TEXTOS 1

Luís Seoane
Textos galegos variados2
Léxico galego: o mar
PARA TRABALLAR O VOCABULARIO
11 12

(Vigo, por Xiao Currás). A Bolsa de Vigo sorprendeu hoxe aos habitantes do Pazo Marqués de Trasar cun recorte de 2,87 puntos que supuxo unha xerra de auga fría, pois as perspectivas xeneralizadas eran dun novo ascenso. A xornada deixou en suspenso un xuízo sobre tendencia, mais soubo a mal presaxio, xa que colleu o mercado co paso trocado no primeiro día activo nesta semana de cinco sesións.

A sesión foi má sen paliativos. O bo comportamento do venres e as análises publicadas durante a fin de semana facían confiar nun novo pulo alcista co que se conseguise outro máximo anual entre onte e hoxe. Sen embargo, o mercado observou un comportamento moi diferente: estivo frouxo desde o comezo, coa particularidade de que foi a peor.

Os primeiros curros presentaron descensos sen demasiada forza, con máis ben pouco volume e nun ton que os mesmos operadores cualificaban de abúlico. Mais segundo foi avanzando a mañá, o ambiente foise voltando máis sombrizo, debido a que a maior parte dos valores representativos descendía con claridade. Nunha boa parte dos curros a cotización comezaba subindo ou, polo menos, sostida, para caer a continuación.

Esta evolución sorprendeu a case todos e ninguén mostraba embarazo en recoñecelo. Os menos optimistas agardaban unha sesión tranquila, se cadra con repeticións abondo: mais unha xornada cunha aparencia tan fea era pouco previsíbel. Alén disto, tras os curros, a Bolsa non ficaba ben; seguía habendo papel, e ninguén parecía disposto a entrar tomando forte.

A mañá resultou pouco animadora e a xornada de onte non foi propicia para tirar conclusións. A actitude ao peche non era, xa que logo, de aproveitar os recortes, mais tampouco se deixaba ver unha grande presión vendedora. Máis ben predominaba a quietude en disposición de agardar a ver que ocorre. E é que non se adiviñaban onte factores que puidesen determinar a baixa. O peso das ampliacións? Si pode ter influído, mais no que levamos de ampliación quedou algo desinchado o prestixio deste elemento como perturbador da Bolsa. Foi un día atípico, do que non ficou definida unha tendencia, e na que o comportamento parece obedecer máis a unha mecánica interna do mercado que a algunha nova ou cambio externo relevante. Loxicamente, o venres deberon ser moitos os que pensaron que onte ía ser un bo día para vender; quizais o pensaron demasiados. O que quedou patente é que o ambiente se baixou abondo, e que segue habendo diñeiro nervioso e maiores valías acumuladas, ás que non lles pesa vender amarrando o paxaro na man.

EXERCICIOS:

l.-Buscar no dicionario as palabras ou expresións que descoñezas.

2.- Sinalar as palabras ou expresións que creas propias da lingua da Bolsa (tamén aquelas que teñen aquí un significado non frecuente na lingua usual).

4.-Composición: carta dun asesor financeiro aconsellando os investimentos en Bolsa a unha cliente.

Fragmento dunha entrevista concedida ao Diario de Espasante polo actual número 1 do Sky Channel.

- É certo que es o número un?

-Dinme que as miñas cancións son estándar, mais nunca as cantou Lou Reed.

- Que se sente ao lograr un Disco de Ouro?

- Si, o primeiro Disco de Ouro chegoume no 84 cando acababa de saír o meu primeiro disco compacto, pero a ledicia foi maior o día en que vin nunha tenda un Long Play co meu nome; custara moito chegar a un álbum, había nel moitas suores e momentos duros.

- Por que tan poucos concertos?

O mánager sempre me dixo que o primeiro eran os vídeo-clips, logo actuacións televisivas en playback. Concertos en directo, poucos e moi escollidos.

- Onde comezaches coa música?

- Estaba de disk-jockey nun FM artesanal que tiñamos alí no barrio, en Elviña, e mentres metía as cuñas publicitarias atendía as primeiras fans. Logo veu a primeira maqueta e o demais que veño contando.

- Veña, que estarás forrado!

- Olla, sempre loitei por un royalty alto, claro e transparente para todos, pero non dou aforrado un can, estou como cando empecei.

- Cal é o teu segredo musical?

