Cultura e Educación e a empresa SEAT afondan na formación do alumnado de FP do IES da Cañiza coa entrega dun vehículo para o seu uso na aula

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, participou no acto de entrega do turismo, xunto con responsables da empresa automobilística e de Iberiar Salfer

Refórzase así a liña de colaboración entre a Consellería e as empresas para dotar aos alumnos das ferramentas necesarias e actualizadas co fin de formar a futuros técnicos

Lun, 09/02/2015 - 14:08
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, participou no acto de entrega
O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, participou no acto de entrega do turismo

O alumnado de FP do IES da Cañiza dispón desde hoxe dun novo vehículo para o seu uso na aula, o que lles permitirá afondar na mellora da súa formación práctica. Trátase dun coche con fins didácticos e formativos doado pola empresa SEAT, que se completará coa entrega de outros dous vehículos a centros educativos galegos.

A entrega do turismo –un Seat Altea XL- tivo lugar esta mesma mañá nun acto ao que asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o delegado posventa de SEAT España, Celso Martínez; o xerente de Ibericar Salfer, Ricardo González; o director do IES, David Ferreras; e o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez. A partires de agora, os alumnos matriculados no ciclo de grao medio de Electromecánica de vehículos automóbiles e os do grao de Formación Profesional Básica de Mantemento de vehículos, ven ampliado e actualizado o material dispoñible para levar á practica os coñecementos adquiridos. Así mesmo Seat entregará outros dous vehículos destinados ao CIFP Politécnico de Santiago e ao IES nº 1 de Ordes.

Esta colaboración enmárcase dentro dos acordos entre empresas e o departamento de Educación do Goberno galego para dotar aos alumnos das ferramentas e recursos necesarios para formar a futuros técnicos.

Doutra banda, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 131.000 euros nos últimos anos en obras no IES da Cañiza, con actuacións concretas que repercutiron nunha mellora das súas instalacións, así como na dotación da biblioteca do centro.