Saúde e educación física

IGNACIO LÓPEZ PRESEDO. MESTRE EF


A área de Educación Física presenta unhas características diferentes as demais áreas do currículum escolar, en canto a que as actividades que nela se desenvolven non son só de tipo cognitivo, senón que tamén son físicas, o que fai que sexa recomendábel un coñecemento por parte do profesorado dos posibeis problemas de saúde que os alumnos e alumnas poidan presentar no referente a realización con normalidade das actividades que se van a realizar durante as sesións.
Así, no comezo dun novo curso escolar ou durante o transcurso do mesmo sería desexábel poñer en coñecemento do mestre ou mestra de Educación Física aqueles aspectos relativos á saúde dos alumnos/as que sexa necesario considerar a hora de poñer en práctica as actividades correspondentes a esta área, coa finalidade de adaptar as mesmas a cada caso concreto. Este aspecto resulta moi importante xa que o feito de coñecer os problemas de saúde que poidan presentar os nosos alumnos/as repercutirá nunha maior calidade e control das actividades xa que as mesmas adaptaranse a cada caso e ao mesmo tempo evitarase a realización daquelas que poidan resultar contraindicadas para cada neno/a.
Ademais, esto contribuiría a que non se producisen situacións imprevistas nas sesións debido a problemas de saúde dos alumnos/as que son descoñecidos por parte do profesorado, provocando situacións inesperadas que en caso de ser coñecidas con anterioridade serían afrontadas con normalidade e non suporían unha situación inesperada, ante a cal a resposta sería diferente. Polo tanto, co obxecto de evitar este tipo de situacións, que en anos anteriores xa se teñen producido, e tendo en conta que a resposta ante unha situación previsíbel vai ser moito máis axeitada que ante un feito imprevisto, resulta fundamental informar acerca de calquera tipo de problema que cada neno ou nena poida padecer e que lle impida realizar actividades física con normalidade ou que necesite unha adaptación individualizada.
Os problemas de saúde dos que se debe informar ao profesorado non só farán referencia a aqueles que estexan directamente relacionados co aparello locomotor, como poden ser o de tipo óseo, muscular ou articular, senón que ademais debese informar daqueles outros que tamén van a repercutir na actividade física, como poden ser os problemas de tipo perceptivo, como os auditivos e visuais, os de tipo respiratorio, os de tipo cardíaco, os de tipo circulatorio, os de tipo alérxico, etc., que igualmente van a ter protagonismo nas actividades a realizar nas nosas sesións.
Outro aspecto igualmente importante, que non se debe deixar de lado, é o referente as enfermidades ou lesións puntuais que os alumnos/as podan padecer ao longo do curso, das cales os mestres deben de estar informados coa finalidade de favorecer os procesos de recuperación e non repercutir negativamente sobre os mesmos. Ante estas situacións o máis recomendábel sería poder contar cun informe médico no que o facultativo nos informase por un lado das actividades contraindicadas  e por outro nos indicase aquelas outras que resultarían beneficiosas para a recuperación.

Saúde e educación física