ARQUITECTURA DA SEGUNDA METADE DO XVII

 

A arquitectura galega en xeral e a compostelá en particular van experimentar unha importante transformación. O centro de tal transformación vai ser a catedral e o revulsivo do cambio o cóengo JOSÉ DE VEGA Y VERDUGO: Nado en Madrid no 1632, en 1648 viaxou a Roma e foi alí onde entrou en contacto coa obra vaticana de Bernini. No ano 1658, xa nomeado fabriqueiro da catedral, redacta un informe no que explica as obras que se debían facer no templo catedralicio para embelecer a Capela Maior (imitando a Bernini impulsa a construción dun baldaquino) e os exteriores (reordénase a praza da Quintana cunha dobre finalidade; a saber, urbanística: seguindo postulados barrocos procura conferirlle á praza unha grande visión de conxunto e litúrxica: acoller á multitude de fieis que nos Anos Santos deben traspasar a Porta Santa).

Baldaquino da Altar Maior Praza da Quintana
BALDAQUINO DO ALTAR MAIOR SEGUNDO VEGA Y VERDUGO PRAZA DA QUINTANA SEGUNDO VEGA Y VERDUGO

 

JOSÉ PEÑA DE TORO:
Naceu en1605 en Madrigal de las Altas Torres (Salamanca) e faleceu en1676. Sabémolo traballando en 1621 no Colexio dos Xesuítas de Salamanca e no cadeirado de san Ildefonso de Toro en 1647. No 1652 chegou a Santiago para traballar en San Martiño Pinario e pouco tempo despois participou en diversas obras na catedral. Seguindo as trazas de Vega y Verdugo, non innovando, interveu no coroamento da ábsida e do ciborio, no alongamento da Porta Santa e na
PORTA DOS ABADES (1655). Porta secundaria pola que transitaban os abades de San Martiño Pinario. É destacable a decoración a base de almofado.

Peche catedral Praza da Quintana Porta dos Abades
PECHE CATEDRAL PRAZA QUINTANA PORTA DOS ABADES

Despois de Peña de Toro os novos ideais artísticos e estéticos comezaron a desenvolverse intensamente. A característica máis importante deste barroco emerxente foi o emprego de novos motivos decorativos: elementos vexetais introducidos por Vega Verdugo e Andrade, as figuras antropomorfas de Frei Tomé Alonso e os trofeos militares e motivos xacobeos de Andrade.

Figura antropomorfa
FIGURA ANTROPOMORFA DE SAN MARTIÑO PINARIO

DOMINGO ANTONIO DE ANDRADE:
É a principal figura do barroco galego do século XVII. Nace en Cee no ano 1639 e estuda en Santiago e nalgunha universidade castelá ( Alcalá?). En 1662 comeza a traballar para a catedral compostelá, en 1772 foi nomeado aparellador e no 1676 mestre de obras do mesmo templo. Posteriormente dirixe tamén obras na catedral de Lugo, na de Ourense, en Oseira... De volta a Compostela participa na construción de San Martiño Pinario, na edificación de pazos na Rúa Nova de Santiago, no colexio de Fonseca... En 1707 a súa actividade comeza a decaer e será substituído por Fernando de Casas no cargo de mestre de obras na catedral. Falece en Santiago en 1712. O seu labor de entallador maniféstase claramente na súa obra arquitectónica: o carácter decorativo, a disposición estrutural e sobre todo a nova sensación de volume que as obras transmiten. Decorativamente Andrade continúa empregando os elementos vexetais propostos por Vega, pero cun carácter especial, moito máis realista: as froitas de Andrade serán moito máis carnosas e frescas. Completará a súa ornamentación con trofeos militares e elementos xacobeos: cruces, cunchas...
TORRE DO RELOXO (1676-80). Coñécese tamén co nome de Torre Berenguela na honra do bispo Berenguel de Landoira que a mandou construír no século XIV. Torre de 72 metros de altura, dinámica, equilibrada e cun impresionante carácter ascensional na que podemos distinguir, de abaixo a arriba, as seguintes partes: un corpo –do século XIV, anterior por tanto a Andrade- de forma cúbica e que ten bandas adosadas a modo de contrafortes. Por riba deste Andrade ergue un segundo corpo cúbico con balaustrada e oito templetes (un en cada esquina) con cupulín, pináculo e oito vans. A continuación aparece un terceiro corpo octogonal, tamén abalaustrado, que sustenta unha cúpula lixeiramente bulbosa que a súa vez serve de base para unha lanterna con oito ventás e un elegante pináculo con bóla. É unha obra de extraordinaria beleza formal e profusamente decorada cos elementos típicos do autor: acios de froitas moi carnosas, froiteiros, trofeos militares e motivos xacobeos.

