Cultura e Educación pon en marcha a nova web de GalicianTunes para potenciar a promoción internacional da música galega

A Agadic renovou totalmente o deseño e os contidos do portal, do que ata o momento forman parte 137 solistas e grupos de todos os estilos e 39 compañías e asociacións profesionais

Desenvolvida en colaboración con AGEM, busca converterse nunha ferramenta útil para artistas, empresas e festivais cara a impulsar a súa imaxe exterior baixo esta marca de referencia na difusión da música de Galicia

A plataforma reforzará a presenza da delegación galega esta semana no Womex 2013 de Cardiff e difundirá a nova recompilación musical de GalicianTunes que, baixo o título 'Road to Womex', pode ser escoitada en liña

Dom, 27/10/2013 - 09:30
web de GalicianTunes
Web de GalicianTunes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa ten en funcionamento a nova web de GalicianTunes, a marca para a promoción da música galega no exterior, co obxectivo de ofrecerlles aos artistas, grupos, asociacións e empresas do sector unha ferramenta útil para potenciar a difusión internacional do seu traballo. Trátase dunha versión totalmente renovada do portal www.galiciantunes.com, tanto nos seus contidos como no deseño e estrutura, que Cultura e Educación pon en marcha a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM).

Con  plataforma en Internet, dáse un importante paso adiante no impulso desta marca cara ao fomento dunha imaxe compacta e de calidade da industria musical galega. Agrúpanse baixo ela institucións, asociacións e empresas musicais, que empregan este selo para a realización de diferentes accións promocionais e para a participación conxunta en eventos e mercados internacionais.

Unha web que ten como obxectivo ser un referente dentro da estratexia global de internacionalización da nosa música, funcionando tanto de altofalante da actualidade musical galega no exterior, como de canle para o achegamento aos nosos artistas e compañías por parte dos profesionais e públicos foráneos, deste xeito conta con versións en galego, español e inglés, que se activan automaticamente segundo o idioma no que estea configurado o navegador do usuario.

Estética e funcionalidade

O portal acolle un total de 137 artistas e grupos de todos os estilos, que á súa vez reúnen referencias a 230 traballos discográficos e dan acceso á reprodución en liña de 260 vídeos musicais. Ademais da información directa sobre cada unha destas bandas e solistas, as fichas redirixen ás webs promocionias, redes sociais, aplicacións de reprodución en streaming e portais de venda de música en liña que estean dispoñibles en cada caso.

O portal inclúe tamén un apartado dedicado á industria musical, que a día de hoxe está composto por 39 asociacións profesionais e empresas que desenvolven a súa actividade en ámbitos como o management, produción e promoción de eventos, iluminación, son, edición musical, gravación e produción discográfica, entre outros. Así mesmo, Sutil explicou que nestes momentos se está a iniciar o proceso para a incorporación dos festivais de carácter profesional con sede en Galicia, “sección na que ­–continuou– agardamos poder contar axiña cunha destacada representación”.

Proceso aberto e integrador

A plataforma, cun carácter aberto e integrador, busca dar cabida a todos os integrantes do sector que desenvolven a súa actividade a nivel profesional en Galicia de acordo coas categorías antes mencionadas: artistas e grupos, industria musical e festivais. Neste sentido, a web permite a progresiva incorporación de novos integrantes, que poden solicitar a súa alta a través do enderezo electrónico soporte@galiciantunes.com seguindo as indicacións que se especifican na páxina.

O obxectivo é acadar unha panorámica da música galega o máis ampla e actual posible, de xeito que o portal destaca xa na cabeceira da súa portada as principais novidades referentes á presenza da marca GalicianTunes e da música galega no exterior.

GalicianTunes en Womex

Así, ofrécese información sobre a participación galega en Womex 2013, o maior mercado internacional no ámbito da world music, que que se desenvolveu estes días en Cardiff e onde GalicianTunes foi representada por seis empresas e asociacións. Esta delegación comercial formará parte, á súa vez, do stand de Galicia como sede de Womex 2014, que terá lugar en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro do ano que vén.

Neste encontro difundiuse a nova recompilación musical de GalicianTunes que, baixo o título Road to Womex, puxo a disposición dos internautas 25 temas seleccionados para a súa escoita en liña a través da nova web. Neste portal pódese reproducir, así mesmo, a recompilación publicada o pasado ano 2012 e obter información sobre os anteriores discos desta colección promocional.