O goberno galego preséntalle á sociedade as bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Texto presentado hoxe será o punto de partida para establecer un diálogo coas diferentes institucións e formacións políticas

Mér, 30/12/2009 - 09:03

Educación presentou hoxe no Consello da Xunta as bases para a elaboración do Decreto do plurilingüismo no sistema educativo non universitario e que derrogará o Decreto 124/2007. A aposta polo plurilingüismo efectivo, a potenciación da participación das familias na definición do marco lingüístico escolar e mais a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais, con máis presenza dunha terceira lingua, en todas as etapas escolares son os piares básicos nos que se asenta o texto elaborado polo Goberno galego.

O obxectivo do Goberno con esta regulamentación é favorecer a convivencia lingüística e garantir a competencia do alumnado nas dúas linguas oficiais de Galicia e, polo menos, nunha lingua estranxeira.

O texto das bases para elaboración do decreto establece un equilibrio lingüístico ao longo das diferentes etapas educativas. No que respecta á Educación Infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado e coidará que adquira o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. A lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán anualmente durante o proceso de preinscrición.

Na Educación Primaria, na ESO e no Bacharelato garantirase a adquisición da competencia lingüística nas dúas linguas oficiais de Galicia e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en inglés. Con esa finalidade, establécese que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán, e prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s). Na medida en que os centros non dispoñan de recursos humanos para ofertar un terzo das horas en lingua estranxeira, estas distribuiranse de forma equilibrada nas dúas linguas oficiais.

Para a definición da distribución lingüística das materiais nestas etapas (Primaria, ESO e Bacharelato) terase en conta a opinión que expresen as familias a través dunha consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria. Na Primaria, que ten 25 horas semanais, a opinión maioritaria das familias será vinculante para determinar a lingua vehicular das materias instrumentais -Coñecemento do Medio e Matemáticas- (ata 10 horas semanais), que serán unha en galego e outra en castelán. Na ESO, que conta con 32 horas semanais, as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de Ciencias Sociais e Matemáticas, que suman ata sete horas semanais. No resto das materias, será o Consello Escolar quen aprobe unha proposta horaria equilibrada, tendo en conta a opinión das familias. No Bacharelato e na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, cada centro educativo aprobará no seu Consello Escolar, escoitando a opinión maioritaria das familias, unha oferta lingüística equilibrada de materias.

Equilibrio e garantía de competencia lingüística

As bases para elaboración do decreto procura a correcta adquisición das dúas linguas oficiais, así como a capacitación progresiva no dominio de linguas estranxeiras. Neste sentido, o texto aposta por un ensino plurilingüe con tres linguas vehiculares, co fin de que o alumnado adquira unha comunicación efectiva nelas, unha materia pendente do Goberno galego para adaptarse ás novas necesidades sociais.

O alumnado poderá empregar na súa comunicación nas aulas a lingua da súa preferencia e os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua na que se imparta a materia. A administración educativa comprométese a promover a elaboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua (s) estranxerias (s). A Xunta procura facilitar a comprensión e a adquisición plurilingüe da terminoloxía básica de cada materia.

Os equipos de dinamización da lingua galega

Para asegurar a súa potenciación fóra do currículo da lingua galega, contarase, como ata agora, co papel activo dos centros, particularmente a través dos equipos de dinamización. Estes 'equipos de dinamización da lingua galega' centrarán o seu labor no fomento da lingua galega. Como novidade, incorpóranse por vez primeira aos equipos os pais e nais do alumnado, co fin de asegurar a integración activa das familias na promoción da lingua galega.