Concordancia e colocación

Concordancia

O adxectivo presenta o mesmo xénero e número que o substantivo ao que modifica; dicimos por iso que o adxectivo concorda co substantivo:

  • un día frío (día: masculino singular > frío: masculino singular) / unha noite fría (noite: feminino singular > fría: feminino singular
  • unha mazá asada
  • uns rapaces barulleiros
  • unhas saborosas filloas 

Hai veces en que un único adxectivo se refire a máis dun substantivo. Nese caso as normas de concordancia son as seguintes:

a) en canto ao xénero:

  • o adxectivo aparece en feminino cando todos os substantivos son femininos:

plantas e flores fermosas

  • o adxectivo aparece en masculino cando:
  • todos os substantivos son masculinos

vales e montes desertos

  • algún(s) substantivo(s) son masculinos e outro(s) feminino(s):

árbores e arbustos frondosos

b) en canto ao número:

  • o adxectivo aparece en plural aínda que cada un dos substantivos sexan singulares

púxolle á bicicleta un piñón e unha cadea novos

  • cando o adxectivo vai antes dos substantivos, concorda co máis próximo en xénero e número:

púxolle á bicicleta unha nova cadea e pedais

  • nestes casos tamén se dá frecuentemente a repetición do adxectivo:

púxolle á bicicleta unha nova cadea e uns novos pedais

 

 

Colocación

Na maior parte dos casos o adxectivo vai despois do substantivo ao que modifica:

  • a herba verde
  • a folla seca

Os adxectivos cualificativos poden ir antes do substantivo; cando o adxectivo antecede aos substantivo destaca máis a cualidade expresada por el: o mar inmenso / o inmenso mar

Nalgúns casos hai unha clara diferenza de significado segundo o adxectivo vaia antes ou despois do substantivo:

  • unha muller grande = de grande tamaño  //  unha gran muller = moi importante, de moita valía
  • un home pobre = que non ten diñeiro // un pobre home = un home infeliz
  • mercou un novo ordenador = outro máis // mercou un ordenador novo = que non fora usado antes
Icona iDevice

Actividades

Le con atención as frases ou pequenos textos e despois escolle o significado correcto, tendo en conta a posición que ten o adxectivo.