- Xa de cativo era un pequeno esperto en jazz-band, aos doce anos empecei a interesarme polos blues; logo ...

EXERCICIOS:

1.- Sinalar todos os anglicismos.

2.- Indicar as palabras ou expresións que se crean propias da linguaxe referida á música.

3.-Composición: escribir a historia dun grupo musical coñecido ou inventado.

É un filme moi especial. Na primeira escena aparece ao lonxe a espadana da ermida. A cámara vai baixando para se ir achegando á figura dun entangarañado que se axusta a súa perruca. Volta a cámara á ermida, e descendo agora pola parte de atrás vemos como un enorme lobo lle bota as gadoupas a un cuxo deixándoo rabelo. O entangarañado ceiba un urro que fai fuxir ao lobo. O pucho fica no chan co lombo escalazado. Aos poucos, vaise erguendo e, tartariñando, afástase mentres a néboa escasa se vai esvaecendo. O entangarañado é agora un mozote rexo que se pon a facerlle garatuxas ao becerro. Este, que xa está san e lustroso como un año de quince días, ponse a morder nas follas da sebe que serve de muro ao adro da ermida. A cámara céntrase agora na mirada do cuxo, nos seus enormes e doces ollos, onde vai aparecendo o elenco de todos os participantes por orde alfabética; despois o produtor, realizador e todos os de costume.

EXERCICIOS:

l.- Buscar no dicionario todas as palabras que non se comprendan.

2.- Composición: Describir varias escenas dunha película, facendo uso da terminoloxía usual: zoom, flash-back, etc. se se coñece.

3.- Tema para falar: o cine e a televisión; futuro do cine, comparación cos telefilmes.

Quen queima o monte?

Parece que as causas dos incendios son variadas. Pilar defende a idea de que uns poucos pirómanos, pirotécnicos fracasados segundo ela, ben distribuídos polo país poden encher todo de fume e labaradas. Marisa expón a súa teoría para moitas fumarolas e luminarias: o forte sol quenta unhas acendallas (fentos, silvas secas) que, ao queceren, acenden a herba seca e axiña aparecen as chamas que deixarán moreas de borralla ao arderen os grosos toros das árbores. Carme conta que na aldea duns tíos seus xa atoparon algunha vela que serve de mecha para facer alampar os toxos secos e que logo se produce un resplandor moi enxebre e a cinza vai servir de abono a un precioso pasto na primavera. Maruxa bótalles a culpa ás fábricas de pasta de papel, que así teñen a madeira máis a prezo; habería que prohibir a venda de madeira queimada aínda que sexa ao mesmo prezo que a outra. Vicenta coida que o dos lóstregos é unha trola; que un raio alumea moito mais non ten que ver co lume que cada verán nos invade. Para ela ten máis culpa moito fumador que tira un fósforo aceso ou que bota ao chan a muxica do seu "pito" crendo que o campo é un cinceiro. Hai outros moitos intereses creados que fan dos nosos bosques un forno, un braseiro incandescente, que ata saes un día por aí e as poallas -eses fragmentos de cinza a modo de moscóns- póñenche perdida a roupa (é agora María a que fala). E tamén habería que falar do segundo paso, dos medios que hai para apagar, para extinguir todo ese inferno: homes, camións, avións, interese da sociedade ...

EXERCICIOS:

1.- Sinalar todas as palabras que entren no campo semántico "lume", buscando no dicionario o significado das que non coñezas.

2.- Construír dúas frases onde apareza a palabra "lume" e outras dúas con "fogo".

3.- Tema para unha descrición: un incendio. Pode ser urbano, como no filme O Coloso en Chamas; ou no campo, como en O Libro da Selva.

4.- Conversa: expor os argumentos que se citan no texto en torno aos incendios e o desastre ecolóxico.

