Unha viaxe á robótica educativa / SUSANA OUBIÑA

Este obradoiro ten dúas finalidades que se complementan. A primeira é que os asistentes, sen necesidade de ter coñecementos iniciais sobre robots e software de programación complexo, interactúen e manexen diferentes robots e kits que se están usando nas aulas. A segunda finalidade é que os asistentes, como docentes que son, logren as destrezas necesarias para sentirse o suficientemente competentes e lanzarse a experimentar coa robótica na aula.

Esta ferramenta atractiva e motivadora para o noso alumnado traballarémola de forma colaborativa, en pequenos grupos que terán que ir pasando por diferentes estacións, como se dunha viaxe se tratase. Iso si, o grupo decidirá o seguinte destino, a seguinte parada, atendendo aos seus intereses de aprendizaxe e á dispoñibilidade do posto (que ese posto non estea ocupado por outro grupo). Cada estación é un posto de traballo e disporá dun ou dous robots, unha pequena guía rápida de axuda para manexalos e unha ou varias actividades ou retos que o grupo terá que conseguir nun tempo determinado (o factor tempo imponse porque o obradoiro só dura 75 minutos).

Eu, como docente, interrelacionareime cos grupos nas diferentes estacións intentando axudar, colaborar, animar e solucionar as dúbidas que vaian xurdindo. Xogaremos e aprenderemos cos seguintes elementos de robótica educativa: Bee Bot, ProBot, Thymio, Edison, Leap Motion, Picoboard, Aisoy e S4A.



Temática:

Robótica educativa, aprendizaxe colaborativa, investigación

Para que niveis educativos é interesante ou aplicable esta experiencia?

Educación Infantil e Educación Primaria.

ACCESO AOS MATERIAIS
SÍGUENOS NAS REDES SOCIAIS