O conselleiro de Cultura e Educación presenta o documental ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía’

Acompañado, polo secretario xeral de Política Lingüística, polo secretario xeral de Cultura e polo director da peza dérono a coñecer hoxe en rolda de prensa

No audiovisual sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas é o propio Díaz Castro quen recita os seus poemas e percorre os lugares onde transcorreron os seus primeiros anos

O documental súmase aos materiais que a Consellería pon a disposición dos equipos de dinamización da lingua galega no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística para celebrar o 17 de maio

Ven, 28/02/2014 - 12:09
O conselleiro de Cultura e Educación presenta o documental ‘Xosé María Díaz Cast
O conselleiro de Cultura e Educación presenta o documental ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe outra das iniciativas que o seu departamento pon en marcha no marco da programación que impulsa a Xunta de Galicia para renderlle tributo ao autor guitiricense Xosé María Díaz Castro, a nova edición remasterizada do documental ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía’, que percorre a vida e a obra do autor homenaxeado este ano con motivo das Letras Galegas. Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, acompañaron ao conselleiro neste acto; así como director do documental, Xulio Xiz Ramil.

O conselleiro destacou a utilidade desta peza audiovisual “para os docentes que queiran difundir nos centros educativos o labor do autor de ‘Nimbos’”,  para o que se porá o documental a disposición dos equipos de dinamización da lingua galega desde o web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Neste sentido, gabou a figura de Díaz Castro, “un home que, tal e como se conta no documental, chegou a dominar unha chea de idiomas europeos, pero que optou polo galego para expresarse literariamente, e iso a pesar de vivir en tempos en que esta era unha decisión difícil”.

Díaz Castro a través do audiovisual

Así mesmo o conselleiro enmarcou a iniciativa no amplo programa de actuacións promovidas pola Consellería de Cultura e Educación para festexar as Letras Galegas e implicar o conxunto da cidadanía nesta celebración. “Dar a coñecer a obra poética do autor e contribuír ao recoñecemento do seu traballo lingüístico e literario son –segundo afirmou– os obxectivos principais das iniciativas que a Xunta de Galicia está a impulsar este ano arredor do 17 de maio”, entre as que tamén se inclúen outros proxectos audiovisuais.

En colaboración coa CRTVG, difundiranse microespazos animados con poemas de Díaz Castro durante todo o mes de maio e o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), da Agadic, proxectará o documental de Xosé Antón Cascudo ‘O instante eterno’, que tamén está integrado na exposición itinerante ‘Nimbos de luz’.

Da man de Díaz Castro

O documental “Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía” é unha viaxe pola vida e pola obra do autor  homenaxeado este ano con motivo das Letras Galegas que ten o valor engadido de facerse da man do propio poeta, pois é el mesmo quen guía o espectador polos lugares onde transcorreron a súa infancia e a súa mocidade. Neses espazos emblemáticos, o autor recita algúns dos seus textos máis significativos e comenta aspectos relevantes da súa traxectoria vital e literaria. Así, por exemplo, detense a sinalar as persoas e acontecementos que incidiron na súa escolla do galego como lingua de expresión poética.

Celebración das Letras Galegas nos centros educativos

‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía’ foi gravado en 1987 e remasterizado para celebrar o Día das Letras Galegas 2014, dedicado ao poeta de Guitiriz. Deste xeito, pode sumarse aos materiais que a Consellería de Cultura e Educación difunde a través do web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalegapara utilización dos equipos de dinamización da lingua galega, a maioría deles resultado do labor dos propios equipos.

Nese mesmo espazo han estar axiña a disposición dos centros educativos os traballos “Esmeralda”, do CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz, e “Sombras radiantes”, do IES Perdouro de Burela, gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2014 que convocou a Secretaría Xeral de Política Lingüística para elaborar unha exposición e unha unidade didáctica sobre o autor homenaxeado o próximo 17 de maio, coa finalidade de achegar o alumnado a Díaz Castro e á súa obra.