A Consellería de Cultura e Educación e Aceites Abril colaborarán na formación do alumnado do ciclo de FP de elaboración de aceites de oliva e viños do IES de Ribadavia

O conselleiro e o co-xerente da empresa veñen de asinar un convenio de colaboración, do que poderán beneficiarse xa o vindeiro curso 44 alumnas e alumnos

A Consellería implantou este ciclo en Ribadavia no curso 2012-2013 co fin de potenciar a cualificación de persoas nun sector vitivinícola de calidade, esencial no desenvolvemento económico da comarca do Ribeiro

O alumnado deste ciclo tamén ten a posibilidade de formarse nas instalacións da Vitivinícola do Ribeiro, ao abeiro do acordo asinado co departamento educativo da Xunta de Galicia o pasado mes de outubro

Ven, 19/07/2013 - 13:30
 A Consellería de Cultura e Educación e Aceites Abril colaborarán na formación d
A Consellería de Cultura e Educación e Aceites Abril colaborarán na formación do alumnado do ciclo de FP de elaboración de aceites de oliva e viños do IES de Ribadavia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o co-xerente da empresa Aceites Abril S. L., José Manuel Pérez Canal, veñen de asinar un convenio de colaboración para a formación do alumnado do ciclo de formación profesional de grao medio en Aceites de Oliva e Viño, que se imparte no IES de Ribadavia. Ao abeiro deste acordo, organizarase un programa de formación nas instalacións da empresa no polígono de San Cibrao das Viñas, complementario á que se lle imparta no propio centro educativo. Cómpre salientar a importancia desta iniciativa, xa que supón unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a recursos tecnolóxicos e maquinaria que só se atopa en este tipo de industrias. Ademais, as alumnas e alumnos deste ciclo poderán realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) en Aceites Abril.  Está previsto que o vindeiro curso poidan beneficiarse xa desta colaboración 44 alumnas e alumnos.

Na súa intervención o conselleiro sinalou que con este convenio “Aceites Abril danos a oportunidade de ofrecer aínda unha mellor formación a este alumnado na parte do currículo relativa aos Aceites de Oliva, poñendo á súa disposición os equipamentos e recurso propios da industria aceitera, que os estudantes deben coñecer fóra do centro educativo, nun contexto real de produción”. Ao mesmo tempo Vázquez Abad recordou que deste xeito reforzase o propósito perseguido pola Consellería cando implantou, no curso 2012/2013, este ciclo no instituto ribadaviense: potenciar a cualificación de persoas nun sector vitivinícola de calidade, esencial no desenvolvemento económico da comarca do Ribeiro.

Ademais da do alumnado, ambas as partes colaborarán na formación e actualización do profesorado dependente da Consellería, que poderá realizarse a través de programas de estadías dos docentes nas instalacións da compañía aceiteira. Así mesmo, a empresa apoiará ao departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad na promoción das ensinanzas de FP e das súas posibilidades e saídas profesionais entre a cidadanía.

Un paso máis na promoción do sector

Este acordo vén complementar ao asinado o pasado mes de outubro para que o alumnado deste mesmo ciclo puidera realizar parte da súa formación – neste caso a correspondente ao apartado de viños- nas instalacións da Vitivinícola do Ribeiro, S.C.G; unha iniciativa da que xa se beneficiaron este curso 21 alumnas e alumnos.

Nesta liña de colaboracións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Consellería de Medio Rural e Mar, asinaron tamén en outubro de 2012 un convenio para que o alumnado deste mesmociclo formativo do IES de Ribadavia podan utilizar as instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) no concello de Leiro, unha colaboración da que se beneficiaron tamén 21 estudantes. Este é un centro de referencia no sector da investigación e desenvolvemento (I+D) dos produtos derivados da vide e considérase que ten as instalacións máis adecuadas para completar a formación do alumnado deste novo grado medio que impulsa a Xunta de Galicia.

Coa prioridade de preparar máis e mellor aos alumnos para adaptarse as esixencias do mercado laboral, a Xunta de Galicia continua abrindo múltiples colaboracións coas empresas implicadas en sectores clave da economía galega e emerxentes. O obxectivo destes acordos é preparar aos alumnos para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación as modificacións laborais que poidan producirse ao longo da súa vida, e así contribuír ao seu desenvolvemento persoal.