Política Lingüística edita en DVD o programa televisivo 'Ben Falado!', que busca achegar a lingua galega á sociedade

A Televisión de Galicia comezará na primavera de 2010 a emisión dos novos capítulos

Xov, 17/12/2009 - 14:14
Xesús Ferro, Rosa María Vilas e Anxo Lorenzo
Xesús Ferro, Rosa María Vilas e Anxo Lorenzo

O DVD Ben falado! estará dispoñible o próximo luns nas principais librerías da comunidade galega. Trátase dunha antoloxía de oitenta e dous capítulos deste microespazo divulgativo sobre a lingua galega que vén de emitir a Televisión de Galicia. A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou hoxe pola mañá en rolda de prensa o DVD, que tamén se distribuirá como material de apoio nos centros educativos de Galicia e nos centros de estudos galegos, a través dos que Política Lingüística está a impulsar a lingua galega en máis de corenta universidades de todo o mundo.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, estivo acompañado na presentación do DVD Ben falado! polo director e presentador do programa, Xesús Ferro, e mais pola directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas.

Un espazo ameno e áxil para a divulgación do galego

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo gabou o rigor e a alta calidade do programa, ao tempo que se referiu ao Ben falado! como ''un proxecto que contribúe ao achegamento de toda a sociedade á lingua galega a través de explicacións sobre toponimia ou antroponimia ou sobre outros campos da lingua como son a fraseoloxía, a gramática ou a morfoloxía, pero dunha forma amena e áxil, facéndoo atractivo para todos os públicos, de calquera profesión e idade''.

Estes oitenta e dous capítulos que se recollen no DVD constitúen unha escolma dos capítulos que se emitiron na Televisión de Galicia desde xullo de 2008 ata xullo de 2009. Neles tamén atopamos reportaxes sobre a situación da lingua galega nos diversos sectores da sociedade: no empresarial, no educativo, no sanitario, no das novas tecnoloxías etc. A literatura galega e mais a historia da lingua galega son outros dous temas que teñen especial relevancia neste programa.

Amosar ''a luz e o mel'' da lingua galega

O director e presentador do programa, o académico Xesús Ferro, destacou ''a maxia das palabras de todos os idiomas do mundo'' e nese sentido referiuse á lingua como un ''espectáculo''. O secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades destacou o gran número de especialistas de todos os campos da lingua que están detrás do programa e aclarou que a vontade do mesmo non é corrixir os erros que se cometen na lingua, senón amosar ''a luz e o mel'' do galego, a riqueza da nosa lingua. Pola súa parte, a directora-xerente da Televisión de Galicia destacou o éxito do Ben falado!, constatado a través de altos índices de audiencia.

Así mesmo, Rosa Vilas reiterou ''o compromiso da CRTVG co idioma e a cultura de Galicia, por outra parte, a nosa razón de ser'', asegurou. Neste sentido, manifestou ''un apoio incondicional á nosa lingua''. ''No seu día -dixo Rosa Vilas- a TVG foi o mellor dos instrumentos para contribuír á normalización lingüística e, agora mesmo, atopámonos nunha nova etapa de consolidación e apoio á lingua. A TVG é o instrumento eficaz para contribuír a ese labor de difusión do noso idioma''.

O Ben falado! regresa á pantalla con novos capítulos

Ademais da edición de 2.000 exemplares do DVD, Anxo Lorenzo anunciou que o ano que vén volverán emitirse novos capítulos do programa que dirixe e conduce Xesús Ferro. A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca fomentar a presenza de programas sobre lingua galega nos medios de comunicación; programas que teñan rigor, pero que ao mesmo tempo sexan amenos e esperten o interese da sociedade galega pola lingua propia de Galicia.

Menús News node R