PRINCIPAL

Saltar navegación

2- Lingua hexemónica, lingua minorizada e lingua minoritaria.

As linguas: estruturas vivas

As linguas non son elementos inalterables; son estruturas vivas para comunicar e para expresar, que varían no tempo, no espazo, nos usos, etc. O número de falantes non é o único factor que determina a situación dunha lingua. As linguas teñen todas o mesmo valor, pero outórganselles status distintos en cada momento da historia: o francés foi en tempos lingua da diplomacia entre os ingleses; o galego, lingua literaria das Cortes castelás; o italiano, lingua da ópera en Viena...

Linguas hexemónicas

Son as que gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia.
Cantas máis funcións matrices cumpra unha lingua (é dicir, que se empregue na industria, na educación, na política, no comercio...), maior prestixio social acada. Un exemplo de lingua hexemónica hoxe é o inglés;  hai pouco tempo érao o ruso nos países de Europa do Leste. O ruso aínda é a lingua máis falada hoxe en Europa, xa que conta con 120 millóns de falantes, pero pola súa condición social e económica xa non se considera lingua estratéxica no ámbito económico.
En definitiva, a condición de lingua hexemónica cambia ao longo da historia.

Linguas minoritarias

Son as usadas por comunidades lingüísticas pequenas en número. Independentemente da consideración social que teñan, posúen comparativamente un pequeno número de falantes (ex. o maltés en Malta ou o italiano en Suíza).

Malta é unha illa mediterrána, de territorio cativo, que posúe un número pequeno de habitantes; como os falantes de maltés son relativamente poucos, dicimos que é unha lingua minoritaria. O mesmo se aplica ao italiano en Suíza, por exemplo.

Linguas minorizadas

Son aquelas que, sendo historicamente propias dun pobo, están sometidas a condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións de uso. É dicir, a súa presenza social (por exemplo, nos medios de comunicación) é menor da porcentaxe que lle correspondería polo número de falantes. Este sería o caso do galego, por exemplo, pero non o do italiano en Suíza, onde é unha lingua minoritaria, pero normalizada.

O factor básico desencadeante da minorizacón dunha lingua é a competencia desigual cunha ou varias linguas alleas de maior prestixio. A lingua débil desa convivencia desequilibrada está sometida a condicións sociopolíticas que restrinxen os seus usos e funcións (ten menor ou nula presenza na escola, nos medios de comunicación, nos ámbitos "cultos"): fálase entón de lingua minorizada. É dicir, a lingua dominante é aquela que por diversos factores (políticos, culturais, económicos...) se impón fóra do territorio que lle é propio. É o caso de linguas como o castelán, o francés, o inglés, o ruso... E a lingua minorizada é a autóctona dunha zona que retrocede nos diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua dominante que se introduce dentro do seu territorio xeográfico, quedando marxinada socialmente e nun status inferior. É o caso do galego, bretón, manxés, español en Puerto Rico...

Observa

Ao falarmos de linguas minorizadas deberemos ter en conta dous aspectos:

a) A non existencia dun estado que as recoñeza como oficiais. Normalmente, as linguas minorizadas son linguas sen estado. Excepcións a esta norma en Europa son o maltés, o luxemburgués e o gaélico irlandés, linguas que, aínda sendo oficiais dos correspondentes estados (Malta, Luxemburgo e república de Irlanda, respectivamente), atópanse nunha situación de minorización.

b) A non coincidencia de fronteiras políticas e fronteiras lingüísticas. As fronteiras políticas foron establecidas de maneira artificial (mediante tratados, a través de concesións, por herdanza…), mentres que as lingüísticas (isoglosas) responden a criterios de formación naturais e históricos; por iso é raro que as fronteiras políticas e lingüísticas dun país coincidan (ex. o denominado galego "exterior"). Así, unha mesma lingua pode ter un status moi diferente en diversos territorios debido a que as fronteiras políticas e lingüísticas non coinciden. O alemán pode ser considerada unha lingua minorizada nos vales alpinos de Italia, onde ten un status ben distinto do que ten en Alemaña, en Austria ou en Suíza.

Esta falta de coincidencia de fronteiras provoca diferenzas no recoñecemento legal das linguas. Por exemplo o maxiar é unha lingua minorizada entre os húngaros de Transilvania ( Romanía), pero é a lingua oficial do veciño estado de Hungría.

Reflexiona

Pese ás enormes diferenzas que existan entre as distintas linguas minorizadas, en xeral a situación destas linguas é preocupante; algunhas coma o córnico ou manxés xa non posúe falantes, aínda que se están tentando recuperar; outras coma o lapón case non chegan a 30.000. Na meirande parte dos casos, os estados néganlles o seu status de lingua, simplemente son ignoradas, ou mesmo hai un certo obstrucionismo para o seu desenvolvemento.

Así e todo, a actitude dos diferentes estados é diversa e vai desde o recoñecemento – coma no caso español en que o galego, o catalán e o éuscaro están recoñecidos legalmente na Constitución e son linguas cooficiais nas respectivas Comunidades Autónomas, xunto co castelán- até un certo obstrucionismo – como é o caso francés, onde a política centralista levada a cabo polo Estado provocou que as linguas non oficiais do seu territorio (coma son o alsaciano, o éuscaro, o bretón, o occitano ou o corso) se atopen nunha situación realmente difícil para poder subsistir. Nun momento no que as comunidades lingüísticas maiores optan por manter o seu propio idioma fronte á globalización, non debería sorprendernos que as comunidades lingüísticas menores (minorizadas e/ou minoritarias) aspiren ó mesmo obxectivo.

Como vemos, o número de falantes non é o único factor que determina a situación dunha lingua. Por outra banda, trátase dunha cuestión de perspectiva: o galego é unha lingua minoritaria? pois depende de con cal a comparemos. Abonde saber que pertence ao selecto grupo do 5% de linguas do mundo que contan con máis dun millón de falantes!

As linguas son importantes todas en tanto que todas as persoas son importantes!