A Consellería de Cultura e Educación e FINSA/FORESA porán en marcha un novo proxecto de FP Dual no ciclo superior de Mecatrónica Industrial no CIFP Politécnico de Santiago

O conselleiro e José Carballo veñen de asinar un convenio de colaboración, do que poderán beneficiarse xa o vindeiro curso 15 alumnas e alumnos

Lun, 17/03/2014 - 14:15
O conselleiro durante a sinatura do convenio
O conselleiro durante a sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e José Carballo García, en representación das empresas Financiera maderera S.A. e Foresa Industrias Químicas del noroeste S.A. (FINSA/FORESA),  asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha dun novo proxecto de formación profesional dual en Santiago de Compostela. Ao abeiro deste acordo, abrirase unha convocatoria para que 15 alumnas e alumnos se matricule no ciclo de grao superior en Mecatrónica Industrial no CIFP Politécnico de Santiago durante os cursos 2014/2015, 2015/2016 e 2016/2017.

Trátase do sexto proxecto de FP Dual que a Consellería pon en marcha, tras os asinados con Coremain, UNVI, Repsol e FEPROHOS – dous convenios-. O asinado hoxe é, ademais, o primeiro relativo á familia profesional de Instalación e mantemento, que supón tamén a implantación desta familia da Formación Profesional en Santiago, onde non había esta oferta ata o momento. Deste xeito a iniciativa supón un paso máis na estratexia que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver en prol dunha formación de calidade na que, coas axudas das empresas galegas, se facilite que o alumnado dos ciclos formativos compaxinen o seu período de estudos teóricos co coñecemento da realidade industrial mediante a realización de prácticas, o que contribúe á preparación dos estudantes para a súa entrada no mercado laboral. Así mesmo, esta formación favorece ás empresas, que poden preparar aos estudantes dacordo coas necesidades reais do noso tecido produtivo.

De feito, o valor diferencial da FP Dual radica na combinación de formación curricular con prácticas remuneradas na empresa (arredor do 59,7 % dos 3 cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación e mellorar a súa empregabilidade. O período formativo desenvolveranse no CIFP Politécnico de Santiago, así como nas instalacións de FINSA/FORESA.

Ao acto, ademais dos asinantes, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de FP da Consellería, María Eugenia Pérez Fernández.

Mecatrónica industrial

O proxecto no ciclo superior de Mecatrónica industrial terá unha duración de 4.827 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 1.948 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.045 horas impartiranse no CIFP Politécnico de Santiago e as outras 545 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 358 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.

Ademais, as alumnas e alumnos realizarán un total de 2.879 horas de prácticas. Neste tempo o alumnado percibirá unha retribución a través do Programa de Bolsas Formación Profesional Dual – nacido ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA)- , cun importe que se fixará tomando como base o soldo mínimo interprofesional publicado para cada ano de duración do proxecto, e en proporción ao tempo prácticas na empresa do estudante. O importe desta bolsa, que os estudantes percibirán mes a mes, inclúe ademais a cotización ao réxime xeral da Seguridade social e as retencións tributarias exixibles.

A distribución horaria establecerase do seguinte xeito:

 

 

 

 

 

 

 

Co fin de garantir o correcto funcionamento do proxecto, a empresa nomeará un titor ou titora da alumna ou alumno, que será responsable do seguimento da actividade formativa e da súa coordinación coa laboral; así como da comunicación co centro educativo. Así mesmo, o CIFP Politécnico de Santiago designará un docente como titor ou titora responsable de seguir a formación, coordinar a avaliación co profesorado, e servir como interlocutor coa empresa.

Ademais, establecerase unha comisión de seguimento, control e supervisión do proxecto, constituída por membros da Consellería, do CIFP Politécnico de Santiago e de FINSA/FORESA.