O pasado luns 28 de setembro tivo lugar a conferencia inaugural titulada "Tempos de COVID" no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Correu a cargo de dúas ex-alumnas do centro, hoxe sanitarias no Hospital da Mariña: Begoña Machado Prieto (médica internista) e Raquel Ferreira Álvarez (diplomada en Enfermería). O acto foi retransmitido en directo para que gran parte do alumnado puidese seguilo dende as aulas e as familias que o desexasen se conectasen desde as casas.
Estivo realmente interesante e supuxo para todos e todas nós a primeira e imprescindible lección este curso. Na primeira parte, Begoña Machado ilustrounos sobre aspectos científicos da pandemia e do virus responsable da mesma e a continuación Raquel Ferreira centrouse no tema da prevención. Finalmente, as dúas insistiron na importancia de seguir as medidas hixiénico-preventivas, de non fiarse de calquera fonte de información e de adquirir responsabilidade individual para chegar a unha responsabilidade social.
Como homenaxe a elas e a todos os sanitarios e sanitarias, dende o IES de Ribadeo dedicámoslles a contraportada das axendas escolares deste curso aínda que temos claro que a mellor homenaxe que podemos facerlles é aprender a coidarnos a nós porque só así coidamos aos que nos rodean.
Tamén aproveitamos a ocasión para ter un agradecemento especial con todo o persoal non docente, cuxa axuda nos centros sempre é imprescindible, pero este curso máis ca nunca, para poder adaptar todos os espazos ao metro e medio e ás medidas do protocolo educativo.
O enlace para ver a conferencia é o seguinte:
https://youtu.be/Dv0RXVjdfU8
Podedes acceder ás presentacións de Power Point que van empregar nos seguintes enlaces:
CHARLA 1. Parte científica.
CHARLA 2. Medidas de prevención final.
CHARLA 3. Prevención 2ª parte.
CHARLA 4. Protocolo COVID nos centros educativos.