O que está a acontecer agora en Abalar

Abalar na rede :

  • Redeiras
  • Facebook
  • Twitter
  • Youtube

ACTUALIDADE DO PROXECTO 20/10/2014

Abalar: V Edición do Plan Navega con Rumbo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) vai poñer en marcha, por quinto ano consecutivo, o programa ‘Navega con Rumbo’, enmarcado dentro do proxecto Abalar, e que ten por obxecto concienciar aos escolares galegos no uso responsable da Internet.

Mediante este programa especialistas do CPEIG achegaranse aos centros educativos para impartir sesións divulgativas co obxectivo de proporcionar boas prácticas para unha navegación segura e útil co fin de evitar riscos derivados do mal uso da web e das redes sociais. A duración destas sesións será aproximadamente dunha hora, e nelas os relatores, con medios técnicos e material divulgativo, exporán nos salóns de actos ou nas propias aulas aquelas recomendacións e consellos útiles para acadar o obxectivo indicado: unha navegación responsable e segura.

Estas sesións estarán apoiadas nas Guías de Boas Prácticas, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, e que se poden descargar en formato electrónico na web do programa www.navegaconrumbo.es. Ademais, nesta web están a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

Poden inscribirse nesta iniciativa os centros públicos da rede Abalar, tendo preferencia os participantes no proxecto E-DIXGAL. Os centros interesados deben enviar un correo electrónico á dirección abalar.navegaconrumbo@edu.xunta.es antes do mércores 5 de novembro indicando:

  • o seu interese en participar neste programa
  • datos do centro (teléfono, correo electrónico, capacidade da sala onde se impartirán as sesións)
  • cursos que van asistir e unha estimación do número de persoas
  • datos da persoa de contacto (nome e apelidos, cargo)