Cos meus cada noite é unha feira. Comeza coa Carmiña aí polas nove, que non dá collido o sono no berce. Miña nai cántalle unha cantiga de berce xa se pon a deluvar os ollos, vaise adormentando. Meu irmán Alexandre é un durmiñón, déitase cando as pitas, no Telexornal xa empeza a topenear, métese no dormitorio e ¡a durmir!. E moitas veces aínda bota a sesta un anaquiño despois de xantar. Tamén ao pai lle iría ben a sesta mais ten que ir traballar, só adormece uns segundiños, case sen tempo para botar unha cabezada e di que está novo. Coa cea na barriga, mentres eu leo, a avoa ponse a bocexar e a adormecer aos poucos, cada vez que na tele elevan a voz espile algo e volta a adormentarse no sofá. Logo di que non dá pegado ollo e quéixase do insomnio, que calquera ruído a desvela e xa está de vixilia toda a noite. A que non ten problemas para conciliar o sono é miña nai. Ten o sono pesado aínda que nunca se ve cabecear. O que menos dorme é meu pai; di que o importante é descansar de noite e repousar un cacho despois de comer cando vén a modorra. A el non lle amarga ficar en vela cando a pequena está raiante polas moas ou durmir cun ollo aberto cando está con febre pola garganta. Luís, meu irmán máis vello, pasa a noite fóra moitas veces e ademais é un noctámbulo empedernido aínda que logo, no Banco, lle diga o Director que padece de letarxia decote. De min din que son algo somnámbulo. Eu só sei que esperto a miúdo bañado en suor a causa dalgún pesadelo pero á mañá, ao acordar, xa non me lembro do que soñei. A verdade é que isto do sono é ben raro, por que non podería un de cando en vez aletargarse como algúns animais? Sobre todo en época de exames.

EXERCICIOS:

1.- Sinalar todas as palabras que teñan que ver con sono ou durmir e busca no dicionario as de significado descoñecido.

2.- Completar os nomes de parentesco que faltan.

3.- Completar a lista de palabras relacionadas con durmir: obxectos do dormitorio, medicinas, etc.

3.- Tema para composición ou charla: relatar os pesadelos que nos lembren.

Hai cen mil xeitos de se insultar. Lembras aquelas dúas na praza?

- Cala, que a ti a que che atou o embigo tiña ben pouco que facer!

- Pois teus pais en vez de te criaren a ti mellor lles fora criar un cocho, que polo menos lles daba chourizos e non os roubaba, ladra, que es unha ladra!

Non sei por que, pero a min non me cadran na boca destas dúas:

- Cala ti, necia, groseira, que nunca sairás de ser unha simple!

- Olla quen falou, basta, ruda, que xa tes sona de cretina!

Eu creo que lles iría mellor:

- Sae de aí, besta, que tes ti máis de paleta....!

- Xa está a babosa, cando abre a boca a maleducada esa para ornear hai que tapar as orellas que chas enzoufa!

Persoalmente, apeteceríame que na lingua non estivesen tan claras as diferenzas sociais e culturais. Así unha delas diría:

- Aí está esa cadela, mira que é parva, pero que se vai esperar dunha doída coma ela!

E a outra respondería:

- Vaia insensata, din que es estúpida mais eu véxote un tanto torda e algo salvaxe!

Outra é que leven as mulleres a sona dos mellores insultos, e sempre pomos de exemplo a dúas vendedoras de peixe ou de verdura. Pero os homes tamén son boas preas cando queren:

- Que vas saber ti diso imbécil, se nunca sairás de asno, que xa naciches paspán e morrerás analfabeto!

- Mete a lingua no cortello, idiota! Pero non ves, animaliño, que na túa aldea o que saíu de ignorante non pasou de bobo, menos ti que fixeches carreira e chegaches a papaleisón!

- Vaia con este parvo, coidei que era un babiolo aparvallado e resultou un pasmón algo louco, a ti seguro que che dan unha paga na Seguridade Social se non por tolo, por bárbaro! Mira que dicir que o porteiro do XXXXX é lelo de remate!

EXERCICIOS:

1.- Sinalar os insultos que aparecen no texto (palabras ou frases).

2.- Indicar outros insultos que se poidan considerar racistas ou que se baseen en deformidades físico-psíquicas e analizalos.

3.- Procurar antónimos de analfabeto, salvaxe, louco, groseiro, ignorante, bruto, inepto.

4.- Que diferenza hai entre estes insultos e os alcumes? Sinalar algúns exemplos de alcumes.

5.- Composición (representación): discusión entre dous veciños que se leven moi mal.

