A Consellería de Cultura e Educación asina un convenio pioneiro de colaboración coas universidades de Santiago, Vigo e A Coruña para o desenvolvemento dos servizos de apoio á investigación

O obxectivo é favorecer a actividade das unidades de apoio a investigación e a transferencia de resultados das 3 universidades galegas

Esta acción pioneira busca organizar un sistema integral de apoio á investigación no SUG

Ven, 10/10/2014 - 13:00
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un convenio de colaboración, cos reitores das universidades galegas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un convenio de colaboración, cos reitores das universidades galegas, Juan Viaño (USC); Salustiano Mato (UVI) e Xosé Luís Armesto (UDC), polo que a Xunta destinará por primeira vez 3.750.000 euros para o desenvolvemento dos servizos xerais de apoio á investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), en concreto para a contratación de tecnólogos,  expertos na xestión da I+D e para o pagamento de taxas de propiedade intelectual, entre outros conceptos. Con esta acción pioneira en España búscase reforzar as unidades de apoio a investigación na procura dun modelo no que o apoio á investigación se organice como un sistema integral, profesionalizado e unificado.

Deste xeito Cultura e Educación reforza a súa aposta pola I+D+i nas universidades galegas como unha estrutura imprescindible para o avance da sociedade do coñecemento e para o porvir do noso tecido económico. De feito, o Plan galego de investigación, innovación e crecemento (I2C) 2011-2015 establece a transferencia de coñecemento adquirida na investigación á sociedade como unha actividade fundamental coa que contribuír ao seu desenvolvemento e crecemento.

A distribución dos fondos entres as 3 universidades faise de acordo a dous módulos de reparto, o primeiro deles unha parte fixa anual, correspondente ao 30% do total de cada anualidade a repartir entre as tres universidades a partes iguais; e o segundo, dun 70% da contía total de cada anualidade, que se distribúe en función de dous indicadores: os contratos captados no programa de recursos humanos e os fondos captados nos programas de consolidación e emerxentes. Neste sentido cómpre sinalar que estes indicadores reflicten o volume de recursos de investigación acadados polas universidades galegas nas convocatorias competitivas tanto do Programa de I+D Incite (2006-2010) como do I2C (2011-2015). Ao abeiro destes criterios a Universidade de Santiago de Compostela percibirá 1.740.000 euros, a Universidade de Vigo 1.188.750 euros e a Universidade da Coruña 821.250 euros.

O obxectivo do convenio é reforzar as accións dos Servizos de Xestión e Apoio á Investigación e ás OTRI das 3 universidades, de xeito que se constitúan nun instrumento ao servizo dos Centros, Grupos e Investigadores do sistema universitario e de investigación en Galicia. Promóvese así a financiación estable das infraestruturas e servizos científico-tecnolóxicos do SUG co fin de aumentar o potencial investigador das Universidades galegas. Así mesmo, propíciase que as universidades coordinen as accións que realicen neste eido, optimizando os recursos que a elas se destinan, tanto no referido ás infraestruturas como ao persoal.