Anxo Lorenzo incide en Ecolingua na importancia de acadar un consenso político e social arredor do galego

O responsable de Política Lingüística participou hoxe neste simposio nunha mesa redonda sobre lingua e institucións

Ven, 18/12/2009 - 09:58

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu na importancia de acadar un consenso político e social arredor do galego durante a súa intervención no Simposio Internacional Ecolingua 2009, no que participou hoxe nunha mesa redonda sobre lingua e institucións. ''Consenso é, ao meu ver -dixo o responsable de Política Lingüística-, que logremos compartir unha valoración común do que representa a lingua galega na nosa sociedade e unhas pautas básicas que garantan unha axeitada acollida das medidas en materia de lingua''. Desde esta perspectiva do consenso, Anxo Lorenzo fixo unha reflexión sobre a construción da política lingüística en Galicia nos últimos trinta anos, incidindo na Lei de normalización lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, na que destacou que ''non é fácil atopar momentos de doada concordia política nos asuntos de lingua''.

Unha actuación ''responsable'' das forzas políticas e sociais

Anxo Lorenzo destacou que é importante unha reflexión desde as diferentes forzas políticas, desde as institucións e desde os principais axentes do proceso de difusión da lingua galega sobre ''os acertos e desacertos do camiño andado, sobre o modo de presentación das iniciativas dinamizadoras ante a sociedade e sobre os modos de implicación da sociedade neste proceso''. Neste sentido, o secretario xeral fixo fincapé no deber das forzas sociais e políticas de actuar con ''responsabilidade''.

O valor do galego na cohesión social

Durante a súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística tamén incidiu na importancia de que a lingua propia de Galicia sexa percibida como un elemento útil para os galegos e as galegas, como sociedade e como individuos, e de ''reforzar o seu valor para a cohesión social'', asegurou.

Ecolingua

Manuel González, secretario da Real Academia Galega; o tamén académico e membro do Consello da Cultura Galega Víctor Freixanes; e mais a concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización de Vigo, Iolanda Veloso; acompañaron na mesa redonda o secretario xeral.

O Simposio Internacional Ecolingua está organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA). O Centro Social Caixanova de Vigo acolle desde o xoves e ata mañá conferencias, seminarios, mesas de debate e relatorios nos que se están a tratar temáticas como a coexistencia de linguas, a comunidade galega como realidade plurilingüe, o papel de cada lingua nun país plurilingüe ou o galego como referente colectivo e elemento de cohesión social.

Menús News node R