Torre de Berenguela
TORRE DE BERENGUELA

CONVENTO DE SAN DOMINGOS (1695). Está disposto o edificio sobre un amplo basamento e converxendo en ángulo recto coa igrexa do propio mosteiro.

Convento de San Domingos
CONVENTO DE SAN DOMINGOS

A fachada organízase en tres pisos e tres rúas. As laterais -excepto os escudos e as molduras das ventás- son lisas, mentres que a decoración se concentra na central. A porta está bordeada por baquetóns e enmarcada por pilastras toscanas refundidas que van dende o chan ata o segundo piso. Dos seus capiteis penduran sendos acios de froitas moi voluminosas. Sobre as pilastras disponse un frontón curvo partido por unha ventá. Por riba da porta aparece unha pequena furna decorada con froitas e volutas que acolle a estatua de San Domingos.

Fachada do Convento de San Domingos
FACHADA DO CONVENTO DE SAN DOMINGOS

ESCALEIRA DE SAN DOMINGOS: escaleira trihelicoidal cunha ascensionalidade e mobilidade propia dunha columna salomónica. A tres ramplas da escaleira conducen a cadanseu andar aínda que dende o chan non se aprecie o remate de cada unha. Ao seren as escaleiras circulares e ocas e ao estaren os chanzos somentes suxeitos polo caracol, as persoas que soben e baixan poden verse pero non atoparse.

Escaleira de San Domingos
ESCALEIRA DE SAN DOMINGOS

CLAUSTRO: obra de nove tramos e dous andares cada un. O primeiro con arcos de medio punto entre pilastras toscanas refundidas e decoradas con acios colgantes, e o segundo ventás de medio punto entre pilastras refundidas sen decorar.

Claustro de San Domingos
CLAUSTRO DE SAN DOMINGOS

PÓRTICO REAL DA QUINTANA (1700). En conxunto a obra contrasta coa verticalidade da veciña Torre do Reloxo. A portada está dividida en dous niveis. O inferior: catro columnas dóricas xigantes apoiadas sobre catro pedestais refundidos, sosteñen un entaboamento con triglifos e metopas, unha cornixa e unha balaustrada. Sobre esta ubicou Andrade uns pináculos de igual factura que os que coroan a ábsida e o ciborio. Na rúa central abriuse unha porta delimitada por unha moldura sobre a que descansa o escudo da nación bordeado por unha fina decoración a base de froiteiros unidos por cintas, iguais que os dispostos nos estípites adosados ás columnas centrais (pero rematados aquí por cruces xacobeas). O superior: está composto por unha peineta con frontón curvo partido e perforado que potencia a sensación de aleiro. No referente á decoración de novo fan acto de presenza os típicos froiteiros e os motivos militares.

Porta Real
PORTA REAL

PORTA SANTA (1660). Peña de Toro (inicio) e Domingo de Andrade Peña de Toro realiza o piso baixo. A porta está bordeada por vintecatro figuras pétreas, procedentes do recén desfeito coro mateano, dispostas en catro rúas e tres corpos. O piso superior, obra de Andrade, disponse en tres rúas con cadanseu nicho con estatua. O central, de maior tamaño e baleiro, está ocupado por un Apóstolo Santiago realizado por Gambino. Pendurando dos laterais Andrade esculpiu os seus típicos froiteiros.

