Saltar navegación

Idiófonos

              1. Cunchas. Foto: Francisco Álvarez Bao. 
Audio 1. Cunchas. Intérprete: Pablo Carpintero.

O uso deste instrumento, composto por dúas cunchas de vieira, esténdese por toda a xeografía de Galicia, tamén en lugares que non están perto da costa. Son moi valoradas no noso folclore, pois un canto acompañado das cunchas xa é suficiente para amenizar a festa, podendo ademais acompañar a todo tipo de instrumentos debido ao seu forte son. Para facelas soar é necesario raspar unha contra a outra pola parte estriada, clasificándose dentro da categoría dos idiófonos refregados.

                         2. Charrasco. Foto: David Major.
Audio 2. Charrasco. Intérprete: Pablo Carpintero.

Trátase dun pau vertical de máis dun metro e medio de lonxitude, atravesado na parte superior por tres traveseiros horizontais de madeira con ferreñas. O pau maior cóllese coa man esquerda para facelo bater no chan e así marcar o compás, mentres que a dereita sostén un pau con fendas para raspar o arame que vai desde a parte superior do instrumento ata a inferior, de modo que redobren todas as ferreñas. O seu uso está ligado principalmente ás festas de Nadal e entroido, así como tamén ao acompañamento dos grupos de requinteiros do Val da Ulla.

                  3. Ferriños. Foto: Hannes Grobe. 
Audio 3. Ferriños. Intérprete: Pablo Carpintero.

Instrumento ao que o ferreiro dá vida na forxa, os ferriños consisten en dúas variñas metálicas: unha con forma de triángulo equilátero e outra totalmente recta. Sostense mediante un aro de ferro ou unha corda que se pasa ao redor do polgar da man esquerda, o cal é golpeado co ferriño que porta a man dereita. Pode tocarse batendo coa variña nun dos laterais, alternando golpes entre dous dos lados ou cun movemento circular do pulso que fai bater a variña con rapidez nos tres lados do triángulo, á maneira dun redobre.

4.1 Tarrañolas. Foto: Devellis. 4.2 Tarrañolas. Foto: Ganainm.
Audio 4. Tarrañolas. Intérprete: Pablo Carpintero.

As tarrañolas están feitas con dúas láminas rectangulares de madeira, aínda que tamén as hai doutros materiais como pizarra ou óso. Para tocalas, unha das láminas colócase entre os dedos índice e corazón ao tempo que se fixa contra a palma da man, mentres que a outra, sostida entre os dedos anular e corazón, fica máis libre para bater na compañeira. Pódense tocar por parellas, utilizando as dúas mans, pero esta práctica xa se está a esquecer. Os nenos eran grandes tocadores de tarrañolas, xa que era un dos instrumentos cos que se acompañaban cando ían pedir o aguinaldo de porta en porta entoando os cantos de reis.

       5. Birimbau. Foto: Dan Moi
Audio 5. Birimbau. Intérprete: Pablo Carpintero.

O birimbau, tamén chamado arpa de boca ou trompa, está formado por unha lámina de ferro que vai suxeita a un marco con forma de ferradura fabricado no mesmo material. Para tocalo, é preciso colocar o instrumento entre os dentes agarrado pola man esquerda mentres a dereita puntea cos dedos a lingüeta de metal, facéndoa vibrar. A cavidade bucal actúa como caixa de resonancia. En Galicia non se teñen referencias de agrupacións formadas por birimbaus nin do seu uso para acompañar o baile, sendo a principal función destes instrumentos a de matar o tempo cando se estaba co gando ou amenizar as tardiñas ao carón da lareira mentres se entoaba algún canto.


                  6. Ferreñas. Foto: Pianosimon. 
Audio 6. Ferreñas. Intérprete: Pablo Carpintero.

As ferreñas consisten nun aro de madeira cunha serie de ocos onde van inseridos uns discos metálicos chamados ferreñas ou ferriñas. Tiveron máis consideración no pasado que na actualidade, pois foron desprazadas polo auxe da pandeireta. Aparecen en moitas ocasións ligadas á celebración do Corpus Christi, onde o ferreñeiro marcaba o ritmo da melodía axitándoas no aire ou baténdoas contra o propio corpo. Empregábanse tamén en festas e romerías, motivo polo que aparecen citadas en numerosas coplas do noso cancioneiro popular, a maior parte das veces como acompañantes do pandeiro.

         7. Carraca. Foto: Salvatore Capalbi.
Audio 7. Carraca. Intérprete: Pablo Carpintero.

Feita de madeira ou cana, a carraca consta dun mango cunha roda dentada no extremo superior que encaixa dentro dun marco que ten unha ou varias lingüetas. Ao facer xirar o marco sosténdoo polo mango, as lingüetas espétanse na roda dentada, producindo o son tan característico deste instrumento. Era usada no ámbito relixioso (durante a Semana Santa soaban as carracas en lugar das campás para chamar a xente á misa), e tamén no mundo infantil, como xoguete. Antigamente, os leprosos facían soar a carraca para avisar da súa presenza, e era tamén o seu son quen acompañaba aos condenados no seu derradeiro paseo.