sensibilizar ás familias sobre os principais riscos existentes polo uso non apropiado destas ferramentas e ao mesmo tempo proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos ou minimizar as súas consecuencias.
 
Nas xornadas participarán como relatores Blanca Díaz-Pabón Bascuñán Soporte de Usuarios en Tuenti, Gonzalo Sotelo membro do Equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Marta García de la Concha Álvarez Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na Provincia de Pontevedra e a participación de dous colexiados do CPETIG.
 
A sesión vai dirixida a todas aquelas persoas, especialmente familias, profesorado e formadores que estean interesados en preparar aos menores para afrontar a cara menos amable da Rede e dese modo dar forma ao seu futuro dixital. A asistencia, que é de balde, está condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en liña na web do CDTIC: http://cdtic.xunta.es/menores-tic-2 
 
A formación impartirase presencialmente nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela e nas aulas CeMIT que se conectarán por videoconferencia co CDTIC durante o desenvolvemento da actividade. En particular, as aulas participantes neste taller serán as das localidades de: Fisterra, Boiro, Betanzos, Burela (en colaboración coa aula de O Vicedo), Lugo, A Guarda, Leiro, Pontedeume, Celanova, Ortigueira, Barreiros, Xunqueira de Ambía, Vilanova de Arousa, Verín, Valga, O Porriño, Ponteareas, Lalín, A Coruña e Sarria. Se está interesado en acudir baixo esta modalidade, debe facelo a través da web da aula CeMIT do seu interese.
 
Máis información: http://cdtic.xunta.es