Características xerais

 

A descrición é un texto que presenta os trazos característicos de seres (como unha persoa ou un animal), de obxectos (como unha mesa, un coche etc), de lugares (como unha praia ou unha cidade) ou de fenómenos e procesos (como sentimentos, sensacións, etc).

Polo tanto describir consiste en explicar mediante palabras, de forma detallada e ordenada, como é unha persoa, un obxecto, un lugar etc, para que alguén poida imaxinalo sen velo.

A descrición é algo así como unha pintura ou unha fotografía feita con palabras. Pero mentres que na pintura ou fotografía poden aparecer todos os detalles do que retratamos, unha descrición non consiste nunha simple enumeración de todas as características daquilo que estamos describindo senón na selección das que permiten diferenciar o elemento descrito dos outros da súa especie.

Tendo en conta a finalidade coa que se fai unha descrición distinguimos dous tipos de descrición: a descrición técnica e a descrición literaria.

 

Icona iDevice

Actividade de lectura

 

Xa che falei algo do Langrán, pero non che expliquei ben como é.

‒ É medio mastín leonés ‒di sempre o avó gabándolle a raza.

‒ Si, ho, medio mastín leonés pola parte das orellas, porque no resto, xa me dirás...! ‒búrlase a avoa.

‒ As mulleres non sabedes disto! ‒rexeita o avó as opinións da súa dona.

Pero a verdade é que a avoa ten razón: o Langrán ten tanto de mastín leonés coma eu de bantú africano: nada de nada! O Langrán é un can espilido, patilongo, co fociño botado para adiante, cun rabo longuísimo que abanea constantemente, sempre a piques de tirar algo con el.

Breogán Riveiro: Tonecho de Rebordechao, Galaxia


 


  1. Localiza no dicionario e anota no teu caderno o significado das seguintes palabras: mastín, gabar, rexeitar, bantú, espilido e abanear.
  2. Lendo o texto, como dirías ti que é en realidade Langrán?
  3. Describe brevemente a túa mascota, ou algún animal da túa casa ou do lugar onde vives.