Skip to Content

"O futuro é de madeira"

Estimadas familias: Este venres, 21 de abril, os grupos de 3º e 5º curso de Educación Primaria tiveron a oportunidade de descubrir as posibilidades que ofrece a madeira e os moi diferentes usos que ten este material natural que está presente no noso día a día e que é a materia prima base para a fabricación de moitos materiais. Elsa (que pertence á asociación PEFC) veu a presentarnos a través de actividades lúdicas como a madeira está presente na nosa realidade cotiá e a informarnos da importancia que ten a xestión forestal. PEFC é unha organización sen ánimo de lucro que traballa para promover a xestión forestal sostible dos nosos bosques. En Galicia temos unha porcentaxe moi importante de territorio dedicado á superficie forestal. A conservación, protección e aproveitamento responsable dos recursos naturais, pasa por unha educación e concienciación social sobre os valores ambientais, os sociais, culturais e económicos que os bosques e os seus recursos nos aportan.

XVI Semana do Libro e a Lectura de Carballo 2023

Estimadas familias: A semana do 24 ao 30 de abril celébrase a "Semana do Libro e a Lectura de Carballo 2023". Nos arquivos adxuntos podedes ver con detalle as actividades programadas por parte do Concello de Carballo, que se desenvolverán na Biblioteca "Rego da Balsa". Para poder asistir ás actividades, que son gratuítas e abertas ao público, é necesario realizar reserva de convite xa que teñen aforo limitado. As actividades correrán a cargo de: Inventi Teatro ("As palabras perdidas"), Pakolas ("Rockeando con Ramona Pequena"), Títeres Alakrán ("Circo Galaico"), Vero Rilo ("Outra vez!") e o Mago Marco ("Maxia para soñar").

Composteiro - Agasallo do Concello de Coristanco

Estimadas familias: Este xoves, 13 de abril, o alumnado de 1º e 3º curso de Educación Primaria tivo a oportunidade de asistir a unha sesión de formación sobre compostaxe doméstica dentro da campaña promovida polo Concello de Coristanco, en colaboración con SOGAMA. Grazas á proposta do Concello xa dispoñemos de outro composteiro máis no colexio que nos vai permitir que o alumnado contribúa de forma directa na xestión dos residuos orgánicos que se producen no centro tanto nos que xeran directamente a través das merendas como o resultante do uso do servizo de comedor escolar. O coidado do medioambiente correspóndese ademais con varias das accións para alcanzar os "Obxectivos e Metas de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030", como é o caso do obxectivo 11 "Cidades e Comunidades Sostibles", o obxectivo 12 "Produción e Consumo Responsables" e o obxectivo 13 "Acción polo Clima". Deixamos fotos e vídeos ilustrativos da actividade nos arquivos adxuntos. Un saúdo. O equipo directivo. 

Axudas de estudos para o 2º Ciclo de Educación Infantil e estudos de Grao Elemental ou Profesional no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. 2022-2023

Estimadas familias: O Concello de Carballo abre hoxe o prazo para presentar as solicitudes das Axudas de Estudos para o alumnado do 2º Ciclo de Educación Infantil e estudos de Grao Elemental ou Profesional no Conservatorio Profesional de Música de Carballo. As axudas están destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Carballo. O prazo remata o xoves, 4 de maio de 2023.

Nos documentos adxuntos figuran as bases, o modelo de solicitude e información sobre a convocatoria. De todas formas, o modelo e as bases da convocatoria tamén figuran pa páxina web do Concello. As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica (http://sede.carballo.gal) ou nos rexistros do Concello de Carballo.

O horario de atención ao público, nas oficinas da Concellaría de Cultura do Concello de Carballo para recibir a información que necesitedes será de luns a venres, de 11:00h a 12:30h.

Menú de abril

Estimadas familias: Aquí vos deixamos o menú que degustaremos durante o mes de abril. Esperamos que vos guste! Un saúdo. 

Instrución pola que se precisan aspectos da avaliación

Estimadas familias: Publicamos o documento onde se recolle a Instrución 2/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se precisan aspectos da Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación. Un saúdo. O equipo directivo. 

