Ti que queres ser?

MARITA VILAR ARMAS. MESTRA ORIENTADORA


 

O mar é enorme e está cheo de peixes e doutros animais.

A lura é un bichiño moi simpático, ten as patas na testa. Pero é tímida e amedréntase facilmente. Cando ten que falar con alguén, se pode, prefire evitalo.

A lura asústase, escapa, evita, non di o que pensa, nin como se sente, da moitas escusas, non expresa a súa opinión e, as veces, ten a sensación de que lle toman o pelo.

A quenlla ten mal xenio. Cando fala, o que fai é berrar; enfádase e saca os dentes. Todo o mundo lle ten medo.

A quenlla asusta aos demais, enfádase rapidamente, sempre cre ter razón e obriga aos demais a que pensen como ela. Hai poucos peixes que queiran ser os seus amigos.

O golfiño é amábel e sinceiro. Cando ten que falar con alguén, aínda que sexa para ter unha conversación difícil, faino directamente, sen darlle voltas. Os demais animais confían nel e respéctano.

O golfiño, aínda que ás veces se pon un chisco nervioso, non se acovarda, di o que pensa e sente, incluída a súa opinión. E sinceiro e firme, sen ser groseiro. Todos os peixes o queren.

Cando a lura se atopa con outras luras ou peixes que non coñece, ponse moi nervosa. Ás veces tanto, que se lle escapa a tinta e marcha nadando a toda velocidade. Noutras ocasións, tapa os ollos coas patas, porque ten vergoña e case nunca inicia a conversa.

A quenlla chega arrasando. Abre a súa gran boca e di: “son a mais mala! Como a quen eu queira”. E, claro, non ten moito éxito.

O golfiño achégase, sorrí, mira aos ollos do outro peixe e dille: Ola, chámome Golfiño. Como estás?

Se queres coñecer xente tes que ser un golfiño. O primeiro é achegarte, non podes falar a distancia. Ao mesmo tempo, é moi importante que mires aos ollos e que sorrías á persoa coa que conversas.

A partir de aí, saúda, di o teu nome: Ola, chámome María,, e ti?, e pregunta algo.

Cando outra persoa che pregunte algo, non te limites a contestar “si” ou “non”. Mellor cóntalle máis cousas: Gústanche os deportes, si, moito, o que mais me gusta é o baloncesto...

A lura quéixase de quedar en branco, non sabe que dicir cando está conversando.

O golfiño ten un truco excelente para que isto non lle ocorra: escoita con moito detemento o que lle di  a xente, e case maxicamente, en canto entende o que din, sabe o que ten que preguntar.

Fai ti o mesmo: escoita atentamente a persoa que che fale, asente coa cabeza para demostrarlle que a entendes e pregunta o primeiro que se che ocorra.

A táctica do golfiño para facer amigos é:

Sorrir, mirar aos ollos e achegarse.
Dicir o seu nome e preguntar.
Escoitar e dar sinais de interese.
Para non quedar en branco, concentrarse en entender o que lle din e contestar espontaneamente.
Cando lle preguntan, ademais de contestar cun “si” ou “non”, sempre dicir mais cousas.
As persoas que se comportan como unha lura  quédanse calados, asústanse, póñense nervosos, encóllense, ou botan a correr.

A estas persoas a xente chámaos tímidos, introvertidos, inseguros, non asertivos.

As persoas que se comportan como unha quenlla buscan pelexa, berran, insultan, abusan dos outros, avasalan e abusan dos mais débiles.

A estas persoas a xente chámalles  agresivos, matóns, bravúns, mandóns...

As persoas que se comportan coma un golfiño son sinceiras, amabeis,afectuosas, teñen amigos, comparten xogos...

Estas persoas son asertivas, auténticas, divertidas...

A hora de relacionarte cos demais, que che gustaría ser? Unha lura, unha quenlla ou un golfiño? ¿Con que personaxe te identificas ti?

Moi probabelmente, ti mesmo sexas unha persoa que, con mais ou menos frecuencia, resolves os teus problemas cos demais, coma unha quenlla ou coma unha lura e estamos seguros que che gustaría  aprender a ser ti mesmo “ un ser humano auténtico” actuando coma un golfiño.

Ti que queres ser?