Skip to Content

BENVIDOS AO NOSO ESPAZO WEB

IES de Barro

Outeiro 9D Perdecanai 36194 Barro

Teléfono: 886159216  

Correo electrónico: ies.barro@edu.xunta.gal

Viaxe escolar a Roma

Unha gran parte do alumnado de 4º atópase esta semana en Roma de viaxe escolar acompañados/as de Alberte e Nacho, profesores de Xeografía e Historia e Educación Física. Alí xa tiveron a posibilidade de visitar a parte barroca da cidade, entre outros lugares, o Panteón, o Circo Máximo e o Coliseo.

   

Conmemoración do 80 aniversario de Le Petit Prince (El principito)

O 6 de abril celebrouse o 80 aniversario da publicación, por parte de Antoine de Saint-Exupéry, de Le Petit Prince, a obra francesa mais lida e vendida na historia.

 

Para conmemoralo, o Departamento de Francés creou un espazo cunha gran variedade de produtos relacionados coa obra así como un concurso entre o alumnado.

   

 

ENAPAS no IES de Barro

O mércores 17 de abril ás 19h terá lugar no IES de Barro unha formación para familias que será levada a cabo por Óscar Páramos, psicólogo na Asociación Avante, co título ¨Como axudar aos nosos/as fillos/as ante as redes sociais e os móbiles¨, financiada polo Centro de Formación e Recursos de Pontevedra.

 

Convidamos a todas as familias a participar nesta actividade que de seguro vai ser de gran interese.

 

Reparto de leite entre o alumnado

O luns 8 de abril deu comezo o reparto de leite entre o alumnado que se levará a cabo nas tres vindeiras semanas.

 

Maleta Ponte a Zero no IES de Barro

Durante todo o mes de abril contaremos no IES de Barro coa maleta ¨Ponte a Zero¨, unha actividade levada a cabo polo CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), que conta con recursos sobre reciclaxe, contaminación e economía circular.

Obradoiro sobre sexualidade

O martes 2 de abril o alumnado de 3º de ESO participou nun obradoiro sobre sexualidade levado a cabo por Querote +, Centro de Información e Asesoramento para a Mocidade.

II Ciclo de Cultura Científica

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a promover conferencias sobre o emprego responsable e seguro das novas tecnoloxías. Dentro delas, o II Ciclo de Cultura Científica conta cunha serie de conferencias ás que se poden asistir presencialmente ou por videoconferencia. 

 

A continuación poden ver o programa de actividades:

 

 

 

Concurso de decoración dunha imaxe do monumento a Rosalía

O alumnado de 1º de ESO participou nun concurso, promovido por Toño, que consistía na decoración dunha imaxe do monumento a Rosalía de Castro situado na Alameda de Santiago de Compostela.

 

A gañadora deste concurso foi Zaira López Montero e recibiron unha mención especial pola calidade dos seus traballos Bruno Ares Sabarís e Borja García Becerra.

 

Obradoiro sobre nutrición

O alumnado de 2º de ESO participou nun obradoiro sobre nutrición levado a cabo por Mariña Búa, farmacéutica e especialista en nutrición infantil. 

                    

Concurso de elaboración de vídeos

O 22 de marzo o alumnado do IES de Barro participou nun concurso de elaboración de vídeos levado a cabo polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

  

Obradoiros de Prevención de condutas aditivas

Durante o segundo trimestre do curso, o alumnado do IES de Barro participou nunha serie de obradoiros en prevención de condutas aditivas levada a cabo por Julia Búa, técnica en prevención de drogodependencias e condutas aditivas, dentro do Proxecto de prevención de condutas aditivas levado a cabo polo Concello de Barro.

8M. Día Internacional de Muller

En conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, no IES de Barro, entre outras actividades, o Departamento de Lengua Castellana publicou unha serie de viñetas de Mafalda nas que se trata a temática feminista.

Acreditación das competencias dixitais do alumnado

Publicada resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa que dita unhas instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado.

 

 Niveis de competencia que se poderán obter na ESO:

O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en ESO recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.

O alumnado matriculado en 4º de ESO poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.

 

 Proba específica para obter o nivel intermedio:

A alumna ou o alumno debe responder nun tempo máximo de 90 minutos un total de 60 preguntas, de diferente complexidade e tipoloxía, referidas a cada unha das cinco áreas de dominio (12 preguntas por cada área).