Hai moi lonxe un país no que viven dous señores. O señor X vai mudar de domicilio e terá que vender a súa fermosa casa. Ao principio aínda pensou vivir nun hotel, buscar un hostal de varias estrelas, mais non é unha vida tranquila para el, que está afeito ao seu chalé. Un amigo faloulle dunha residencia a bo prezo con cuartos individuais ben preparados, pero quédalle a contramán para o despacho. Se andase algo mellor de fondos xa lle tiña botado o ollo a un pazo que hai alí pretiño do novo Pazo dos Deportes e iso que tería que restauralo. Tamén mirou un luxoso andar no edificio que hai fronte ao Cine Marítimo e non o convenceu. Certamente que lle ofreceu hospedaxe seu curmán Y e aceptaría se non fose ese mal xenio que gasta e que fai difícil compartir aloxamento con el. Ao final decidirase por unha hospedaría de boa calidade e poucos hóspedes, unha que lle encheu o ollo.

O outro señor, o señor Z, ten aínda máis problemas coa morada agora que fechou o albergue municipal que lle servía de pousada. As pensións están caras para el; aínda algunhas casopas do Barrio do Freixo que non son máis que barracas de feira. O seu coa vivenda vén de lonxe. Naceu nun hospicio. Xa mozote, viviu un tempo nunha choza abandonada. Botou un inverno de vixiante dunha obra durmindo no pendello da ferramenta. Só cando estivo de mecánico tiña para alugar un caseto na estrada de Salcedo. Mais as cousas torcéronse e agora non atopa un mísero antro onde estarricar os ósos. Ás veces soña que é un garda forestal e vive nunha cabana no monte ben provisto de leña e comida; érguese á mañá ao romper o día, almorza ben e comeza a rolda: axeitar o cubil dos coellos, ver o novo toco do raposo e dos esquíos e.... esperta en calquera choupana aínda máis fría que a gorida dun lobo.

Cousas da vida, uns moran en grandes e cómodas estancias, outros, se teñen sorte e hai unha cova baleira (cova, metro, portal, é igual), xa se consideran afortunados.

EXERCICIOS:

l.- Subliñar os termos que fagan referencia a sitios onde se pode vivir, buscando no dicionario os que se descoñezan.

2.- Indicar os que fan referencia a persoas e os que se refiren a animais.

3.- Composición/charla: o problema da vivenda do Homo Sapiens aos rañaceos.

Vou ao Concello ver o taboleiro municipal por se saíu xa a nova clasificación do solo ou algún regulamento provisorio da Alcaldía. Quero derrubar o pendello que teño na Veiga para construír unha vivenda para aluguer dos visitantes. Xa hai tempo que veño matinando no proxecto; falei cun enxeñeiro para solucionar o desaugadoiro da finca xa que é moi húmida, no inverno fórmase moita lama; o máis problemático é a conexión coa rede de sumidoiros. Teño que arranxar todos os detalles co arquitecto e o aparellador a fin de que non se atrase o outorgamento de licenza para construír. Penso pórlle soto e semisoto, dous andares e un anaco de faiado aproveitando a caída do tellado. No centro vai levar un pequeno aparello elevador que permita subir desde o garaxe vultos, paquetes, etc. A última vez que pasei por Viana do Castelo vin algo para meter o lixo en imitación de pedra que me encheu o ollo e xa o trouxen, así xa teño a sensación de que a obra está en marcha. O contratista prometeume que o prazo de obras non se ía alongar nada. Polo tanto, meu vello, se tardas tanto como esta vez en voltar de vacacións, xa ves a casa feita.

EXERCICIOS:

1.- Buscar o significado de todas as palabras descoñecidas.

2.- Son sinónimos teito e tellado? Se non o son, indicar as diferenzas. Facer o mesmo con aparellador e arquitecto.

3.- Alén de enxeñeiro, arquitecto, aparellador, que outras profesións lembramos que esixan un título universitario?.

4.- Composición: a casa enfeitizada da Fraga Vella.

5.- Conversa: o noso Concello e os seus problemas, carencias e realizacións.

Andrea botou contas e viu que o orzamento deste mes vai ficar moi axustado. O coche está feito un cortello: os limpavidros andan mal, o parachoques está torto do lado dereito, os bancos traseiros están esfarrapados polas botas dos cativos. Daquel coche que, segundo a publicidade, era un modelo de conforto, que superaba todos os tests de consumo de gasolina e lubrificantes, xa pouco hai na actualidade. Agora Andrea só ten dous camiños: ou solicita na Caixa que lle adianten unha mensualidade ou lle pide un empréstito a Iria. E peor será dentro de tres meses para o casamento de Alexandre, terá que lle facer un bo presente, ben llo ten merecido. O mellor sería un ordenador persoal, con disco ríxido se é posíbel; como el xa traballa na oficina cun terminal de datos, podería adiantar traballo na casa. Por outro lado, os pequenos sempre se andan a queixar de que xa son os únicos que teñen tele sen mando a distancia, que ademais as imaxes saen moitas veces desenfocadas e así non hai xeito de seguir os debuxos.

