Descrición obxectiva e descrición subxectiva

As descricións clasifícanse en obxectivas ou realistas e subxectivas ou non realistas.

As primeiras ofrecen unha visión real, na que todos coincidimos, do obxecto descrito, e aparecen en textos de carácter académico (por exemplo nas leccións dos libros de texto), administrativo (por exemplo nun informe que fai o responsable dun centro deportivo sobre o estado das pistas de atletismo para solicitar a súa reparación) ou xornalístico (por exemplo a descrición do lugar onde se produciu un accidente). Pola contra as descricións subxectivas están condicionadas polo criterio persoal de quen describe, coa intención de idealizar, deformar ou transmitir determinadas sensacións e aparece con frecuencia na literatura e na publicidade.

 

As descricións
Obxectivas = denotativas = realistas Subxectivas = connotativas = non realistas
  • tense en conta tan só o obxecto que se describe,
  • prescíndese das opinións persoais,
  • enuméranse con precisión as características que mellor definen o obxecto descrito,
  • abundan os adxectivos cualificativos, os complementos do nome, as oracións de relativo e os adverbios de lugar,
  • palabras dos campos léxicos de:
    • tamaños e medidas,
    • distancias,
    • léxico específico,
  • aparece en textos académicos, xornalísticos e administrativos.
  • mostran os sentimentos ou emocións de quen describe con respecto ao obxecto descrito,
  • utilízanse figuras retóricas,
  • aparecen adxectivos de valor afectivo (positivos ou negativos), os aumentativos, diminutivos e despectivos e os adverbios de modo (transmiten emoción, intensidade...),
  • palabras dos campos léxicos:
    • da afectividade,
    • da cor,
    • das formas,
  • aparece en textos literarios e na publicidade.

 

Icona iDevice

Actividade de lectura

 

Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites claras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen puidera non deixar!...

Estes versos son a primeira parte dun poema de Rosalía de Castro. A súa temática é a emigración: no poema fala un emigrante que se despide das paisaxes do seu lugar nativo pensando en que tal vez non volva regresar.

 

A palabra "adios" é un castelanismo en lugar do correcto "adeus".

Non é correcto tampouco o verbo "conozo"; no seu lugar dise "coñezo".


1. Que che parece máis importante no poema, o lugar que se describe ou os sentimentos do emigrante? Cales son eses sentimentos?

2. No poema aparecen figuras retóricas basedas na repetición de palabras e na enumeración. Localízaas.

3. Atopas algún diminutivo? Que valor cres que ten o seu uso?

4. Ao longo do poema hai unha palabra que se repite con maior frecuencia, cal é? Ten relación co tema do poema?

5. Cres que se trata dunha descrición obxectiva ou subxectiva? Explica a razón.



Icona iDevice

Actividade

Nesta imaxe tomada da páxina web dunha empresa de turismo rural (http://www.aldeadomazo.com/) hai dous pequenos textos; un é poema de Uxío Novoneyra e o outro, o inicio da descrición da Aldea do Mazo.

Textos da páxina http://www.aldeadomazo.com/

Que tipo de descrición pensas que se dá en cada texto? Explica as razóns nas que te baseas.