Oe ben o meu fillo?



RAQUEL PADRONES GARCÍA. MESTRA AL

A finalidade deste artigo é ofrecer aos pais dos máis pequenos unha sinxela guía para detectar no fogar posibles dificultades ou perdas de audición nos seus fillos. Chamar a vosa atención sobre un aspecto tan importante para o desenvolvemento do neno como é a audición obedece ao feito de que actualmente un 30% das xordeiras ou hipoacusias se están a diagnosticar tardiamente (a partir dos 3 anos de idade). Aínda que moitos hospitais e maternidades do noso país dispoñen xa dun Programa de Detección Precoz de Xordeira, e nalgunhas Comunidades Autónomas é obrigatorio que todos os recén nacidos pasen polo devandito programa, o certo é que por desgracia aínda non se están a aplicar de forma xeneralizada por parte dos servizos públicos de saúde.

Dada a situación faise especialmente importante a observación e seguimento por parte dos propios pais da audición nos primeiros anos de vida dos seus fillos.Se unha perda auditiva non se detecta precozmente tampouco será atendida precozmente o que dará lugar a importantes alteracións na adquisición da fala e da linguaxe, no desenvolvemento emocional e cognitivo así como na integración familiar, escolar, social e laboral. Solo unha detección precoz permitiranos realizar un oportuno labor preventivo, educativa e rehabilitadora para aproveitar ao máximo a idade crítica de aprendizaxe. Guía orientativa para observar a audición do voso fillo en cada tramo de idade 

Do nacemento aos 3 meses 

  • O voso bebé axítase, abre os seus ollos ou pestanexa cando hai un ruído.
  • Dá mostras de escoitarvos cando lle falades ou cantádeslle.
  • Tranquilízao escoitar a vosa voz.
  • Reacciona ao son dunha campaíña. 

De 3 a 6 meses

  • Reacciona aos ruídos familiares.
  • Oriéntase cara á vosa voz coa mirada ou xirando o colo.
  • Responde con emisións á voz humana.
  • Emite sons guturais para chamar a atención.       

De 6 a 9 meses 

  • O neno mira e atende cando se lle chama polo seu nome.
  • O neno mira cara ao sitio onde se orixina un ruído ou se asusta se este é forte.
  • Chama a vosa atención mediante vocalizacións.
  • Emite sílabas (pa, ma, ta...)
  • Xoga coas súas vocalizacións, repetíndoas e imitando as do adulto. 

De 9 a 12 meses 

  • Parece responder mesmo ante sons moi débiles.
  • Recoñece e localiza "papá" e "mamá" cando se lle nomean.
  • Comprende palabras familiares.
  • Entende a negación. 
  • Comprende ordes sinxelas sen apoio xestual como por exemplo dáme..., toma...

 De 12 a 18 meses 

  • Di "papá" e "mamá" con contido semántico.Comeza a dicir as súas primeiras palabras.
  • Recoñece e localiza os seus xoguetes cando se lle nomean.
  • Responde de forma distinta a sons diferentes como o timbre, o teléfono, ...
  • Nomea algúns obxectos familiares.
  • Responde dalgún xeito cando se lle chama dende outro cuarto.
  • Responde a preguntas sinxelas sen xestos.
  • Xoga imitando xestos que acompañan cancións infantís (por exemplo "os 5 lobiños"....),
  • Comprende ordes como: -"di adeus”

 De 18 a 24 meses 

  • Empeza a usar palabras simples (en torno a dez).
  • Conta cousas na "súa linguaxe".
  • Pode sinalarse partes do corpo cando llo/llelo pedimos verbalmente.
  • Pon atención nos contos.
  • Comprende ordes sinxelas sen acompañalas de xestos indicativos.
  • Coñece o seu nome.
  • Fai frases de dúas palabras.  

Aos dous anos 

  • Intenta falar convosco xuntando palabras en frases sinxelas.
  • Responde a ordes e preguntas sinxelas mesmo cando está lonxe do que lle fala.
  • Pode oírvos mesmo cando lle falades en voz moi baixa.
  • Sinala nos debuxos o que lle pedides.
  • Gústalle que lle leades contos. 

De 3 a 6 anos 

  • Sabe falar. Utiliza unha linguaxe axeitada á súa idade e todo o mundo lle entende.
  • Sabe contar o que lle pasa (expresa verbalmente as súas necesidades, sentimentos e vivencias).
  • É capaz de manter unha conversación sinxela.
  • Fala con outros nenos.
  • Pode repetir unha frase se lle pide.
  • Pode explicar o que vai nun debuxo, ilustración, etc.
  • Contesta a preguntas sinxelas sobre si mesmo, os seus familiares, a súa vida...
  • Cando se lle pregunta algo non contesta sistematicamente cun "¿que "? ".
  • Utiliza correctamente os pronomes persoais "Eu" e "Ti". 

Outros aspectos que convén observar : ¿Berra o neno excesivamente ao falar?¿Sobe moi alto o volume do televisor?¿Ten problemas de relación ou integración na escola? ¿É Introvertido, distraído ou agresivo?Se tras a observación tedes dúbidas sobre a audición do voso fillo debedes acudir ao médico especialista (otorrinolaringólogo) para que realice a valoración oportuna.

Non esperedes. Recordade que un diagnóstico precoz é a mellor garantía dun desenvolvemento normal nun neno con perda de audición.