Xesús Vázquez Abad asina o convenio de colaboración coa Fundación Empresa Universidade Galega para os titulados en ensinanzas artísticas e deportivas

A Consellería de Cultura e Educación amplía o convenio asinado en 2012 destinado a ensinanzas de FP a través do cal se estableceu o desenvolvemento dun mecanismo para a realización de prácticas en empresas

Ven, 15/11/2013 - 13:35
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), Francisco J. Pereiro Pérez, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración para o apoio aos programas de becas de formación práctica de persoas tituladas en ensinanzas artísticas e deportivas.

Dito convenio, asinado hoxe en San Caetano, vai dirixido aos estudantes de ensinanzas elementais de música e de danza; aos das artísticas profesionais de música e danza así como aos dos graos medio e superior de artes prácticas e deseño. Tamén están incluído o alumnado  de ensinanzas artísticas superiores nos que se inclúen os estudos superiores de música e danzas, as ensinanzas de arte dramática, de conservación e restauración de bens culturais, de deseño e os estudos superiores de artes plásticas nos que se inclúen os de cerámica e vidro.

Ademais o acordo tamén é relativo ás ensinanzas deportivas, cuxo fin é preparar aos estudantes para a actividade profesional en relación cunha modalidade ou especialidade deportiva, así como facilitar a súa adaptación á evolución do mundo laboral e deportivo e á cidadanía activa.

O desenvolvemento

Esta addenda completa o convenio asinado no 2012, por primeira vez, e no que xa se daba conta de que a FEUGA implantaría e desenvolvería programas e actuacións específicos encamiñados a desenvolver o mecanismo preciso para a realización de prácticas en empresas de calquera tamaño e sector de actividade. O número de beneficiados por este programa de bolsas ata este momento foi de 603.

Deste xeito a Consellería e a FEUGA dan conta da necesidade de unir esforzos, mellorando o aproveitamento dos recursos dispoñibles e coordinando medidas de apoio ás iniciativas de formación práctica en empresas e inserción profesional de persoas tituladas da FP e, a partir de agora, das devanditas ensinanzas de réxime especial. No documento asinado hoxe queda reflectido o acordo en actuacións dirixidas a facilitar o progreso no itinerario profesional das devanditas persoas tituladas e que faciliten a relación destas e as empresas.

A Consellería de Cultura e Educación volve amosar o seu compromiso coa preparación dos estudantes galegos para a súa inserción no mundo laboral, neste caso dándolles a través da FEUGA unha nova oportunidade de incorporarse ao mundo da empresa.