Porta Santa
PORTA SANTA

A CASA DA PARRA (1683). Levántase sobre unha poderosa escalinata que funciona como peche da Praza da Quintana polo NO. A casa consta de tres pisos sendo o derradeiro, un engadido do século XX, un elemento distorsionador da harmonía e da proporción do edificio. A decoración concéntrase nos soportes do balcón voado, nas metopas existentes entre eles e a ambos lados da porta onde son visibles sartas de froitas moi avultadas e carnosas.

A Casa da Parra
A CASA DA PARRA

AS CASAS DA CÓENGA: Domingo de Andrade (trazas) e Fernando de Casas (remate). Pecha a Quintana polo lado sur. Sobre un basamento de tres banzos erguéronse catro casas unificadas nunha soa construción, aínda que diferenciadas entre si, por medio de cinco pilastras refundidas que van dende o chan ata a cornixa superior. Cada casa ten dúas plantas: unha inferior na que un par de columnas dóricas soportan arcos de medio punto e unha superior onde aparece un balcón forxado enmarcado por ventás. Como remate da construción fai acto de presenza unha maxestuosa cheminea. Curiosamente a primeira e a última obra de Andrade están xuntas, por este motivo non é estraño que esta se dispoña de maneira que valorice a aquela.

Casa da Cóenga Casa da Cóenga
CASAS DA CÓENGA UNHA DAS CASAS DA CÓENGA

 

DIEGO ROMAY (- 1694)
Coetáneo de Andrade, adicouse fundamentalmente á construción de obras oficiais de carácter secundario e ás particulares. A pesar deste condicionante as súas realizacións, se ben non son de carácter grandioso, si que posúen gran personalidade, harmonía e un acusado sentido pictórico-plástico.

CONVENTO DA MERCEDE (1674-83). Aínda que carente da grandiosidade das construcións de Andrade, Romay consegue realizar un conxunto de excelente proporcionalidade e harmonía. Nel predominan a horizontalidade (excepto a parte da igrexa e o campanario que con claro sentido urbanístico –está concibido para ser observado dende o Arco de Mazarelos- realizou no século XVIII Simón Rodríguez) e uns muros lisos, con escasa decoración (excepto as orelleiras das ventás e o lenzo de muro correspondente á igrexa). A fachada do templo queda enmarcada por pilastras de orde xigante. No piso baixo disponse tres arcos de medio punto sobre pilastras, constituíndo o central, a entrada do templo. O piso medio divídese en tres sectores. O central amosa unha anunciación e os laterais escudos arcebispais. O piso superior, englobado ao igual que o medio por gran arco, ten unha ventá cun pequeno frontón entre acios de froitas máis miúdas cás que posteriormente empregará Andrade. A obra está concibida cun claro sentido plástico – pictórico, sobre todo o sector central do piso medio, que semella un tapiz.

Mazarelos Mercedarias
CONVENTO DA MERCEDE CONVENTO DA MERCEDE

 

FREI GABRIEL DE LAS CASAS: nacido en Villamañán, León, chegou a Santiago no ano 1674 para ingresar no convento de San Martiño Pinario. Entre outras obras no mesmo mosteiro realizou parte da fachada, concretamente a suroeste . É de gran momumentalidade, enorme austeridade e profundo sentido horizontalizante (o que contrasta coa portada que é tremendamente verticalizante). Falece en Compostela en 1709.

SAN MARTIÑO PINARIO (1697). Divídese a fachada en tres partes. Cun eixe central flanqueado por dous grandes lenzos de catro pisos. O primeiro con arcadas cegas e os restantes xuntos mediante pilastras toscanas rematadas nun pináculo. A torre de cinco corpos rompe a monotonía e horizontalidade da fachada. A portada, enmarcada por columnas dóricas, acubilla nun nicho a San Bieito e remata cunha estrutura adicional engadida no 1738 por Fernando de Casas: un escudo de España e un frontón partido no que se representa a San Martiño partindo a capa cun pobre.

Fachada de San Martiño Portada de San Martiño
FACHADA DO MOSTEIRO DE SAN MARTIÑO PORTADA DO MOSTEIRO DE SAN MARTIÑO

 

ÍNDICE