Skip to Content

(01/06/2021): OS APELIDOS GALEGOS.

Ana Isabel Boullón Agrelo pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos”. A actividade enmárcase dentro do programa “A Ponte”, que pretende achegar a USC ós centros de ensino.

O acto estaba previsto para o alumnado de 2º de BAC, pero debido ás circunstancias relacionadas coa COVID houbo que pospoñelo e reorientalo ó alumnado de 1º de BAC.

Ana Boullón é Doutora en filoloxía galega e profesora titular do departamento de galego da USC. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía.  Forma parte de varios colectivos e institucións: Instituto da Lingua Galega (ILG), Asociación Galega de Onomástica (AGON), etc. Recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente

Na súa intervención, despois de referirse ós estudos da USC relacionados co seu ámbito, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito  da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado, por que a Ría de Ribadeo debe seguir mantendo a súa denominación actual.

A actividade organizárona, en colaboración, o Departamento de Orientación, o Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización Lingüística.

(01/06/2021): MARÍA VIEITES, Física, dende o CERN co IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

María Vieites impartiu para o alumnado de ciencias de 4º ESO e 1º de Bacharelato unha conferencia titulada "O CERN: acelerando e detectando partículas". Para nós é un orgullo poder contar con ela por varios motivos: foi alumna nosa no Porta da Auga antes da fusión dos centros, é filla de Teresa Díaz, a nosa compañeira de Física e Química, e ademais conseguiu un brillante currículo nun tempo meteórico.

María cursou o grao de Física na USC con estancia de summerstudent en Hamburgo e Lausane, Suíza, no Centro Acelerador de Partículas. A continuación fixo o mestrado e despois comezou coa tese marchando un ano ao CERN. Doutorouse en Física Nuclear e agora traballa alí como Investigadora post doutoral no Grupo de Física de Altas Enerxías. Toda esta traxectoria valeulle para ser premiada no 2020 como mellor científica galega menor de 30 anos.

Seguir lendo...

(31/05/2021): SONIA VILLAPOL, Neurocientíca, dende Houston co IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

Sonia Villapol impartiu para nós a conferencia inaugural da XXVI Feira da Ciencia e da Cultura. Sonia, natural de Bretoña (Lugo), licenciouse en Bioloxía Molecular pola USC, doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona, foi investigadora postdoutoral na Universidade Pierre e Marie Curie de Paría e dende 2010 traballa en EEUU onde pasou poloa Instituto Nacional de Saúde (NIH), foi profesora de neurociencias na Universidade de Georgetown e actualmente é investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston.

Ademais, dende hai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional da COVID-19 no que participan neurocientíficos que analizan como lle afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso.

Seguir lendo...

 

XXVI FEIRA da CIENCIA e da CULTURA 2021

No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo estamos celebrando durante esta semana a XXVI edición da Feira da Ciencia e da Cultura. O curso pasado foi cancelada debido ao confinamento e este curso 2020/2021 é unha Feira especial por dous motivos: en primeiro lugar, porque deixa de ser só Feira da Ciencia abrindo a participación a todos os departamentos que o desexen, pero tamén porque a pandemia condiciona as actividades e non estará o alumnado presentando as súas experiencias coma sempre senón que participarán co seu grupo de referencia en visitas virtuais a museos cientíifcos, conferencias de temática variada, visitarán as exposicións de gravados de Amando Suárez Couto, Xela Arias e de traballos feitos polo alumnado en bioloxía, tecnoloxía, música e portugués, farán percorridos guiados polo xardín para decubrir as nosas árbores e tamén participarán na proxección da película Nación ou visitarán o Museo IES Ribadeo que trata de poñer en valor o noso patrimonio histórico educativo.

Desexamos que o noso alumnado disfrute coas actividades e que sexan proveitosas. 

(28/05/2021) NARY LY: Supervivente, científica, olímpica

O IES Ribadeo, como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, despide maio cunha actividade moi especial: unha charla coa atleta olímpica Nary Ly. A súa experiencia de vida cubre aspectos emocionais, educativos e deportivos que servirán de acicate a todo o alumnado ribadense.
Un total de case 200 alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de compartir con esta atleta olímpica experiencias e emocións que ao longo de dúas horas a protagonista expresou tanto a través de videos como da súa propia voz e sentimento. Un relato que comeza na súa infancia en Camboia e que a levou por circunstancias sociais e políticas ata Francia, Estados Unidos, Camboia,... e finalmente a León, onde reside na actualidade.

Entrevista en El Progreso (sábado 29/05/2021)

Información en Cronica3.com

PROMOCIÓN DA ACTIVIDADE FÍSICA EN HORARIO LECTIVO.

