Saltar navegación

Bailes e danzas

1. Baile na Praza de Cervantes, en Santiago. Foto: David Major.

O baile tivo sempre moita importancia na vida de Galicia, non habendo practicamente festa ou xuntanza de amigos que non rematara con algún. Os que conservamos na nosa tradición son abundantes e variados, case sempre con acompañamento vocal e instrumental.

Chamamos bailes de entretemento a aqueles que teñen como finalidade a propia diversión durante os tempos de lecer, sen outra intención que non sexa a de disfrutar bailando. As danzas son bailes que teñen un desenvolvemento e unha coreografía determinada que hai que seguir, sen apenas lugar á improvisación.

2.1 A.C. Xacarandaina. Arquivo Xacarandaina. 2.2 A.F. Cantigas e Agarimos. Arquivo Cantigas e Agarimos.
  • BAILES:

      • Muiñeira. É o baile máis popular de Galicia, coñecido tamén fóra das nosas fronteiras. De tempo rápido e vivo, ten ritmo binario en 6/8 e é bailada por parellas mixtas ao son das gaitas e da percusión. Normalmente hai un guía no baile que indica os puntos que se han de bailar, os cales son repetidos polo resto de bailaríns, seguidos do característico paseo en círculo. A estrutura da muiñeira non é fixa, pois vaise improvisando segundo saen puntos e voltas, que van sempre intercalados. Ao ser tan popular, existen numerosas variantes locais: a carballesa (moi rápida e viva), o contrapaso (bailada en roda por numerosas parellas), a chouteira (con grandes saltos), a ribeirana (o home fai alarde da súa enerxía con vistosos puntos e saltos mentres a muller adopta un papel máis dócil) e a redonda (cos músicos dentro da roda dos bailadores), son diferentes tipos de muiñeira.

      • Xota. O da xota é un ritmo presente noutras partes da península, aínda que xa está moi asimilado pola nosa cultura. Ten ritmo ternario, en 3/4 ou 3/8, e interprétase de modo máis pausado que a muiñeira, así como sen tantos desprazamentos. Bailada por parellas mixtas, nas que a muller realiza os puntos que marca o home, as máis das veces componse de descanso, punto e volta. 

      • Os agarrados (bailes procedentes de fóra de Galicia que esixen de contacto físico como polkas, mazurcas e pasodobles), os bailes infantís e os bailes das festas populares e de traballo (como o do magosto, que serve para festexar a recollida da castaña), constitúen unha boa mostra da variedade de bailes presentes na nosa terra, ademais da xota e da muiñeira.
3. A.C. Xacarandaina. Arquivo Xacarandaina.

  • DANZAS:

      • Danzas gremiais e procesionais. Son bailadas polos membros dos gremios de traballadores ou patrocinadas por eles. Teñen unha orixe laica, aínda que en moitos casos a igrexa asimilounas como propias para honrar aos seus santos. A Danza dos Arcos dos mariñeiros en Betanzos ou as Danzas de Paus dos xastres en Allariz son danzas gremiais.

      • Danzas relixiosas. Están relacionadas co rito católico, como é o caso das danzas de Reis, Nadal e Aninovo.

      • Danzas nupciais. Interprétanse nos casamentos, antes ou despois dos mesmos. Destaca a regueifa, bailada polos propios noivos e na que a muller leva un pan sobre a cabeza para ser repartido ao final entre os convidados.

      • Danzas funerarias. Empregábanse para homenaxear ao finado, normalmente de boa posición. Na danza do abellón, unha roda de persoas xira ao redor da persoa morta imitando coa voz o son das abellas.

      • Danza do galo. O home galantea cun grupo de mulleres, bailando diante delas de modo lucido e vistoso.
4.1 Danza dos arcos, Betanzos. Foto: Encarna Vidal Santos. 4.2. Danza de San Sebastián, Aldán. Foto: Septem Trionis. 4.3 Danza das espadas, Redondela. Foto: Calrosfking.