Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

SEMANA DE CASTELAO: CONTACONTOS. Volvemos ao colexio!

Co gallo da conmemoración da Semana de Castelao, o pasado mércores día 31 de xaneiro desde o EDLG volvemos ao colexio por segunda vez neste curso!

Desta volta, desprazámonos aos dous colexios de educación infantil e primaria adscritos ao noso instituto, isto é, ao CEIPP de Palmeira e ao CEIPP «O Grupo» de Ribeira, para que, despois de duro ensaio nos recreos, o noso alumnado voluntario de 4º da ESO levase aló catro dos relatos recollidos por Castelao na súa obra «Retrincos» e outros dous dos que fan parte da colectánea de «Cousas», ás crianzas de 5° e de 6° de primaria de ambas as escolas.

Sempre é un pracer levar adiante actividades intercentros e sempre é unha pequena festa retornar ao colexio no que medraches. Máis aínda, facéndoo agora na figura daquel rapaz ou rapaza que ti lembrabas que fora contarche contos, cando aínda eras un cativo. A actividade dá para moito máis que só contar os relatos e mellorar a competencia lingüística e a destreza de falar en público (por se isto xa fose pouco!). Tamén é a ocasión perfecta para familiarizarse coa figura de Castelao na Primaria e, así mesmo, o contacontos sempre serve para reencontrarse coas mestras e os mestres da infancia, así como con curmás e curmáns ou con irmáns e irmás pequenos... Igualmente, desde a perspectiva da audiencia tamén se tira proveito da visita destes futuros compañeiros e compañeiras para resolver as dúbidas e preguntas varias sobre o instituto que a eses cativos, xa a un paso de saltar de etapa educativa, lles quitan o sono. Especialmente, para clarificar as cuestións máis preocupantes, como canto custa o bocadillo de tortilla da cafetaría ou se en 4º da ESO aínda segue habendo recreo ou xa é só estudar e estudar, continuamente.

Este tipo de actividades non sería posible sen: (1) a colaboración do profesorado participante e da dirección do noso centro; (2) a boa disposición dos colexios e de todo o seu persoal (grazas en especial a Noelia, directora en Palmeira, a Estefanía, coordinadora EDLG no Grupo e ás titoras das clases implicadas); e (3), por último, pero non menos importante, sen o traballo (voluntario, non o esquezamos) do alumnado contador. Grazas a todas, a todos e a todes!

O equipo de contacontos que visitou o CEIPP O GRUPO, acompañado polas docentes Carme Pallares e Marcos Fernández, estivo conformado por:

1.     Xoel Ageitos, que contou o relato de Cousas que comeza dicindo: «Chegou das Américas un home rico...»

2.     Brais Cambre, con «O retrato» da obra Retrincos.

3.     Miguel González e o relato «O segredo», tamén pertencente a Retrincos.

4.     Lucía Iglesias, que relatou e interpretou a historia de  «Sabela».

5.     Raquel Martís, contando quen foi  «Peito de lobo» e cal foi a historia do seu cabezudo.

O equipo de contacontos desprazado ao CEIPP de Palmeira, xunto ás docentes María Fernández e Ana María Martínez, estivo composto por:

1.     Sofía Arevalillo, tamén coa historia de Panchito, recollida en «Chegou das Américas un home rico...»

2.     Sara Baña e o relato de Retrincos, «Peito de lobo».

3.     Alexandre Gude, achegándolle aos nenos tamén «O retrato» do fillo de Melchor.

4.     Íker Luna, coa historia da moza que mellor bailaba: a «Sabela» de Retrincos.

5.     Uxía Muñiz, que tamén falou dese «Segredo» que tivo que gardar Castelao na Pampa arxentina.

6.     Helena Vilar, que contou a historia do «Pai de Migueliño», extraída de Cousas.

 

Como sempre, aí vos deixamos unha pequena galería fotográfica da actividade:

VISITA AO CEIP PLURILINGÜE DE PALMEIRA

 

VISITA AO CEIP PLURILINGÜE «O GRUPO» DE RIBEIRA



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

story | by Dr. Radut