O conselleiro de Cultura e Educación salienta no CEE Príncipe Felipe a oportunidade que supón para estes alumnos a nova modalidade de programas formativos implantada coa FP Básica

Xesús Vázquez Abad salientou e agradeceu o labor do profesorado en prol dun ensino inclusivo

Ven, 05/12/2014 - 12:25
 O conselleiro de Cultura e Educación salienta no CEE Príncipe Felipe a oportuni
O conselleiro de Cultura e Educación salienta no CEE Príncipe Felipe a oportunidade que supón para estes alumnos a nova modalidade de programas formativos implantada coa FP Básica

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá en Pontevedra o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe, onde tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento do novo Plan Formativo Básico de Xardinaría e Viveirismo posto en marcha este ano no centro ao abeiro da implantación da FP Básica. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta salientou a oportunidade que este programa, dun ano de duración e específico para as persoas con discapacidade, supón para estas alumnas e alumnos, xa que lles permite obter unha certificación ao final do curso, ademais de desenvolver competencias específicas vinculadas a unha familia profesional, “o que pode ser un impulso para a súa empregabilidade”.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola súa directora, Amelia Dolores Otero López; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; o conselleiro coñeceu ademais os diferentes obradoiros nos que traballan as 52 alumnas e alumnos, tanto no eido das manualidades como da cociña, a autonomía persoal, a pintura, e mesmo para aprender a tecer alfombras. Así mesmo o alumnado do CEE Príncipe Felipe ten desenvolvido diferentes proxectos en prol da reciclaxe como ‘Reciclar é de sabios’ ou ‘Pon quincalla’, así como a iniciativa artística ‘Cooperarte’.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reiterou o compromiso do seu departamento coa atención á diversidade e agradeceu o labor do equipo directivo e docente. “Nestes días celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, mulleres e homes, rapazas e rapaces que, grazas á profesionalidade destes docentes e especialistas e a centros coma este poden hoxe acadar altas cotas de independencia e autonomía persoal, e desenvolver papeis importantes nesta sociedade inclusiva que debemos construír entre todos”.