A Xunta aprobará os decretos para a gratuidade da Universidade e dos estudos artísticos ao comezo do verán, antes de iniciar o período de matrícula

Román Rodríguez recalca no Parlamento que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a Escola Infantil ata a Universidade

Mér, 15/05/2024 - 13:16
O Conselleiro falando no seu escaño do parlamento galego

A Xunta de Galicia está xa a tramitar os decretos que permitirán, a partir do vindeiro curso, que o alumnado de grao das universidades públicas galegas e os de ensinanzas artísticas superiores teñan a matrícula gratuíta. A medida será aprobada no Consello a principios de verán, a tempo para o inicio do período de matriculación. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que recalcou que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a escola infantil ata a universidade.

 

“Desde o Goberno galego levamos anos traballando para construír un sistema no que se garanta a excelencia e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado”, lembrou, e puxo como exemplo a conxelación das taxas universitarias durante 14 anos consecutivos. “Acadamos os prezos públicos máis baixos de toda España, tanto en grao como en máster, co que as familias galegas levan aforrados 200M€ neste tempo”, sinalou.

 

Agora, con este novo paso, universalízase a gratuidade, á par que se premia o esforzo, cunha medida que vai ter un alcance potencial de 50.000 alumnos e que beneficiará aos alumnos tanto de primeiro como do resto de cursos. No caso do alumnado universitario, suporá un aforro medio de 3.000€ ao longo da carreira. E, namentres, as universidades non verán reducidos os seus ingresos, pois serán compensados polo Goberno galego.

 

Sen trámites adicionais

Román Rodríguez detallou que a nova medida se vai implementar a través de dous textos normativos, tanto para as universidades como para as ensinanzas artísticas.

 

“Levamos semanas traballando para definir estas cuestións técnicas, a nivel interno e coas propias universidades, co fin de deseñar o modo en que o alumnado poderá optar por esta bonificación”, dixo. Neste senso, adiantou que, no caso dos graos, o procedemento xa estará incorporado nas plataformas de matriculación de cada universidade (USC, UVigo e UDC) e non requirirá de ningún trámite adicional.