A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino en tan só un ano

O espazo de Eduga incorporará no próximo número dúas novas seccións: “Innovación” e “Bibliotecas”

Ven, 06/12/2013 - 09:40
A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na w
A Consellería de Cultura e Educación acadou preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino en tan só un ano

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acadou no ano 2012 preto de 1,3 millóns de visitas na web da Revista Galega do Ensino (http://www.edu.xunta.gal/eduga ), unha publicación semestral na que se recolle información de interese para todos os niveis do ensino, desde a educación infantil ata a universitaria. Dirixida por Juan A. Granados Loureda, a Revista conta coa colaboración de destacadas figuras do eido da educación en Galicia, desde representantes de centros de ensino como das tres Universidades públicas galegas, da UNED, das Universidades de Valencia, Barcelona e Salamanca, e do Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione de Roma.

Estas visitas reflicten o valor que os usuarios lle dan a esta publicación da Consellería de Cultura e Educación como fonte de información especializada no eido do ensino. Editada desde o ano 1993, a Revista conta cunha longa tradición na difusión das experiencias que se levan a cabo nos centros educativos, das actividades de formación desenvolvidas e das novidades en materia de investigación e de lexislación de interese para a comunidade educativa. Así mesmo, EDUGA recolle entrevistas e novas da actualidade educativa a nivel galego, nacional e internacional. Ademais, a publicación conta con espazos como “Opinión”, “A nosa escola” ou “Que é?” abertos á participación da comunidade educativa, así como cunha ampla hemeroteca cos números xa publicados a disposición dos usuarios.

Finalmente, na súa liña de permanente evolución e renovación, e coincidindo coa saída do número 66 prevista para o próximo mes de decembro, EDUGA incorporará dous novos apartados que acompañan ao de “Formación” recentemente integrado na Revista. Así, a comunidade educativa galega disporá das seccións “Innovación” (con subseccións como as dedicadas ao Plan Proxecta ou aos Contidos educativos) e “Bibliotecas” (con tres subapartados: Boas Prácticas, Biblioteca Escolar e Hora de ler) destinadas a enriquecer as propostas de reflexión metodolóxica e innovación educativa que ata o momento acollía a Revista Galega do Ensino.