Cultura e Educación restaura un expediente histórico contra Casares Quiroga achado recentemente nun xulgado da Coruña

O expediente, iniciado a finais da Guerra Civil para incautar os bens do que fora presidente do Goberno durante a II República, poderase ver no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con motivo do 25.º aniversario deste órgano

O secretario xeral de Cultura entregoulle ao presidente do TSXG o documento, que tras a celebración desta efeméride será custodiado no Arquivo do Reino de Galicia

Lun, 19/05/2014 - 15:05
 Cultura e Educación restaura un expediente histórico contra Casares Quiroga ach
Cultura e Educación restaura un expediente histórico contra Casares Quiroga achado recentemente nun xulgado da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Arquivo do Reino de Galicia (ARG), acaba de restaurar o expediente contra Santiago Casares Quiroga procedente do Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas da Coruña e achado recentemente no xulgado de Primeira Instancia nº 2 da cidade herculina. A restauración deste expediente, iniciado a finais da Guerra Civil para incautar os bens de Santiago Casares Quiroga, presidente do Goberno durante a II República,  enmárcase no labor que vén levando a cabo o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad a prol da conservación do patrimonio documental.

A partir de mañá, 20 de maio, o documento estará exposto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con motivo da conmemoración do 25.º aniversario da creación deste órgano. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fíxolle hoxe entrega ao presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, do expediente, formado por sete pezas e con documentación que abarca temporalmente desde o ano 1938 a 1966. Tras os actos de celebración da efeméride, o expediente será custodiado polo Arquivo do Reino de Galicia. A directora do arquivo, Carmen Prieto Ramos, acompañou o secretario xeral de Cultura no acto de entrega do expediente, que tivo lugar esta mañá.

Proceso de restauración

Para a súa restauración, someteuse o expediente a diversos procesos, que inclúen, entre outros, a súa desmontaxe, a eliminación de grampas, cosidos e outros elementos de unión, a eliminación de sucidade superficial e lavado, desacidificación, reintegración, reapresto e alisado. Completouse coa montaxe e cosido dos mazos de acordo coa orde orixinal. Ademais, confeccionáronse carpetas para cada mazo co obxectivo de favorecer a protección da documentación e dixitalizouse o expediente antes e despois de ser restaurado. Como medida complementaria da conservación, o expediente foi dixitalizado antes e despois de ser restaurado. No proceso participaron todos os técnicos do laboratorio de restauración do ARG.

O ARG conserva entre os seus fondos o arquivo da familia Casares Quiroga, do século XVII a 1934, que comprende, entre outros, documentos patrimoniais e  documentos de función (administración de propiedades), tanto do seu pai, Santiago Casares Paz, como de Casares Quiroga. Deste figuran tamén documentos relacionados coa súa actividade política e co seu proceso: o inventario da súa biblioteca e o informe do inspector de Arquivos ao delegado de Facenda da Coruña sobre as vicisitudes da biblioteca intervida. No fondo tamén figuran 126 fotografías de membros e amigos da familia.

O achado e natureza do expediente

Os traballos de modernización, organización e clasificación realizados polo persoal do Arquivo territorial de Xustiza na Coruña, dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicianos xulgados coruñeses sacaron á luz recentemente este expediente de interese patrimonial, dado o valor do documento e a figura histórica á que fai referencia

En 1938 a Comisión Provincial de Incautacións de Bens da Coruña acordou instruír un expediente sobre Declaración de Responsabilidade Civil contra Santiago Casares Quiroga tras as indagacións realizadas sobre a súa conduta, ideoloxía, traxectoria política, actuacións levadas a cabo e participación en revoltas. É declarado por sentenza do 7 de marzo de 1940 incurso en responsabilidade política polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, impoñéndolle como sanción 15 anos de inhabilitación absoluta, outros 15 de extradición e o embargo total dos seus bens. Ademais, acordan tamén propoñerlle ao Goberno a perda da nacionalidade.

A partir desta sentenza, inícianse as actuacións necesarias para facer efectivas as sancións, así como o embargo dos seus bens, que se adxudican ao Estado. Para levalo a cabo, realizáronse inventarios de todas as súas pertenzas, que se acompañan de títulos de propiedade, polo que o expediente inclúe escrituras do século XIX. O groso de expediente desenvolveuse entre os anos 1938 e 1945, aínda que tamén existe unha providencia datada do 3 de decembro de 1966 na que se ordena o arquivo do expediente por aplicación do decreto de indulto do 10 de novembro de 1966.

Casares Quiroga

Político galeguista e avogado, Santiago Casares Quiroga naceu na Coruña en 1884. Coa proclamación da II República, nomeárono Ministro de Mariña no goberno provisional e máis tarde, de Gobernación. Foi elixido deputado nas Cortes Constituíntes pola provincia da Coruña en 1931, 1933 e 1936. Foi ministro de Gobernación durante o bienio socialista-republicano (1931-1933) presidido por Manuel Azaña.

En 1934 une o seu partido (Organización Republicana Galega Autónoma –ORGA–, renomeado Partido Republicano Galego en 1932) co de Azaña e outras forzas para crear Esquerda Republicana, partido que se integraría na Fronte Popular. Tras o triunfo da Fronte Popular nas eleccións de 1936 nomeárono ministro de Obras Públicas. Co acceso de Azaña á presidencia da República, Casares Quiroga foi nomeado Presidente do Consello de Ministros e ministro da Guerra (maio de 1936). Ao rematar a Guerra Civil, exiliouse a Francia, onde morreu en 1950.