Para superar a proba específica de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 70% do total de preguntas, sendo necesario obter un mínimo do 60% de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.

 

 Inscrición á proba:

Poderase presentar a solicitude, debidamente asinada por pai/nai ou titor/a, na oficina do IES de Barro ata o 15 de marzo.

A proba realizarase no mes de maio dentro do horario lectivo.

 

 Acreditación para o alumnado que rematou no 2021/22 e 2022/23:

As persoas que obtivesen o título de ESO nos cursos académicos 2021/22 e 2022/23 tendo participado no programa E-Dixgal nun mínimo de tres cursos académicos poderá solicitar a acreditación das competencias dixitais no centro no que rematase cuarto de ESO.

Cada curso académico no programa E-Dixgal debe corresponder cun curso diferente da etapa de ESO (1º, 2º, 3º ou 4º).

As persoas que desexen solicitar a acreditación das competencias dixitais dirixirán unha solicitude entre o 2 e o 15 de maio de 2024.

Actividade de conmemoración do 8M. Proxecto Sendere

O venres 1 de marzo o alumnado do IES de Barro participou nunha actividade realizada dentro do Proxecto Sendere, e financiada polo Concello de Barro en conmemoración do Día Internacional da Muller.

 

Esta actividade iniciouse fai unhas semanas onde o alumnado respostou a unhas enquisas elaboradas dentro do proxecto. Os resultados destas enquisas foron analizados e presentados na actividade levada a cabo no centro baixo a visión da escalada da violencia de xénero na adolescencia mediante a adaptación do conto "Pepa e Pepe".

 

PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN CURSO 2024/2025

Oferta de prazas e vacantes dispoñibles:

 

Curso Prazas por curso Permanencias Solicitudes de reserva Solicitudes de reserva asignadas Vacantes
1º ESO 60 0 32 32 28
2º ESO 60 44 0 0 16
3º ESO 60 37 0 0 23
4º ESO 30 22 0 0 8

Conferencia co escritor Manuel Núñez Singala

O 27 de febreiro visitou o IES de Barro o escritor Manuel Núñez Singala, autor, entre outros, do libro “O achado do castro” que o alumnado do centro está lendo na materia de lingua galega.

 

Nesta actividade o alumnado do IES de Barro puido coñecer ó escritor, a súa obra e ata amosar as súas dotes teatrais.

 

  

  

Recreos co material de Polos Creativos

No IES de Barro comezamos a traballar co material recibido de Polos Creativos. Alicia, profesora de Matemáticas e coordinadora TIC do centro, está deseñando actividades para realizar co alumnado nos recreos empregando o material recibido.

O alumnado, en grupos de 3, poden anotarse no espazo habilitado na entrada do centro.

Coloquio con Cristina Pereira Candelo

O luns 26 de febreiro,o alumnado de 2º de ESO realizou un coloquio con Cristina Pereira Candelo, ex alumna do IES de Barro, que traballa actualmente como Enxeñeira Química nunha empresa do sector da automoción.

 

Cristina Pereira, homenaxeada este ano polo concello de Barro en conmemoración do Día Mundial da Muller e a Nena da Ciencia, falounos da súa experiencia a nivel académico e profesional.

Conmemoración do Día de Rosalía

Con este magnífico espazo creado por Toño, coa colaboración do alumnado de 1º de ESO, conmemoramos no IES de Barro o 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro.

Admisión do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Amor Ruibal

Todo o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Amor Ruibal que presentou solicitude de reserva de praza no IES de Barro foi admitido.

Novo logo do IES de Barro

Na primeira avaliación levamos a cabo un concurso para a selección dun novo logo para o IES de Barro entre o alumnado. Tras recibir varias propostas de moita calidade elixiuse como gañador o deseño levado a cabo por Laura Iglesias Troncoso, de 4º de ESO.

Foi necesario dixitalizar o deseño, de cara a implementalo na documentación do centro, e tras o traballo levado a cabo por Maite, profesora de Educación Plástica e Visual, xa temos o deseño final dixitalizado.

Coloquio sobre o Parlamento de Galicia

Na tarde do luns 19 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Barro asistiu a unha actividade encadrada dentro do programa Charlas-coloquio sobre o Parlamento de Galicia, unha actividade organizada en colaboración coa Asociación de Ex-parlamentarios/as que se celebra nos centros educativos que o soliciten e que ten por obxectivo espallar os valores da democracia entre a xente moza. Asistiron Marta Rodríguez Arias, Xulio Xosé Pardellas de Blas e Francisco Trigo Durán, ex-deputados de tres forzas políticas que expuxeron a súa experiencia no Parlamento Galego e respostaron as preguntas do alumnado. 

