Lámina "A regularidade periódica dos elementos según Mendeléyev"
Na planta baixa do Museo Pedagóxico de Galicia exponse temporalmente unha lámina, procedente do IES Lucus Augusti de Lugo, recentemente restaurada. Trátase dunha lámina da táboa periódica dos elementos químicos segundo Mendeléyev, editada en Viena.

En 1869, o químico ruso Dmitri Mendeléyev ordenou os elementos químicos coñecidos baseándose no peso atómico e na repetición periódica das súas propiedades, o que supuxo unha das achegas máis importantes na química do século XIX.

O museo súmase deste xeito á celebración do Ano Internacional da Táboa Periódica, proclamado así pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas por cumprirse o 150 aniversario da súa creación.