Parece que os xefes de Estado, acompañados dos seus respectivos chanceleres, que se reúnen en importantes cimeiras teñen grandes problemas que resolver. Pois os de Andrea non lles desmerecen moito. Sen embargo, eles contan co asesoramento e as descubertas dos mellores espadas da economía mundial e ela cos consellos e a experiencia da clase media do seu barrio.

EXERCICIOS:

1.- Buscar o significado de todas as palabras descoñecidas.

2.- Sinalar as perífrases verbais e indicar o seu valor.

3.- Composición: continuar o texto comentando os problemas financeiros e fiscais de Andrea no pasado e no presente.

Chegou meu curmán Lito de Venezuela; deixouche alá o xenro coidando dos negocios, creo que fabricación de mandís para media América. Como sabe que non me gustan os presentes só me trouxo unha beberaxe típica das ribeiras do Orinoco. Fun esperalo a Vigo o sábado. Cando estaba entrando pola cancela da casa xa o can deu en ladrar e facerlle garatuxas. Vaia se se lembraba del!

Onte fomos Iria, el e mais eu dar unha volta pola cidade. Ao pasar por diante dunha libraría, entrou Iria a mirar nun dicionario a palabra ápodo que seica lla preguntou a profesora de galego nun exame. Debe de ser unha mestra moi esixente, si que debe, que nin eu coñezo a tal palabriña. Como dixo meu curmán, olla que alá en Caracas hai de todo mais dos ápodos nunca che oín falar a ningún galego. Logo rompeu a chover e antes de chegar ao coche xa estabamos coma pitos.

EXERCICIOS.

1.- Indicar o feminino de: can, xenro, curmán.

Alén de cambio de sexo , que outras cousas pode indicar o cambio de xénero nos substantivos?. Poñer exemplos.

2.- Definir correctamente: mandís, beberaxe, ápodo.

3.- Indicar cal é a palabra primitiva de libraría e a familia léxica formada sobre ela.

4.- Sinalar as perífrases verbais do texto e o seu valor.

5.- Reescribir as formas verbais do texto que poidan ser flexionadas.

6.- Indicar o valor e función do che de deixouche.

7.- En que nivel de lingua se encadraría o texto e por que?

1- Vaia cansazo que me quedou de anoar os zapatos de todos os cativos que teñen amizade co Luís! Nun día tan caloroso como hoxe xa me apetecería tomar uns amorodos con xeo e framboesa, que xantei garavanzos con feixóns.

2. Antes de subir no teleférico tiven que tomar unha pílula para a vertixe. Son un home valoroso, mais se alá arriba se me dá por ollar pola portela, e antes non tomei a vacina das alturas, vólvome un covarde.

3.- Viña moi oufano porque na selva capturara un papagaio, un xabaril e un réptil velenoso. Logo trocounos por unha marabillosa sortella e unha papoula de almafí.

4.- Teña coidado de non esvarar coa graxa que caeu dun automóbil nesa curva. Agora deixan as estradas cheas de sucidade e cabichas.

5. Diminúen as súas enfermidades, agora xa só ten as enxivas inchadas e un quiste encetado no calcañar; só lle faltaba que lle saíse un cacto nas engurras da empeña.

6.- Dimitiu o director do club de elite que está ao pé da confeitaría. Seica o relacionaron co suborno na venda dun novo mísil ao Iraq.

7.- Que non lle pasase a chuleta non é unha traizón, que el é un rancoroso e non me empresta nin un lapis; oxalá lle dea unha cambra no adestramento de hoxe.

8.- Hai un novo remedio para a sífilis: medio gramo de pole de margarida, un gramo de lixivia común mesturado con gasosa sabor cola e dous gramos de morcilla castelá. Todo ben revolto e en pequenas doses. Durante o tratamento absterase de comer friames e de obter boas cuali­ficacións en Literatura. NOTA: tamén vale para a SIDA.

Buscar no dicionario todas as palabras que non se saiban.

