Semana das Letras

A nosa semana das Letras comezou en realidade moito antes, cando algúns libros de galego comezaron a formar un ceo de Letras no vestíbulo de acceso á biblioteca; asemade, a face da Manuel María presidiu este mesmo espazo nunha escultura con libros que se fixo realidade grazas ao Dpto. de Plástica e ao seu alumnado. Logo, o luns 16 de maio, o que parecía algo bastante improbable materializouse nunha cadea humana que percorreu toda a vila unindo os dous centros de ensino secundario nun desexo común, a defensa da nosa Lingua e da nosa LIteratura, simbolizada nun intercambio de agasallo de dous libros para cada centro: cómic, investigación, música e poesía, e divulgación científica. O martes, propio Día das Letras galegas, o noso Club de Lectura foi quen lle deu vida á obra de Manuel María no Museo de Lalín.

As actividades non remataron aquí; o xoves 19 acudimos á Praza de Abastos para pór en valor os produtos galegos na nosa Lingua aportando 3 grandes cartaces deseñados polo alumnado para que permanezan alí todo o ano, e para escoitar a Miro Casabella, cantautor defensor da nosa Cultura.