Descrición técnica

A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:

  • en xeografía temos descricións de paisaxes, de climas...;
  • na xustiza hai necesidade de describir, por exemplo, o lugar onde se cometeu un delito, a situación na que se produciu o feito que se xulga, o delincuente que fuxiu e foi visto por algunha testemuña...;
  • na arquitectura descríbense o terreo onde se vai edificar e os planos e dependencias dos edificios;
  • en ciencias da natureza hai descricións de animais, de plantas, de minerais etc;
  • nas guías de viaxe descríbense os lugares e os monumentos de interese, as rutas máis interesantes dun lugar etc.

Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc.

Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición.

Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos.

Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc.

As súas finalidades son:

  • definir: aparece a descrición técnica con este valor en
    • dicionarios
    • enciclopedias
    • libros escolares
    • leis, normas...
  • explicar: aparece con esta finalidade en
    • textos científicos
    • manuais de instrucións
    • noticias e reportaxes de prensa
  • convencer: dáse sobre todo na publicidade, por exemplo en anuncios de
    • venda de pisos
    • ofertas de emprego
    • venda de obxectos de segunda man

 
   
Icona iDevice

Actividade

Os textos que veñen a continuación son exemplos das finalidades das descricións técnicas. Debes lelos con atención e a continuación indicar que se describe en cada caso e responder a pregunta ou preguntas de cada un dos textos.

 

Texto 1

Peirao: 1 sm Plataforma alongada construída á beira do mar ou dun río navegable que serve para facilitar o embarque e desembarque de persoas e mercadorías e de refuxio das naves.

xunta.digalego.com

 

Que información nos dá este texto ademais da descrición dun peirao?


Texto 2

Piorno:

O hórreo tipo palleira ou piorno [...] É de pequeno tamaño. Ten unha cámara máis ben ancha e non moi alta que descansa sobre esteos de pedra de altura media con rateiras individuais, e só en excepcións vese sobre cepas de cachotería ou ten rateiras dobres. O teito é de tella a dúas augas, pero en zonas montañosas pode ser de xisto e mesmo de palla. Ten bastante beiril, especialmente sobre os costais. Non leva terminais, salvo excepcións. Polo xeral ten unha soa porta, que pode ir nun penal o no centro dun costal, e non hai escaleira de fábrica que dea acceso a ela.

gl.wikipedia.org

 

Este texto pertence a unha enciclopedia e o anterior a un dicionario. Serías quen de explicar que diferenzas cres que hai entre enciclopedias e dicionarios?


Texto 3

Venus

É o segundo planeta do Sistema Solar e o máis semellante á Terra polo seu tamaño, masa, densidade e volume. Os dous formáronse na mesma época e a partir da mesma nebulosa.

Sen embargo, é diferente da Terra. Non ten océanos e a súa densa atmosfera provoca un efecto invernadoiro que eleva a temperatura ata os 480 ºC. É abrasante.

www.edugaliza.org

 

Este texto é dun material para uso escolar; a que materia pertence?

Que palabras do texto cres que son vocabulario desa materia?

Serías quen de explicar por que Sistema Solar e Terra aparecen con maiúsculas?

Texto 4

As áreas de estancia destinadas á realización de actividades que requiran a presenza de espectadores deben dispoñer dunha praza reservada a persoas con mobilidade reducida por cada corenta prazas ou fracción, que estarán debidamente sinalizadas. Estas prazas terán unha dimensión mínima de 1,50 m. de lonxitude e 1,00 m. de ancho e estarán ubicadas onda o itinerario peonil accesible.

BOE (Decreto sobre condicións de accesibilidade aos espazos públicos, adaptación)

 

Localiza no dicionario todas as palabras que non coñezas deste texto e anota o seu significado.


Texto 5

A magnetita

Coñecida na antigüidade como pedra imán, é un mineral do grupo dos óxidos, moi denso, fráxil, duro e con propiedades ferromagnéticas, é capaz de atraer ao ferro e ao aceiro xunto con outros metais. A súa cor é parda tirando a negra, con brillo metálico.