  • RETO DIONISIO SAUDABLE: RETO 1000K.

Durante a segunda e terceira avaliación levouse a cabo o reto cooperativo-competitivo Dionisio Saudable, proposto polo departamento de Educación Física, a través da aplicación Strava. Os grupos de profesorado e alumnado, dividido por clases, debía tratar de sumar o máximo número de quilómetros posibles con todo tipo de actividade física (andar, correr, adestramentos, rutinas de forza…). Finalmente, o grupo gañador foi o de profesorado e a clase que máis quilómetros sumou a continuación foi 4ºC, que terá o seu merecido premio.

  • DESCANSOS ACTIVOS NA AULA.

Dende o departamento de Educación Física fíxose chegar ó claustro a final de curso un documento con diferentes propostas para realizar descansos activos na aula, coa idea de promover estar estratexia, beneficiosa tanto para a saúde física como para o rendemento académico, de cara ós vindeiros cursos.

PREME NA IMAXE!

  • RECREOS ACTIVOS.

Durante a segunda e terceira avaliación tiveron lugar os recreos activos, nos que o alumnado tivo a oportunidad de participar nos campeonatos de baile, fútbol-tenis, bádminton e tenis de mesa. Os campionatos, con un total de cerca de 200 inscripcións, tanto de alumnado como de profesorado, leváronse a cabo tanto no ximnasio como no pavillón municipal.

"GLOBAL MUIÑEIRA" no IES de Ribadeo.

O pasado martes 25 de maio, o alumnado de 3º ESO e varias profesoras do centro participaron na posta en escea da "Muiñeira Global", a nova campaña de Gadis que volve a apelar ao sentimento identitario da comunidade cunha película na que un irmán e unha irmá loitan durante toda a súa vida por facer da muiñeira o baile de moda en todo o mundo. O venres 28 de maio, o alumnado de 2º ESO B e C acudiu Porto Deportivo e ao Cargadoiro de Ribadeo para bailar con nenas e nenos doutros centros educativos do concello e disfrutar dunha pequena foliada. Proximamente teremos imaxes e vídeo!

Agradecemos a participación das/os bailadoras/es e o traballo da profesora de Música, María Ron, organizadora da actividade.

Charla Didáctica cos regueifeiros PINTO D’HERBÓN E LUÍS O CARUNCHO

O pasado venres 21 de maio, o alumnado de 3º ESO tivo a oportunidade de disfrutar dunha charla didáctica con dous dos regueifeiros máis coñecidos da música galega. Pinto D’Herbón foi un dos estandartes do movemento bravú, que nos anos 90 fixo furor entre a xuventude galega con varios discos editados. Luís O Caruncho, músico, gaiteiro, zanfonista e cantante. Os dous acercaron ao alumnado á arte da regueifa na tradición oral galega en verso.

O seguinte vídeo corresponde á entrevista que o alumnado de 2º ESO C lles fixo para a RADIOIES Ribadeo.

Foi unha actividade financiada polo concello de Ribadeo.

 

Novos audios na RADIOIESRibadeo!

Estes audios son radioficcións guinizadas e locutadas polo alumnado da materia Cultura Científica de 1º de Bacharelato. A temática era a seguinte: crear unha historia onde se fale dalgún dos riscos do mal uso das novas tecnoloxías, como as redes sociais. O modo de contar a historia era libre: un programa de radio, unha conversa entre amigas, etc... Sempre, que versasen sobre iso.

Na primeira sesión de gravación no Salón de Actos (21/05/2021), gravamos os cinco primeiros guións (realizados por Carís Hernández Eiros, Carme Lago Fernández, Álvaro López del Río, Natalia Martínez Barcia e Lara Martínez Peña).

A montaxe dos mesmos correu por conta do docente da materia, Fernando Losada.

(20/05/2021): Encontro con Camille Hedouin.

O xoves 20 de maio de 2021, o alumnado de 1º de Bacharelato C tivo a oportunidade de entrevistar para a RADIOIESRibadeo a Camille Hedouin, vocalista feminista, compositora e cantautora galego-francesa coñecida artisticamente como Mounqup e gañadora de varios premios, entre eles o Narf da Coruña.

Chega a Galicia en 2011 procedente de Nantes para instalarse na aldea de Pardavedra, en Ourense, formando parte dun proceso de recuperación da aldea de Saumede. Intégrase rapidamente e, dende Galicia para o mundo, compón unha música electrónico rural. A pesar de que lle chaman "a Björk galega", compón unha música sen etiquetas e orixinal na que mestura galego, francés e inglés. Sen lugar a dúbidas, non deixa indiferente a ninguén.

Distribuir contido


by Dr. Radut