Vaca Films no IES Laxeiro

O vindeiro venres 22 de outubro, Vaca Films, produtora galega de cine, responsable entre outros títulos de Cela 211, vai desenvolver no IES Laxeiro de Lalín un programa de achegamento e promoción do cine aos estudantes de 2º de bacharelato.

A actividade consiste na proxección da película Retornos no instituto e unha posterior charla sobre o filme e sobre o cine en xeral, a cargo do director, Luís Avilés e un dos protagonistas, Xosé Mª Oliveira "Pico".

Retornos é a primeira longametraxe do director noiés Luís Avilés Baquero. Protagonizada por un elenco no que destacan os galegos Xavier Estévez, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira "Pico" Antonio Durán "Morris" e Luís Zahera, Retornos conta a historia de Álvaro, un home que tras fuxir de si mesmo durante 10 anos, regresa ao seu pobo para asistir ao enterro do seu pai. Alí intentará reconciliarse co seu irmán e recuperar á súa filla Mar, pero non será fácil. Todo se complica cando Álvaro atopa a unha muller morta na estrada. Álvaro, que teme pola seguridade da súa filla, comeza unha investigación nun pobo no que nada é o que parece e todos teñen algo que esconder.

Luís Avilés foi profesor do programa do Consorcio Audiovisual Galego Audiovisual nas aulas, no cal participou o IES Laxeiro, polo que ten especial interese en achegarlles aos nosos alumnos e alumnas o cine feito en Galicia. Retornos é unha película rodada n'A Coruña, Carballo, Coristanco, Laxe, Arteixo e Noia. A película está rodada en galego e español e o equipo técnico e artístico está formado principalmente por galegos.