Visita do centro londiniense Vicente Cañada Blanch

O pasado venres 10 de maio o IES Laxeiro recibiu a visita de tres docentes e 28 estudantes de galego do IE Cañada Blanch de Londres que percorreron Galicia en viaxe de estudos. Son algo máis dun terzo dos 75 alumnos e alumnas que estudan o galego no centro educativo londiniense grazas ao convenio asinado, no ano 1991, entre a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Ao igual que en anos anteriores, os alumnos e alumnas que estudan o galego no IE Cañada Blanch de Londres, da man da profesora Begoña González, chegaron á nosa comunidade para realizar a que denominan Viaxe da lingua, unha actividade que ten o obxectivo de perfeccionar o idioma propio de Galicia e a súa cultura.
Con este fin participaron nunha xornada de intercambio lingüístico e cultural co alumando das seccións bilingües de 3º de ESO do Laxeiro. O programa incluíu unha visita ao Castro Tecnolóxico e casa do concello, da man da concelleira de cultura Lara Peña, e a recepción por parte do alcalde Rafael Cuiñada vila pontevedresa; coñeceron ademais Castrodeza (Centro de interpretación da cultura castrexa), o Museo Etnográfico Casa do Patrón e participaron nun obradoiro de elaboración de pan. O día rematou nas Termas de Outariz, en Ourense.
Nesta viaxe da lingua coñeceron a praia das Catedrais, a cidade de Lugo coa súa muralla romana, a casa de Rosalía de Castro en Padrón e A Coruña, onde visitaron a Domus. O completo programa de actividades dos estudantes do centro londiniense complementouse co percorrido pola capital de Galicia onde tiveron a oportunidade de asistir a un partido do equipo de baloncesto Obradoiro e gozar da gastronomía galega.

Blog Galego en Londres
Facebook Galego en Londres

   visita IE Cañada