Conferencia con Marta Cousido, exalumna do IES de Barro

O venres 16 de febreiro levamos a cabo a conferencia con Marta Cousido en conmemoración do 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Marta Cousido Rocha, natural de Barro, e exalumna do noso IES é graduada en Matemáticas, ten un Master en Técnicas Estatísticas e é Doutora en Estatística e Investigación Operativa.

Na actualidade traballa no CSIC, onde é investigadora en conservación e xestión dos recursos pesqueiros.

Agradecemos a Marta a súa predisposición por asistir ó noso centro, onde puido reencontrarse con exprofesores, e falarnos da súa traxectoria persoal e profesional. Amosamos a nosa satisfacción de poder acercar referentes tan próximos que serven de inspiración e motivación ó noso alumnado.

Charla cultural en Inglés

O alumnado de 1º, 3º e 4º PDC  desfrutou dunha charla cultural lúdica, en inglés, sobre países de fala inglesa.

A actividade foi impartida na biblioteca por un profesor nativo da editorial Burlington Books.

 

Entroido no IES de Barro

O venres 9 de febreiro celebramos no IES de Barro a festividade do entroido. Para iso realizamos varias actividades como concurso de disfraces, taller pintamáscadas e pintacaras e concurso de sobremesas de entroido, que o alumnado tivo a oportunidade de degustar.

Visita ó Parlamento de Galicia e á Catedral de Santiago de Compostela

No día 7 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Barro realizou unha actividade complementaria consistente nunha saída á cidade de Santiago de Compostela. Na mesma, puideron coñecer as funcións, o funcionamento e o interior do edificio do Parlamento de Galicia, onde se realizou unha visita guiada. Con posterioridade, percorreuse o casco histórico da capital, explicando os puntos máis relevantes e coñecendo o exterior e o interior da Catedral de Santiago.

A continuación poden ver algunhas imaxes da actividade:

 

Visita a Meteogalicia

O mércores 7 de febreiro, 38 alumnas e alumnos de 1º de ESO visitaron as instalacións de Meteogalicia en Santiago de Compostela.

A visita desenrolouse en dúas fases, ó principio explicáronlles os parámetros dos que se están recollendo datos permanentemente, con que aparellos se miden estes parámetros, como se fai o mantemento das instalacións meteorolóxicas,...etc.

Na segunda parte ensináronlles como a partir das medicións anteriores se facían as predicións meteorolóxicas.

A continuación poden ver algunhas fotos da visita:

Carreira solidaria en favor de Save the Children

O alumnado de 4º PDC coa súa titora Elena e a colaboración dos profesores de EF do IES de Barro e o CEIP Amor Ruibal, organizaron con éxito unha carreira solidaria o 30 de xaneiro en conmemoración do Día da Paz, na que recolleron fondos para doar á ONG Save the Children.

Para iso, contactaron co Concello de Barro e empresas da contorna en procura de doazóns para levar a cabo esta actividade e realizar unha doazón das aportacións económicas recibidas.

Unha vez rematado o prazo para a recepción de doazóns, o importe recollido foron 685 euros que foron depositados íntegramente no peto solidario que creou a ONG para esta actividade.

Queremos agradecer a colaboración do CEIP Amor Ruibal, que recolleu 303 euros procedentes de doazóns das familias, do Concello de Barro, que atenderon todas as peticións que lles fixemos chegar, Protección Civil de Barro e todas as empresas colaboradoras, entre as que se atopan as seguintes:

- Panadería Pasarín.

- Bar Plaza.

- Bar A Rula.

- S.F. Automoción.

- DiFlor.

- Supermercado Atlántico.

- Supermercado Dia.

- Agrocampo.

- Frutas Moncho.

- Farmacia Mª José Matovelle Gómez.

- Intersport.

- Panadería Oscar y Silvia.

- Temple Gym.

- Carnicería San Marco.

 

A continuación deixamos unhas imaxes da actividade:

Obradoiro sobre a problemática de especies de flora exótica invasora

O alumnado do IES de Barro está realizando esta semana un obradoiro ambiental sobre a problemática das especies de flora exótica invasora, realizadas pola asociacion Amabul e financiadas pola Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut