Saltar navegación

2.1.1 Os tecidos humanos

Os tecidos son agrupacións de células do mesmo tipo con capacidade para realizar unha función nova, que cada unha delas non podería realizar por separado. Os tecidos clasifícanse segundo a súa función nos seguintes tipos:

 

Tecido epitelial

Caracterízase por ter as células estreitamente unidas. Este tecido pode ser de revestimento e glandular.

  • Revestimento. Recobre e protexe toda a superficie corporal, e os órganos e as cavidades internas do corpo: pel, vías respiratorias, vasos sanguíneos, etc.
  • Glandular. Ten a función de secreción de substancias. Forma tres tipos de glándulas:

–      Glándulas endocrinas: as substancias que producen son as hormonas, e vértense directamente ao sangue.

–      Glándulas exocrinas: Liberan os seus produtos ao exterior do corpo (como as glándulas sudoríparas e sebáceas da pel) ou ao interior do tubo dixestivo como as glándulas gástricas, glándulas salivares e fígado.

–      Glándulas mixtas: Liberan substancias tanto ao sangue como ao tubo dixestivo. É o caso do páncreas, que libera a hormona insulina ao sangue e o zume pancreático ao intestino.

Tecido conectivo

Sostén e comunica uns tecidos con outros. Subdivídese nos seguintes:

  • Conxuntivo. Forma estruturas como os tendóns.
  • Adiposo. Almacena substancias enerxéticas (en forma de graxas).
  • Cartilaxinoso. Constitúe a cartilaxe, que ten unha función de tipo esquelética pero con grande flexibilidade; atópase nas vías respiratorias, articulacións, etc.
  • Óseo. Principal compoñente dos ósos, ten como función soster o corpo, darlle forma, protexer os órganos internos e colaborar cos movementos.
  • Sanguíneo. Tecido moi especializado, cunha substancia intercelular líquida chamada plasma, e con compostos celulares: glóbulos brancos, glóbulos vermellos e plaquetas. O sangue ten como función o transporte de substancias, defensa do organismo, control de hemorraxias e a distribución da calor corporal.

Tecido muscular

Está especializado na contracción e, como consecuencia, no movemento. Conforma tanto a estrutura dos músculos (músculo estriado) como as paredes dos órganos internos (músculo liso) e o corazón (músculo cardíaco).

Tecido nervioso

Está formado por células especializadas (neuronas) en dar ordes e coordinar o funcionamento de todos os órganos.

 

 

Actividades propostas

Relacionar os tecidos coas correspondentes funcións, colocando cada letra na cuadrícula que lle corresponda:

  • Transmite ordes aos demais tecidos

 

  • Dálle forma a calquera órgano

 

  • É o esqueleto do nariz

 

  • É unha reserva de enerxía

 

  • É resistente porque posúe minerais

 

  • É flexible polo seu contido en coláxeno

 

  • Transporta gases e alimento polo corpo

 

  • Contráese rapidamente e de forma voluntaria

 

Habilitar JavaScript

 

S1.            Identifique os seguintes tecidos e indique a súa función:

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0