Variedades lingüísticas

Observaches nos textos anteriores que aínda que todos os personaxes falan galego podemos dicir que non falan o mesmo tipo de galego, que usan expresións diferentes que permiten distinguir ben as súas formas de falar.

Todas as linguas teñen distintas formas de falarse: unha estudante, un mariñeiro e unha médica, falando galego, falan os tres unha mesma lingua mais non falan os tres igual. Cada persoa utiliza palabras, expresións e formas de pronunciar diversas. Quen dos tres personaxes cres que usará con maior frecuencia expresións como "tocar fondo", "navegar contra corrente" ou "dar bandazos"? Quen terá como habituais na súa lingua termos do estilo de "molar", "guapo" (no sentido de bo) ou "malote"? E cal dos tres personaxes cres que en lugar de dicir "ter gases" pode usar a expresión "sufrir de meteorismo"?.

Ás distintas maneiras de falar unha mesma lingua chamámoslles variedades ou variantes lingüísticas e débense a diversos factores ou causas:

  • a época histórica: por exemplo, na actualidade non se fala o galego igual que na Idade Media ou hai 200 anos.
  • o lugar: non se fala o mesmo, poñamos por caso, en Ourense (onde se di por exemplo irmao ou luz) ca en Vigo (onde esas mesmas palabras se pronuncian irmán e lus)
  • os estudos e a profesión da persoa que fala: válennos os exemplos que puxemos antes do mariñeiro e a médica.
  • a utilización concreta que se fai da lingua, é dicir, con quen falamos e para que o facemos: non falamos exactamente o mesmo cando nos diriximos aos colegas no patio de recreo ca cando o facemos na clase diante dunha profesora ou cando lle pedimos algo aos pais.

Esas distintas maneiras de falar non son incorrectas; ao contrario, non sería normal que todos falásemos igual en todas as circunstancias.

En resumo, as variedades dunha lingua son as seguintes:

 diacrónicas ou históricas as que dependen do período da historia
 diatópicas ou dialectos
as que teñen que ver co lugar xeográfico onde se fala a lingua
 diastráticas ou niveis
as que se deben á formación e profesión da persoa que fala
 diafásicas ou rexistros
as que se orixinan pola utilización concreta que facemos da lingua.

 

Icona iDevice

Actividade

Aquí tes dous pequeniños exercicios para axudarche a lembrar o que acabas de ler.