A Rede de Bibliotecas de Galicia realizou no último ano 12.700 actividades de dinamización da lectura para toda a cidadanía

A Consellería de Cultura e Educación, dirixida por Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá os datos máis recentes do sistema público de bibliotecas, nunha rolda de prensa con motivo do Día Internacional das Bibliotecas

O novo programa da Consellería “Ler conta moito” desenvolveu máis de 600 sesións de lecer e descubrimento do mundo das bibliotecas

O aumento de usuarios e de préstamos constata o interese social deste servizo, atendido como prioritario pola Consellería e clave para a dinamización da cultura

A través de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, Cultura e Educación ten ao dispor da cidadanía 4.751 rexistros bibliográficos e 155.783 grupos multimedia

Mar, 22/10/2013 - 13:45
Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá os datos máis recentes do sistema públic
Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá os datos máis recentes do sistema público de bibliotecas, nunha rolda de prensa con motivo do Día Internacional das Bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou esta mañá en rolda de prensa os datos máis recentes da Rede de Bibliotecas de Galicia, correspondentes ao ano 2012, así como as novidades do seu servizo no ámbito das tecnoloxías. No marco dunha rolda de prensa con motivo do Día Internacional das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad informou da actividade realizada polo sistema bibliotecario público de Galicia no último ano, no que os seus centros realizaron un total de 12.699 actividades de dinamización da lectura, cun orzamento de 800.000 euros investido polas administracións local e autonómica.

Segundo se desprende do balance estatístico de 2012, realizado a partir das enquisas a 307 dos 388 centros que conforman a rede, “as bibliotecas constitúen un servizo básico para a cidadanía, atendido como prioritario pola Xunta de Galicia e imprescindible para podermos garantir un acceso igualitario á información e á cultura”, valorou Xesús Vázquez, que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

Incremento de usuarios e de préstamos

Que este servizo é unha necesidade e que a poboación é máis proclive a utilizalo revélano tanto os datos relativos ao préstamo como aos usuarios. No que se refire ao préstamo, rexistráronse no último ano preto de 2.450.000, o que supuxo un incremento do 7,5% respecto do ano anterior. O tipo de documentación que maioritariamente collen en préstamo os usuarios é o libro, aínda que cada vez máis se acode á biblioteca para buscar produtos e información noutros soportes, como o audiovisual.

En canto aos usuarios da Rede de Bibliotecas de Galicia, os datos apuntan preto de 700.000. Segundo afirmou Anxo Lorenzo, “lograr incorporar novas persoas que utilicen a biblioteca e que teñan esta referencia para acceder aos libros e á información que necesitan para a súa vida cotiá é unha das tarefas máis importantes nas que se está a traballar desde as principais bibliotecas”. Neste sentido, é significativo que o incremento nas altas de usuarios aumentou desde 2010 en máis dun 15%. No último ano, o número de novos usuarios que fixeron o seu carné foi algo máis de 53.429 persoas.

Respecto das coleccións bibliotecarias, que son o conxunto de documentos que compoñen os fondos das bibliotecas, o volume total en 2012 suma 5.136.587 documentos, o que supón un incremento de máis dun 7,3% nos últimos tres anos.

O conxunto de datos referidos á Rede de Bibliotecas de Galicia, que, malia a crise e as dificultades, revelan que a progresión da mellora do servizo continúa, pasarán a formar parte a finais de ano dun informe completo que elabora o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en coordinación coas comunidades autónomas, que permitirá obter novas comparativas e unha fotografía máis ampla do servizo.

Garantir o acceso igualitario á cultura e á información

A Consellería de Cultura e Educación ten a responsabilidade da coordinación do conxunto do sistema bibliotecario público, que é a Rede de Bibliotecas de Galicia. Xestiona,  ademais, as bibliotecas nodais, que son as bibliotecas centrais do sistema (Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña), e desenvolve diversas actuacións e programas para o conxunto das bibliotecas públicas de xestión municipal. Cos obxectivos de fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de participación e para a aprendizaxe, consolidar a súa programación de actividades e poñer en valor o libro e a lectura como elemento de transmisión de coñecemento, a Consellería está a impulsar diversas iniciativas.

Para avanzar na mellora das coleccións bibliográficas, Cultura e Educación distribuíu este ano 35.500 exemplares entre preto de 300 centros bibliotecarios de toda Galicia, ao abeiro do programa de Fomento do Libro en Galego, e investiu máis de 825.000 euros na dotación de novas coleccións. Co obxectivo de garantir o acondicionamento do equipamento, a Consellería tamén destinou 200.000 euros na mellora de infraestruturas, mobiliario e implantación tecnolóxica das bibliotecas.

Novas iniciativas para a dinamización da lectura

No marco do compromiso coa formación permanente, máis de 200 persoas beneficiáronse dos oito cursos ofrecidos para o persoal da rede e tamén se convocaron un total de 33 bolsas de formación cun investimento de preto de 230.000 euros. Para avanzar na dinamización da lectura, a Consellería puxo en marcha este ano o programa “Ler conta moito”, para lle achegar a lectura á cidadanía dun xeito lúdico e atraente. Un total de 112 concellos de toda Galicia participaron nesta iniciativa, que ofreceu preto de 600 sesións de obradoiros, contacontos, monicreques e outras doutras actividades de animación á lectura para toda a cidadanía, especialmente para o público infantil.  

Outra das novidades deste ano promovidas por Cultura e Educación, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, foi o Voluntariado Cultura, un programa específico para as bibliotecas nodais que está a permitir contar coa participación de usuarios que desexen colaborar con outros en determinadas actividades das bibliotecas.

Aposta pola vertente dixital

No aspecto da vertente dixital do servizo, Cristina Rubal presentou a nova web da Biblioteca de Galicia, a biblioteca central do sistema bibliotecario galego, a través da que se lle ofrece á cidadanía información actualizada e de interese sobre os catálogos e coleccións, as actividades desenvolvidas e as publicacións vinculadas co ámbito bibliotecario, entre outros servizos.

A través da súa páxina web, http://bibliotecadegalicia.xunta.es/, tamén se pode acceder a Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, un proxecto para a dixitalización do patrimonio bibliográfico e documental de Galicia que ten como principais obxectivos recuperalo, conservalo e difundilo. Na actualidade, Galiciana –o segundo repositor máis importante de contidos de Hispana, o directorio de recursos dixitais españois, e que se integra tamén en Europeana, a biblioteca dixital europea– ten ao dispor da cidadanía 4.751 rexistros bibliográficos e 155.783 grupos multimedia.

Entre as últimas incorporacións inclúense un total de 719 rexistros procedentes da Real Academia Galega e máis de 200 da Biblioteca do Seminario de Mondoñedo. Nos últimos tres meses, Galiciana tivo máis de 23.000 visitas e 360.800 consultas de obxectos multimedia.