Traducir ao castelán (solución)

(texto incluído en desvíos, XI)

2.- Nenos e novas tecnoloxías. Afonso Vázquez-Monxardín. 6-3-10. La Región
A ver se me explico ben, que a cousa ten moitas reviravoltas e todos andamos nela. Por primeira vez na historia da humanidade hai hoxe unha preadolescencia e adolescencia que sabe da tecnoloxía de vangarda moito máis que os seus pais e que a maioría dos profesores. Antes un pai ensináballe a enxertar a un fillo, un xastre a cortar ao seu aprendiz, ou un obreiro da construción a facer masa ao axudante. E así, os que non querían estudar, a pesar da rebeldía propia da adolescencia, eran conscientes da xerarquía de coñecementos e desexaban ter canto antes un oco laboral no que empezar a aprender cousas que lle habían ser, pensaban, máis útiles e rendibles na vida que o que se lles pegaba dun contexto escolar que non os seducía. Integrábanse na sociedade polo traballo. A outra vía. ¡Ah! Pero isto era antes. Agora, a explosión da microtecnoloxía comunicativa e de ocio nun momento de bonanza económica, fixo chegar ás familias un universo de aparellos –sobre todo telefonía, cámaras, ordenadores, MP3, Ipod, Game Boy, Play Station, Wii, DVDs- cos que, sen dúbida, están máis familiarizados os máis novos da casa. 
Os que aprenderon de nenos esa linguaxe botón que tanta graza nos facía ao principio (Mira que riquiña, anda co chupete e xa sabe pór películas no vídeo) agora colleron o mando non só do televisor senón, a pouco que os deixemos, da casa toda. ¿E como foi a cousa? Unha conxunción de moitos elementos. Por unha banda o lixo televisivo situou ao espectador de chupete –tipo Maggie Simpson- ante a realidade de que unha vez dominada a palabra aínda que sexa a niveis primitivos, todo o emitido por calquera boca ten validez semellante e relativa apoiada na desfachatez e na xesticulación como elementos argumentativos básicos. Xa pode un Nobel dicir que a Lúa é un satélite da Terra, que un tertuliano guaperas e simpático lle pode contestar tan pancho: “Eso te parece a ti, viejo, pero yo sé que es un queso”, todos rin e a continuación, votación democrática: os que crean que é un satélite que chamen ao número X e os do queixo a Z. Gaña o queixo, claro. 
Por tamén, ese xa natural dominio da linguaxe botón que aprenderon sós, con proba-erro, fai que nos elementos menos espabilados deles, se cuestione a posibilidade de aprender algo de quen non fale con soltura esa linguaxe. Simplemente, ¿que podo aprender eu deste burro (pai, profesor...) que nin sabe baixar música do Emule ou co Aris? ¿Ou desta ignorante (avoa, nai, profesora) que nin sabe mandar mensaxes polo móbil? E crearon un mundo blindado -aquí o Tuenti- no que se “ciberrelacionan” para ben e para mal. Para ben por varias cousas e para mal por moitísimas que sabemos ou tememos. E aquí, digo, é obriga dos pais saber con quen andan seus fillos –na rúa e no ciberespazo- e é necesidade dos pais actualizárense tecnoloxicamente para poder exercer de pais tamén nese novos mundos. Evidentemente no ensino existe preocupación e todos tratamos de impedir que se fagan gravacións indebidas nos colexios e fomentamos a boa relación entre os estudantes. Pero se ligan, rifan, ou se insultan ás dúas, tres ou catro da mañá desde os seus dormitorios interconectados no ciberespazo, xa lles é cousa bastante fóra do noso control. Pero non debía ser do seu, señor pai, señora nai. Non debía ser.
1.- Buscar as palabras que non se coñecen
2.- Resumo do conto
3.- Marcar as ideas principais en cor diferente
4.- Dar a opinión sobre o texto

 1.- CASTELAO. Cousas (1926-1929)
Chegou das Américas un home rico e trouxo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo...
O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.
Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gañar o pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa cor... Aínda que era negro coma o pote, tiña graza dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parecía talmente un mozo das festas.
Unha noite de estrelas xurdiu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sentiu, como todos os mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañá de moita tristura gabeou polas escaleiras dun transatlántico.
Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brillantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.
Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:
-Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!
Panchito retornou á aldea. Chegou probe e endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e máis un traxe branco.
1.1.- Buscar as palabras que non se coñecen
1.2.- Resumo do conto
1.3.- Marcar as ideas principais en cor diferente.

 

2005-2011