Composteiro - Agasallo do Concello de Carballo

Estimadas familias: O pasado venres, 17 de marzo o alumnado do grupo de 4º curso de Educación Primaria tivo a oportunidade de montar e inaugurar o primeiro composteiro do colexio. Esta iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Carballo dentro do programa "Carballo limpo, mellor así". Agardamos que ao longo do curso consigamos encher o composteiro coa colaboración do alumnado de Educación Infantil que deposita no composteiro diariamente os residuos orgánicos que xeran as súas merendas. Tamén contamos coa colaboración do persoal de cociña e das colaboradoras de comedor que seleccionan os residuos que se xeran durante o servizo. Moitas grazas a todas e a todos por colaborar e contribuír así a coidar do medioambiente. No adxunto deixamos fotos ilustrativas da actividade. Un saúdo. O equipo directivo. 

Acoges+ Galicia - Aldeas Infantiles

Estimadas familias: A través desta publicación damos difusión ao "Proxecto de Acollemento Familiar Especializado" de ALDEAS INFANTILES SOS. Está dirixido a todas aquelas familias que poidan estar interesadas en darlle unha oportunidade a nenos, nenas e adolescentes que, por diversas razóns, non poden crecer xunto á súa familia biolóxica e necesitan atopar a unha familia de acollida que lles brinde a oportunidade de crecer nun fogar cálido, estable e seguro e que lles axude a reconstruír a súa historia para que poidan vivir dunha forma positiva, amable e feliz. O proxecto "Acoges+" está financiado polo Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 con fondos da Unión Europea. Un saúdo. O equipo directivo. 

Para máis información podedes consultar na web: www.casaconfamilia.com

Deixamos no documento adxunto información sobre o proxecto. 

 

Fálame moito e ben

Estimadas familias: Este mércores, 8 de marzo, ás 18:00h, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo achega á Biblioteca Rego da Balsa un obradoiro sobre cando e como estimular a linguaxe nun contexto coma o noso, onde conviven dous idiomas. O obradoiro será impartido pola psicóloga Raquel Bello Varela, do equipo Oikos, e incluirá diferentes materiais con actividades destinadas a estimular a adquisición lingüística nas crianzas, xogos e cancións.

A duración aproximada será de 90 minutos.

Público ao que está destinado o obradoiro: Adultos educadores e familiares que esperen unha crianza ou que teñan unha de ata 6 anos.

Incricións: Capacidade limitada, con inscrición telefónica previa, desde as 10:00h da mañá, no 981.758.580.

Acceso: Deberanse seguir as indicacións do persoal bibliotecario á hora de ocupar o espazo no que se desenvolverá a actividade.

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Charla - Plan Director - 2022-2023

Estimadas familias: Hoxe terá lugar a charla do Plan Director dirixida a familias do alumnado de 1º a 6º curso de Educación Primaria. Como xa vos fixemos saber, era necesario confirmar asistencia a través dos titores e titoras dos/das vosos/as fillos/as para poder organizar a actividade da mellor forma posible. A charla será impartida por un membro da Garda Civil que se desprazará ao centro e que tamén estará dispoñible para resolver todas aquelas dúbidas que desexedes plantexarlle relacionadas coa temática da formación. O horario da actividade é de 16:30hs a 18:00hs. Rógase puntualidade no horario de chegada ao centro. Moitas grazas pola vosa participación. Un saúdo. O equipo directivo. 

Menú de marzo

Estimadas familias: Deixamos o menú de marzo, esperamos que vos guste. Un saúdo.

Admisión alumnado. Curso 2023-2024

Estimadas familias: Este mércores, 1 de marzo, empeza o prazo para xestionar o proceso de admisión de alumnado para o curso 2023-2024. Deixamos a información nos documentos adxuntos. Un saúdo. O equipo directivo. 

Menú de febreiro

Deixamos o menú de febreiro no que gozaremos do menú especial de entroido.

Reserva de praza para o alumnado de 6º Curso de Educación Primaria no centro adscrito (IES Isidro Parga Pondal)

O prazo de presentación de solicitudes é desde o día 16 de xaneiro ata o 6 de febreiro e diríxese ao alumnado de 6º Curso de Educación Primaria que continuará os estudos no IES Isidro Parga Pondal.

As familias poderán cumprimentar as solicitudes de reserva de xeito manual ou a través da aplicación http:www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

Para presentar unha solicitude deberá seguir algunha das opcións descritas a continuación:

1.Cubrir a solicitude informaticamente e presentala asinada de xeito manual no centro:

Distribuir contido


by Dr. Radut