Introdución

Le con atención os dous textos seguintes. Os dous pertencen á mesma obra literaria, os dous están escritos en galego, mais os personaxes que interveñen nun texto e no outro usan un tipo de lingua diferente. Anota no teu caderno as palabras que non coñezas e procura o seu significado no dicionario.

Despois de realizada a lectura imos intentar ver en que se aprecian esas diferenzas de lingua.

Texto 1

Cando entrou Miguel coas bebidas Carlos estaba sentado nunhas caixas. Beberon en silencio mirando para as manchas das paredes.
—Mira -dixo Carlos sinalando unha pinga de suor que lle caía polo peito- imos caer coma paxariños, ímonos derreter.
—Pois aqui na bodega ainda estamos algo ao fresco -dixo Miguel pasando a lata de cervexa fria pola cara- agora estábase ben na casa do meu padriño, tío, alí debaixo da parra bebendo viño con gaseosa. Xa hai ben tempo que non vou. Se non saen actuacións pronto, se cadra ainda vou ali pasar uns dias. Seguro que chego ali e non me recoñece.
—E logo? -preguntou Carlos sorrindo.
—Xa vai vellouzas de carallo e seguro que me di "e logo ti de quen vés sendo", "o teu neto, padriño, o teu neto Migueliño". Tío, a última vez que fun ali hai cousa dun ano, deume dous pesos como cando era pequeno. Eu pásoo con el quinindiola. É un tipo san. Ti estás ali e falas con el e aquilo é outro mundo.
Abriuse a porta da bodega e entrou Marcial, o bateria de Os Gladiadores, mirou para o que bebían e apoiouse na parede.
—Non hai quen ature a eses dous.
—Eu non vou facer nada -dixo Miguel-, eu non mudo cueiros.
—Será a calor -dixo Carlos.
—Será -contestou Marcial separando a camiseta que se lie pegaba ao corpo- oes, chegou un nacho á barra, regordecho, cunha gravata desas de deseñador, e con media calva, non será ese o da discográfica?

Texto 2

Locutor: Estamos de novo con todos vostedes... para continuar este debate... que nos achega... a diferentes visións da violencia... Señores teñen a palabra...
Sociólogo: A violencia que tratas de mostrar no relato... é polo final... non?... Que ao final pasen del... para poderen gravar un disco...
Psicólogo: A violencia deste relato... non está tan explícita como nos anteriores... digamos que entra dentro dunha definición mais ampla de violencia... Nas anteriores había unha agresión física clara... Aqui non hai violencia física... hai violencia digamos silenciosa... a violencia que recae sobre o bateria...
Asistente: Eu creo que non só hai a violencia que recae sobre o bateria... eu creo que hai unha violencia contra o grupo... unha violencia da sociedade de mercado sobre o grupo... que lle esixe un producto vendible... Unha vez que a sociedade agrede ao grupo... este non dubida en agredir a un dos seus membros... expulsándoo para poder acceder ao mercado e para así sair adiante co grupo...
Sociólogo: Aqui acabas de mencionar algo interesante... expulsan do grupo a un membro para poder seguir adiante co grupo... Este tipo de reacción é un fenómeno social que se repite ao longo da historia das sociedades... a expulsión dun membro en nome do ben común... neste caso do ben do grupo... A sociedade ao longo da historia expulsa os seres que dalgunha maneira impiden ou dificultan o ben común... Expúlsanos marxinándoos por diferentes procesos...

  Xelís de Toro: Non hai miseridordia
Icona iDevice

Actividade sobre a lectura

Unha vez lidos os textos anteriores debes responder as seguintes cuestións. Toma nota no teu caderno; despois responderase de xeito oral na clase para comentar entre todo o alumnado as diferentes respostas.

O primeiro texto recolle un dialogo entre persoas novas, músicos, que tocan nun grupo e están colocando caixas de bebida nun bar onde van dar un concerto. No segundo texto os personaxes interveñen nun debate na radio sobre a violencia.


1. Que personaxes interveñen en cada diálogo? Que datos sabemos deles (que fan ou que profesión teñen...)?

2. Cal das dúas conversas cres que trata un tema máis especializado ou máis "intelectual"?

3. En cal dous textos os personaxes teñen un maior nivel de proximidade, de amizade ou de familiaridade entre eles?

4. Escoitan o diálogo o mesmo número de persoas nos dous casos?

5. En cal dous cres que usan unha lingua máis coloquial, menos formal?

6. En cal dos textos usan un tipo de palabras máis especializadas, menos correntes?

7. Indica alguna expresión que consideres máis coloquial.