Crese que foi atopada por primeira vez na rexión de Asia Menor coñecida co nome de Magnesia. O primeiro en sinalar as súas propiedades foi Tales de Mileto (século VI a. de C.). A gran aplicación práctica da pedra magnética foi a imantación de barras metálicas a partir das que se construíron os compases que chegaron a Europa a través dos árabes.

museovirtual.csic.es (adaptación)

 

Fotografía de Luis Pérez (http://www.flickr.com/photos/pe5pe/)

 

(Luis Pérez, www.flickr.com/photos/pe5pe/)

 

Esta é a imaxe dun compás: describe con detalle en que consiste ese instrumento.

Texto 6

Lector de código de barras parlante para persoas cegas e con discapacidade visual

Este aparello, presentado nunha bolsa de transporte, consta de dúas partes principais:

A) Unha caixa de aluminio que alberga os compoñentes electrónicos precisos para o seu funcionamento e na que están aloxados os mandos e conectores e

B) un escáner mans libres, omnidireccional, de lectura láser de códigos de barras con cable fixo que permite a súa conexión coa caixa principal, a través dun porto USB.

Atópase ademais un cable alimentador que conecta esta última á rede eléctrica. Imos describir seguidamente cada unha das partes.

A) A caixa de aluminio de 25 x 13 x 10 cms, de cor branca marfil, ten forma de prisma, sendo a súa base de apoio rectangular e o seu peso aproximado de 1.730 gr. Exposta de modo que a cara principal se mostre cara arriba encontraremos os seguintes elementos: situado no centro da parte máis afastada atópase un botón de cor amarela e á súa dereita catro pequenas entradas que se corresponden co micrófono (...)

utlai.retinosis.org/speak.pdf (adaptación)

 

Serías quen de dicir a partir do texto para que serve ese aparello? E como cres que funciona?


Texto 7

O taller de Ana Piñeiro en Santiago de Compostela é un auténtico espazo artesán. Grande e luminoso, cheo de materiais coidadosamente ordenados en caixas repartidas por toda a habitación. Ana é a persoa que está detrás de Sago, a marca que comercializa unhas bonecas cheas de detalle e encanto, que ela mesma crea e compón.

Xela Cuñarro, en www.dioivo.eu

 

Dioivo é un medio de comunicación dixital. Accede á súa páxina, observa que seccións ten e toma nota do que precises para despois describir oralmente como é ese xornal dixital.

Texto 8

FANTÁSTICA VIVENDA

IDEAL PARA PARELLAS NOVAS CON FILLOS

Véndese FANTÁSTICA vivenda na inmellorable zona da Urbanización Mariñamansa, a 700 m. da saída da autoestrada e a 4 min. da parada de autobús urbano.

En 500 m. arredor disponse de todos os servizos: parques, colexio, biblioteca, piscina, polideportivo, campo de fútbol, pistas de tenis, oficina de correos, ambulatorio, bancos, zonas de ocio e grandes superficies comerciais.

A vivenda, construída con materiais de alta calidade, consta de soto para 3 vehículos; planta baixa con cociña, dormitorio, salón independente, baño e patio traseiro; primeiro andar con 3 dormitorios, 2 baños e distribuidor; ático con lavadoiro e estancia con acceso á terraza. Ademais conta con 2 terrazas máis independentes.

(Anuncio en internet, adaptación)

 

Redacta un texto similar para poñeres á venda unha bicicleta.

 

Texto 9

Ofrécese posto de traballo en tenda.
Horario: de luns a venres, de 17:30h a 20:30h; sábados, de 10:00h a 14:00h.

Funcións: Atención ao público, reposición, mantemento e limpeza.

Valorarase: dispoñibilidade e flexibilidade horaria, coñecementos de dietética e nutrición, coñecementos de ofimática, experiencia en atención ao público e experiencia en sectores de actividade similares ao da cooperativa.

As persoas interesadas poden escribir a tenda@cooperativa.org

www.cooperativaxoaninha.org (adaptación)

 

Redacta un texto no que contestes a esta oferta de traballo, explicando que cumpres as condicións que se piden (podes inventar e explicar as túas experiencias en postos anteriores para conseguir che dean o traballo).

 

Texto 10

Por cambio de domicilio vendemos moble de salón artesanal, de madeira de piñeiro, vernizado a pistola, como novo, con só seis meses de uso. Ten 3 metros de longo, por 50 cm de ancho e 80 cm de altura. Soporta grandes pesos. Totalmente sólido e elegante.

Recollida transporte por cargo do comprador.

www.segundamano.es/ (adaptación)

 

Que información se dá neste texto ademais da descrición do produto.