Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

IV CONCURSO DE MICRORRELATOS "METE MEDO": XA TEMOS OS RELATOS GAÑADORES!

 

O xurado do IV Concurso de Microrrelatos «Mete Medo», convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Número 1 de Ribeira, e composto polo profesorado que integra o devandito Equipo, así como polo alumnado colaborador a través do noso «Parladoiro» decidiu conceder os premios aos seguintes relatos:

 

1. Na categoría de 1º da ESO, o microrrelato titulado: «A RUTINA». Consultado o envío resultou ser da autoría de: MANUEL RODRÍGUEZ SANTAMARÍA, alumno de 1º de ESO-A.

A RUTINA

Nunha cidade hai uns irmáns, seguen unha rutina: levantarse, ir ao cole, comer e durmir.

Nunca podían rompela... Pero un día Rodrigo, un dos irmáns, escapou do colexio.

Seus irmáns, ao volver, preguntaron por el aos seus pais, que lles dixeron: «Debedes seguir a rutina». Raúl e Marta, os irmáns, correron asustados e viron a Rodrigo no seu cuarto. Estaba moi pálido...

Seus pais entraron con machetes nas mans e xuntos pegaron un último grito de agonía...

 

2. Na categoría de 2º da ESO, un microrrelato «SEN TÍTULO» que, consultado o envío resultou ser da autoría de: EMMA DA SILVA VIDAL, alumna de 2º de ESO-B.

Sara abriu os ollos profundamente asustada. O corazón latexaba furioso, ameazando con saírlle do peito. Respirou con calma tentando recuperarse, mentres a súa mente tentaba localizar o perigo. A cada respiración, miles de olores desdobrábanse en multitude de matices. Case como se fosen liñas visibles que percorrían a paisaxe. Cada son, cada pequena criatura que axexaba na fraga quedaban expostos, amplificados na súa cabeza ata causarlle dor. Ollou as coñecidas árbores e a herba alta, salpicada de xeada, sabía que era o mesmo campo de sempre, pero ollábase como se fose a primeira vez. Algo non estaba ben. Quixo agarrar a fronte coas mans e notou unhas gadoupas rematadas en longas unllas. Non recoñecía aquel tacto. Ollou cara abaixo e viu o seu ventre cuberto dunha espesa pelaxe. Quixo berrar... e un ouveo profundo e antigo xurdiu da súa gorxa e retumbou na fraga.

 

3. Na categoría de BACHARELATO, o microrrelato titulado: «OLOR A MORTE». Consultado o envío resultou ser da autoría de: EVA FERNÁNDEZ LARRÁN, alumna de 1º de Bacharelato C.

OLOR A MORTE

“CORRE!”. Berrábame o subconsciente, e así o fixen, ignorando a mamá, saíndo á rúa, sentindo ese aroma a herba mollada... “CORRE”. E así o fixen, era cega, pero sabía o camiño a aquel lugar; sen bastón, sen cadela, só eu. “FUXE”. E así o fixen, mollándome pola chuvia, deixándome sentir a noite na alma. Estivera moito tempo naquela casa na que só se respiraba putrefacción.

Cheguei ao cemiterio. Saltei o muro e retomei a marcha. Traballei de présa e, tras suor e bágoas, a gran pedra cedeu. Tan só precisaba un morto, un morto calquera, necesitaba saber se papá...

“DÁTE PRESA”. E así o fixen. Abrín a tapa do ataúde e rapidamente invadiume ese forte olor que me envolveu nunha coñecida sensación. Era ese olor... olor a putrefacción. O mesmo olor do meu pai que, dende fai semanas, a miña nai coidaba e mimaba, finxindo que seguía connosco.

 

4. Na modalidade de persoas adultas, na categoría de EDUCACIÓN SECUNDARIA PARA PERSOAS ADULTAS (ESA), o microrrelato titulado: «VAIA SUSTO». Consultado o envío resultou ser da autoría de: ANA ZAFIRA PORTILLO SILGUERO, alumna de 3º da ESA-A.

Era un 31 de outubro, un día de Samaín coma outro calquera. Iamos saír de festa. Xa estabamos todas listas. No momento de saír pola porta escoitamos ruídos no cuarto do fondo do corredor. Alá fomos mirar o que era, pero non había nada. Decidimos volver para irnos, pero cando nos xiramos apareceu o meu gato e… Vaia susto! Máis que nada, porque había un mes caera pola ventá do piso e morrera.

 

5. Na modalidade de persoas adultas, na categoría de BACHARELATO, o microrrelato titulado: «SOMOS O QUE COMEMOS». Consultado o envío resultou ser da autoría de: MIGUEL NÓVOA DOMÍNGUEZ, alumno de 2º de Bacharelato C de adultas.

SOMOS O QUE COMEMOS

As noites teñen algo que as fan tenebrosas. Ese silencio na escuridade pode resultar aterrador, mais a noite da que vou falar non é silenciosa pero si aterradora.

Nun pobo pequeno existía unha árbore da que ninguén quería falar e á que ninguén se achegaba cando o sol se poñía. Así e todo, á xente que viña de fóra era o que máis lle chamaba a atención. Un xornalista quixo investigala e, nada máis chegar, foi en busca desta árbore. Non era difícil atopala, xa que era a máis grande e das súas pólas medraban froitos de diferentes cores, tamaños e formas. Atopouna enseguida. Cando se achegou a ela, a terra comezou a estremecerse e o xornalista non podía moverse. Por moito que berrou, ninguén apareceu. Pouco a pouco, sentía como algo tiraba del cara abaixo, ata que non quedou nada e todo volveu estar en silencio. Acto seguido unha nova froita colgaba da árbore.

 

6. Fóra de concurso, o xurado decidiu entregar tamén un premio específico a INÉS RODRÍGUEZ BOUZAS, como gañadora da actividade «Introduce o teu microrrelato nun cadaleito», proposta ao alumnado de 2º da ESO, por ter elaborado o féretro máis traballado!

 

PARABÉNS A TODES E A SEGUIR PARTICIPANDO!

Ribeira, 17 de novembro de 2023

EDLG IES NÚMERO 1 DE RIBEIRA

 

Aí vai unha selección de fotografías da cerimonia de entrega dos premios, que tivo lugar no Parladoiro do xoves 23 de novembro. Os premios consistiron nun libro de relatos ou unha novela (de temática relacionada co obxecto do concurso) e un vale para a cafetaría do noso IES:

Manuel Rodríguez recollendo o seu premio

Emma da Silva recollendo o seu premio

 

Eva Fernández recollendo o seu premio

As gañadoras e gañador dos microrrelatos nas modalidades de diurno cos seus agasallos

Ana Z. Portillo co seu premio

Inés Rodríguez recollendo o premio específico polo seu deseño de féretro para gardar o relato

 

O ataúde elaborado por Inés, xa despois de da súa profanación e co microrrelato embalsamado no seu interior

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

story | by Dr. Radut