Skip to main content

O noso alumnado gaña 2 ouros na Galicia Skills 2023

Premios GaliciaSkills 2023

O pasado venres 27 de outubro, Laura Bárcena Varela, alumna de 1º do ciclo medio de Estética e Beleza que rematou no curso pasado o ciclo medio de Peiteado e Cosmética Capilar, e Víctor Posada Soto, alumno que rematou no curso pasado o ciclo superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, gañaron a medalla de ouro na competición Galicia Skills 2023 representando ao IES de Teis.

Galicia Skills é o campionato galego da formación profesional que se celebra cada dous anos e consiste no desenvolvemento dunha serie de probas relacionadas coas distintas especialidades da formación profesional, nas que os participantes han demostrar a súa competencia profesional e medir as súas destrezas con alumnado de distintos centros de Galicia. Este ano as probas realizáronse o 25 e 26 de outubro no Recinto Feiral de Silleda. O acto de entrega de premios fíxose o venres 27 en presencia do Sr. Presidente da Xunta de Galicia, D.Alfonso Rueda Valenzuela.

Laura Bárcena participou na competición de Peiteado, sendo preparada e titorizada por Ana B. Castro García, profesora do departamento de Imaxe Persoal. Neste departamento xa tiñan experiencia na competición Skills: Gañaron varias veces o ouro na Galicia Skills, tamén conseguiron ouro na Spain Skills e chegaron a participar na World Skills.

Laura tivo que realizar varias probas:

  • Cor do cabelo feminino: realización dunha cor de muller cun estilo actual, comercial, con técnicas de coloración e descoloración libres, e posterior peiteado só co secador de man e cepillos e peites, sen aparellos.
  • Corte do cabelo feminino: realización de corte do cabelo feminino, potenciando e realizando a cor, con emprego das ferramentas de corte e técnicas libres. Peiteado comercial, empregando cosméticos e aparellos para un acabamento actual e anovador.
  • Recollido de noite: de inspiración libre de técnicas e acabamentos. Permitindo o uso de recheos e adornos, que non superen o 10 % do conxunto do recollido.

Na terceira imaxe da galería, Laura no podio tras recibir a medalla de ouro de Peiteado de mans do Sr. Presidente da Xunta de Galicia.

Víctor Posada participou na competición de Administración de Sistemas en Rede, sendo preparado e titorizado por María Cristina Castiñeira Fernández, profesora do departamento de Informática. Este departamento participaba por primeira vez na Galicia Skills.

Víctor tivo que realizar unha proba con varios obxectivos:

  • Simulación de redes de computadores complexas, empregando software de virtualización. Os obxectivos foron lograr a configuración dos servizos en dispositivos finais e servidores, realizar a configuración dos dispositivos de rede e garantir a seguridade nas comunicacións.

Na cuarta imaxe da galería, Víctor no podio tras recibir a medalla de ouro de Administración de Sistemas en Rede de mans da Directora Xeral de FP.

O noso alumnado participante na Galicia Skills estivo arroupado por compañeiras e compañeiros do ciclo de Administración de Sistemas informáticos en rede e dos ciclos de Peiteado e Cosmética Capilar e de Estética e Beleza, xunto con profesorado que imparte docencia nos ciclos de FP.

Unha representación do equipo Directivo do IES de Teis, en nome de toda a comunidade educativa do instituto, estivo apoiando ao noso alumnado, as súas familias e as titoras nos momentos de nerviosismo previos á entrega de medallas e posteriormente celebrando con orgullo e ledicia tan marabilloso logro. Parabéns para Laura e Víctor e para as súas titoras!

O alumnado gañador de cada competición Galicia Skills participará no campionato nacional Spain Skills e as medallas de ouro deste campionato participarán posteriormente no campionato internacional World Skills e no europeo Euro Skills.

Tanto Laura como Víctor xa van empezar a preparación para asistir a Spain Skills, que posiblemente se celebrará no mes de marzo ou abril de 2024 en Madrid. 

 
 

Imaxes do evento

Premios GaliciaSkills 2023 Premios GaliciaSkills 2023 Premios GaliciaSkills 2023 Premios GaliciaSkills 2023Premios GaliciaSkills 2023 Premios GaliciaSkills 2023

Esta páxina usa Lightbox2 por Lokesh Dhakar dispoñible en https://lokeshdhakar.com/projects/lightbox2/ baixo The MIT License