A descrición

En certa ocasión, nunha escola de Francia, propúxoselles aos estudantes facer unha descrición dun mamífero ou dunha ave. Disque un rapaz escribiu a seguinte descrición:
 

O paxaro do que vou falar é o moucho. O moucho non ve de día nin de noite, está cego como unha toupa. Non sei moito que digamos do moucho así que vou continuar con outro animal: a vaca.

A vaca é un mamífero. Ten seis lados: a dereita, a esquerda, o de arriba e o de abaixo. Detrás ten un rabo, do que pendura unha brocha. Con esta brocha, espanta as moscas para que non caian no leite. A cabeza serve para que lle medren os cornos e ademais porque a boca ten que estar nalgún lado. Os cornos son para trucar con eles.

Debaixo da vaca hai leite. Está equipada para que se poida muxir. Cando se muxe o leite vén e xa non para máis... Como o fai? Aínda non o dou comprendido pero sae cada vez con máis forza!

O marido da vaca chámase boi. Non é un mamífero.

A vaca non come moito pero o que come, cómeo dúas veces, así que xa ten abondo. Cando ten fame muxe e cando non di nada, é porque o seu interior está cheo de herba.

As súas pernas baixan ata a terra.

A vaca ten o olfacto moi desenvolvido: pódese cheirar desde lonxe. Por esa razón no campo o aire está moi limpo.


Imaxe dunha vaca

José Antonio Gil Martínez (http://www.flickr.com/photos/freecat/470071185/)

 


Que che parece esta descrición da vaca? Cres que está ben feita? Que dá idea de como é realmente unha vaca?

Coas descricións imos traballar... e temos a seguridade de que o vas facer un pouco mellor ca ese rapaz!