Cultura e Educación dá resposta á demanda cidadá de oferta de educación de adultos na comarca de Condado –Paradanta coa implantación destas ensinanzas en Ponteareas

O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES Val do Tea, no que se impartirán os niveis I e II de ESO en quenda de tarde-noite

Medio cento de alumnos beneficiaranse destas ensinanzas, que suporán a incorporación de 2 profesores e un subalterno ao instituto

Ven, 05/07/2013 - 14:34
Xesús Vázquez na visita ao IES Val do Tea
Xesús Vázquez na visita ao IES Val do Tea

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que o seu departamento vai dar resposta á demanda cidadá de oferta de educación secundaria de adultos (ESA) na comarca do Condado-Paradanta. Para iso, o departamento educativo da Xunta de Galicia implantará estas ensinanzas o vindeiro curso no IES Val do Tea, que hoxe visitou en Ponteareas, o que permitirá dar servizo o vindeiro curso a medio cento de persoas dos concellos de Salvaterra, As Neves, Mondariz, Covelo, A Cañiza, Arbo, Crecente, e da propia localidade ponteareá.

Tal e como sinalou Xesús Vázquez, a incorporación destas ensinanzas é unha clara mostra do compromiso da Consellería con facilitarlles ás persoas adultas o acceso á formación ao longo da vida, de tal forma que poidan retomar estudos que previamente abandonaran. Neste sentido sinalou a importancia que esta iniciativa supón para as persoas que precisan obter o título de graduado en ESO “para poder acceder a outras ensinanzas que lles proporcionen maiores oportunidades de traballo nun momento no que o mercado laboral é máis competitivo que nunca”. “Polo tanto – engadiu- a implantación destas ensinanzas é, ao tempo, un impulso para que os cidadáns desta comarca continúen a formarse, e unha aposta pola súa empregabilidade”.

O vindeiro curso 2013/2014 o IES Val do Tea vai contar xa con todos os módulos dos dous niveis de Educación Secundaria para Adultos (ESA), equivalentes aos 4 cursos da ESO. Para iso o centro incorporará polo menos 2 profesores máis.

Durante o seu percorrido polo instituto ponteareán o conselleiro estivo acompañado pola directora do centro, Rosalina Rivas; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e mais polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

Un centro punteiro

O IES Val do Tea contou este curso con 484 alumnas e alumnos, nos niveis de ESO, Bacharelato e en Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). Ademais, 390 persoas cursaron ensinanzas de inglés na sección da Escola Oficial de Idiomas de Vigo que acolle o centro.

Na visita de hoxe o conselleiro interesouse polo funcionamento do proxecto abalar, ao que se incorporou este instituto no curso 2011/2012, e ao abeiro do que conta con 178 ordenadores ultraportátiles para o uso do alumnado en 8 aulas Abalar. Así mesmo, Xesús Vázquez, visitou a biblioteca do centro, integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) desde o curso 2009/2010, que leva recibidos 29.175 euros da Consellería para a mellora dos seus fondos e instalacións. Cómpre salientar que o instituto participa tamén do programa de clubs de lectura impulsado pola Consellería en prol do hábito lector.

En total, o departamento educativo da Xunta de Galicia, investiu neste centro un total de máis de 200.000 euros nos últimos anos, para a implantación dos devanditos programas, así como para a realización de obras para a mellora da electricidade do centro.