Skip to Content

Taboleiro

Lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V desde a Cidade da Cultura de Galicia

 

O pasado mércores 10 de maio compartimos co IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), o IES Miraflores (Oleiros) e o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) unha xornada emocionante de aprendizaxe, ciencia e cultura co gallo do lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat V desde a Cidade da Cultura de Galicia.

A Misión 360 foi un éxito, a cápsula foi recuperada en Quiroga (Lugo) poucas horas despois do lanzamento con todos os seus compoñentes. Queda por diante agora moito traballo de edición de imaxe e video e tratamento de datos para extraer resultados das investigacións asociadas. 

Agradecemos a Enaire o seu tempo para a xestión do permiso para o lanzamento á CCEFPU o seu apoio e tamén ao CAFI e á propia Cidade da Cultura pola colaboración nas tarefas de organización.

Moitos medios de comunicación difundiron a nova do lanzamento sobre o que podedes ver, oir e ler en CRTVG, RTVE, Praza, SER, COPE, A3 ou La Voz de Galicia entre outros. Moitas grazas a todos!

Máis información | NOSA

Alumnado de 2º ESO participa na Spring Week 2023

Ao longo desta semana, entre o 7 e o 13 de maio, 25 alumnas e alumnos de 2º ESO participaron no programa Spring Week da CCEFPU no centro de inmersión lingüística de Os Peares, acompañados pola súa profesora de inglés Asun del Valle. Alí realizaron múltiples actividades nunha semana intensa de aprendizaxe e convivencia, que agardamos quede no seu recordo como unha experiencia inesquecible.

Máis información | Spring Week

Celebración do Día da Ciencia na Rúa 2023 co Club de Ciencia e os Polos Creativos

 

O pasado sábado 6 de maio, participamos na 27ª edición do Día da Ciencia na Rúa 2023, organizado polos museos científicos coruñeses en colaboración coa asociación de amigos da Casa das Ciencias, no parque de Santa Margarida.

Foi unha xornada apaixonante na que compartimos con outros centros a experiencia de participar nunha romaría científica con tantos anos de tradición amosando algúns dos proxectos de investigación científica desenvolvidos no centro ao longo do curso no marco dos programas de Plan Proxecta, Club de Ciencia e Polos Creativos.

Máis información | Día da Ciencia na Rúa 2023

Participamos na XVI Feira Matemática en A Coruña, organizada por Agapema

O pasado sábado 15 de abril de 2023, participamos en Palexo (A Coruña) na XVI Feira Matemática organizada por Agapema. As alumnas de 3º ESO Sara Pereiro Vázquez e Yurena Rodríguez Rey, en representación das súas compañeiras e compañeiros, xunto co seu profesor de Bioloxía e Xeoloxía, Xacobo de Toro, atenderon o stand do Colexio oficial de Médicos de A Coruña amosando o seu proxecto RCP e convidaron aos asistentes á feira a fabricar os seus torsos con materiais reciclados.

Compartindo experiencias educativas de emprendemento no VI Encontro Arteixo Innovación

O Pasado mércores 12 de abril a directora, Gema Castro, e a xefa de estudos de ESO, Raquel Veira, asistiron ao VI Encontro de Experiencias "Arteixo Innovación" no que Marta Marzoa, Xerente da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón, compartiu co resto de asistentes, nomeadamente representantes de empresas e centros educativos, as experiencias educativas de emprendemento desenvolvidas en colaboración entre AEPI Sabón e o CPI O Cruce, desde os inicios co PROEM ata UnReCre o Erasmus+ sobre emprendemento, reciclaxe e creatividade que nos levou de viaxe a Grecia no curso anterior.

Día mundial da auga 22 de marzo

Mural dia auga elaboracion

O mércores 22 de marzo conmemoramos o día mundial da auga, traballando nas aulas con actividades de sensibilización para fomentar un consumo responsable e o alumnado de 2ºESO A elaborou un mural no que se pon de manifesto que cada pinga de auga conta. Para iso contou coa colaboración do alumnado de infantil e primaria xa que cada estudante desas estapas pintou a súa propia pinga e se foron pegando todas xuntas ao longo da mañá.

Día internacional dos bosques 21 de marzo

Alumnado 2ºA recollida de lixo

O martes 21 de marzo de 2023 conmemoramos o día internacional dos bosques cunha recollida de lixo en espazos naturais na contorna do centro. O alumnado de 2ºA que traballa neste curso na conmemoración das datas máis sinaladas da axenda verde planificou e desenvolveu a actividade.

Distribuir contido


by Dr. Radut