Máis de 25.000 persoas beneficiáronse no curso 2012/2013 das ensinanzas para adultos da Consellería de Cultura e Educación

Esta oferta educativa constitúe unha importante garantía en prol da alfabetización, cuxo Día Mundial se celebra o 8 de setembro

Unha rede de 84 centros públicos ofertan estas ensinanzas, que se poden cursar a través de 3 modalidades: presencial, semipresencial e a distancia

Ademais hai actividades específicas para as persoas inmigrantes, e trabállase en colaboración coa Fundación ECCA e Aula Mentor

Sáb, 07/09/2013 - 10:09
 Máis de 25.000 persoas beneficiáronse no curso 2012/2013 das ensinanzas para ad
Máis de 25.000 persoas beneficiáronse no curso 2012/2013 das ensinanzas para adultos da Consellería de Cultura e Educación

Máis de 25.000 persoas de máis de dezaoito anos beneficiáronse durante o curso 2012/2013 dalgunha das accións formativas dirixidas ás persoas adultas que ofrece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; unha oferta educativa que constitúe unha importante garantía en prol da alfabetización, cuxo Día Mundial se celebra o 8 de setembro.

Neste sentido cómpre lembrar que a oferta educativa para adultos da Consellería concrétase nunha rede de 84 centros públicos que ofertan o nivel de alfabetización, ensinanzas básicas iniciais, educación secundaria para persoas adultas, bacharelato, formación profesional, etc. E isto a través de tres modalidades de ensinanza: a presencial, a semipresencial e a telemática. Nos centros públicos inclúense centros específicos de educación de persoas adultas (once, incluídos cinco en centros penitenciarios) e institutos de educación secundaria que ofertan tamén ensinanzas para persoas adultas (66).

Ademais, a Consellería dá resposta aos novos retos que presentan, un deles a atención educativa ás persoas inmigrantes, procedentes de lugares moi variados, moitos deles sen coñecemento básico nin da lingua galega nin da castelá. Para eles existe unha oferta específica que trata de encher esta necesidade: clases de alfabetización e de galego e castelán, que permiten unha integración máis doada deste colectivo na vida laboral e social.

Colaboración con outras institucións

A Consellería de Educación, para asegurar a realidade da aprendizaxe permanente, mantén ademais unha liña de traballo de colaboración con institucións. Basten como exemplo o acordo co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, para a constitución e desenvolvemento de Aulas Mentor en toda a comunidade autónoma, e coa Fundación ECCA, para asegurar a atención de colectivos con necesidades específicas a través da radio e doutras tecnoloxías da comunicación.

A rede de Aulas Mentor permite a atención a un colectivo de máis de mil persoas ao ano mediante a impartición de cursos de carácter profesionalizante a través de Internet, e isto a través da rede de Aulas Mentor en centros públicos (15) e en concellos colaboradores (9). A Fundación ECCA utiliza unha metodoloxía específica (radio, Internet, CD, etc.) para proporcionar preparación a preto de 1.000 persoas adultas para a obtención do graduado en secundaria a colectivos que doutra maneira non podería obtelo e para proporcionar formación inicial básica.

Día Mundial da Alfabetización

A nivel mundial, un de cada cinco adultos, dos cales as dúas terceiras partes son mulleres, non foi alfabetizado e 72 millóns de nenos non están escolarizados. En 1965, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) proclamou o 8 de setembro Día Internacional da Alfabetización.

As administracións públicas están realizando un esforzo importante para facer realidade esa aprendizaxe ao longo da vida. De feito,  en España, e en Galicia en particular, déronse pasos impresionantes no terreo da alfabetización, en particular, e no da aprendizaxe permanente en termos máis xerais. De acordo cos datos dos censos de poboación, as persoas analfabetas en España non superan o 2 por cento, tendo unha incidencia máis significativa entre as mulleres e entre os colectivos de máis de setenta anos. Baste pensar que a comezos dos anos sesenta do século pasado, o índice de analfabetismo en Galicia era próximo ao 12 por cento.

Na actualidade, a sociedade da información demanda alfabetizacións múltiples, de xeito que non é suficiente con dominar as habilidades da lectoescritura e do cálculo básicos para poder desenvolverse como cidadáns plenamente activos. Así, os novos retos pasan por dominar outros instrumentos, como as tecnoloxías da información e comunicación. Deste xeito a formación ao longo da vida, que se ve favorecida pola devandita oferta educativa da Consellería, convértese nunha tarefa fundamental para todos os cidadáns.