Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

Contacontos do Samaín (segunda parte): VOLVEMOS AO COLEXIO!

O pasado mércores 29 de novembro desde o EDLG pechamos o mes do Samaín cunha nova edición do contacontos de medo. Porén, as nosas contadoras profesionais de 3° da ESO cambiaron de audiencia.

Desta volta, desprazámonos aos dous colexios de educación infantil e primaria adscritos ao noso instituto. Isto é, ao CEIPP de Palmeira e ao CEIPP "O Grupo" de Ribeira. Aló lles levou o noso alumnado voluntario as súas historias e contos populares de misterio, medo e ultratumba ás crianzas de 5° e 6° de primaria.

Sempre é un pracer levar adiante actividades intercentros e sempre é unha pequena festa retornar ao colexio no que medraches. Máis aínda, facelo ademais agora na figura daquel rapaz ou rapaza que ti lembrabas que fora a contarche contos cando aínda eras neno ou nena daquela. Por suposto, a actividade dá para moito máis que para contar os nosos contos e para mellorar a competencia lingüística en galego e a destreza de falar en público. Tamén é o momento perfecto para o reencontro con mestras e mestres da infancia, con curmás e curmáns ou con irmáns e irmás pequenos... E, por suposto, tempo para resolver dúbidas e preguntas varias sobre o instituto e sobre aquilo que lle deparará o futuro a eses cativos que xa están a un paso do cambio de etapa educativa. En Palmeira mesmo nos deu tempo a seren entrevistadas para a súa "Radio Lombiña"!

Como sempre, este tipo de actividades non sería posible sen: (1) a colaboración do profesorado participante e da dirección do noso centro; (2) a boa disposición dos colexios e de todo o seu persoal (grazas en especial a Noelia, directora en Palmeira, e a Estefanía, coordinadora EDLG no Grupo); e (3), por último pero non menos importante, sen o traballo (voluntario, non o esquezamos) das alumnas (e alumno) contacontos. Grazas a todes!

O equipo de contacontos que visitaron o CEIPP O GRUPO estivo conformado por Noa Caamaño, Amaia Dávila, Lola Maneiro, Xoel Petisco, Daniela Rivas, Marta Seco e Alba Sieira, acompañadas polos docentes Lucas Gómez e Sofía Tarela.

O equipo das contacontos desprazadas ao CEIPP de Palmeira compoñíase por Alba Antunes, Sira Ayaso, Lara Ces, Daniela Laíño, Noa Prego e Yodit Vázquez, xunto ás docentes María Fernández e Marcos Fernández.

 

Como sempre, aí vos deixamos unha pequena galería fotográfica da actividade:

VISITA AO CEIP PLURINLINGÜE "O GRUPO" DE RIBEIRA

 

VISTA AO CEIP PLURILINGÜE DE PALMEIRA

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

blog | by Dr. Radut