As definicións

 

 As definicións que aparecen nos dicionarios e nas enciclopedias son descricións: indícannos como son os seres, os obxectos, os sentimentos etc que designa cada palabra.  

Nos dicionarios atopamos descricións elementais: para definir unha palabra selecciónase tan só aquela ou aquelas características que nos permiten identificar o seu significado; para atopar unha descrición completa do mesmo concepto podemos recorrer a unha enciclopedia.

Tomemos como exemplo a bicicleta e vexamos a diferenza entre a información que nos dan os dicionarios e a que aparece nas enciclopedias.

A definición máis sinxela dun dicionario podería ser: “vehículo de dúas rodas de igual diámetro, accionado por pedais”

 

 

 

 

 

 

As definicións que podemos atopar en distintos dicionarios recollen esa mesma información, expresada en termos similares:


  • Dicionario Digalego (http://www.digalego.com/)
    • "Velocípede de dúas rodas de diámetro parecido, que avanza accionado polo condutor mediante un sistema de pedais e transmisión por cadea."

 

Agora vexamos a descrición completa dese mesmo vehículo nunha enciclopedia, a que nos ofrece a Enciclopedia Galega Universal (http://www.egu.es/)

  • "Velocípede de dúas rodas de diámetro parecido, a anterior das cales é a directriz, e a posterior, accionada polo condutor mediante un sistema de pedais e transmisión por cadea, é a motriz. A bicicleta está formada, basicamente, polo cadro, a transmisión, a dirección e as rodas. Pódense considerar como elementos non esenciais a sela e os freos, e como elementos accesorios os gardalamas, a cobrecadea, as luces, etc. O cadro é o marco metálico tubular, xeralmente trapezoidal, que serve de ligadura e soporte de todos os outros elementos. A transmisión está constituída polos pedais, solidarios por medio de manivelas a unha, ás veces dúas, ou mesmo ata a tres coroas dentadas chamadas pratos; o piñón, engrenaxe sinxela ou múltiple unida á buxa da roda posterior xa sexa dun xeito fixo (piñón fixo), xa sexa mediante un mecanismo de trinquete que permita que a bicicleta corra sen pedalear (piñón libre), ou ben a través dun mecanismo epicicliodal de redución variable que se lle engade; e a cadea, nexo de unión entre o prato e o piñón. A dirección está constituída polo guiador, accionado polo condutor; a pinza da dirección (curvada cara a diante co fin de estabilizar a dirección e, grazas á súa capacidade de deformación elástica, axudar a amortecer as sacudidas producidas polas irregularidades do solo), que soporta a roda anterior, e a árbore de dirección, elemento de unión entre o guiador e a pinza. Cada roda consta do pneumático, que nas bicicletas de carreiras carece de cuberta (pneumáticos tubulares); a lamia (dunha soa peza e sen radios nalgunhas bicicletas de carreira en pista), os radios, arames finos que transmiten os esforzos entre a lamia e a buxa; e a buxa, especie de tubo con arandelas que recolle as cabezas dos radios e que, montado sobre dúas fileiras de bólas de coxinete equidistantes, xira libremente arredor do eixe da roda, fixado con femias á pinza da dirección (roda anterior) e da suspensión (roda posterior). [...]"

Ademais desta descrición completa da bicicleta e as partes que a compoñen ofrécesenos información sobre a súa historia e o distintos tipos de bicicletas que existen.

Se consultamos a Galipedia veremos que a información é máis completa aínda: http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada.

Nas enciclopedias é frecuente que a información se complete con esquemas, debuxos ou fotos. 

 

 

 

 

 

Comproba os teus coñecementos:
As definicións son máis completas...

nos dicionarios
nas enciclopedias

Só se fai unha definición, non se fala das partes do obxecto

nos dicionarios
nas enciclopedias

Ás veces hai esquemas ou debuxos acompañando a descrición do obxecto

nos dicionarios
nas enciclopedias

Faise unha descrición completa, non só das daracterísticas básicas

nos dicionarios
nas enciclopedias